6 de diciembre de 2007

QUINTANA presenta a un BNG disposto a xogar despois de marzo na "liga de nacions" do Estado.


O líder nacionalista presentou aos candidatos para as vindeiras eleccións cunha mensaxe clara pola evolución do autogoberno galego e rexeitou calquera pacto con Mariano Rajoy por ter as propostas “máis nocivas para Galiza”

Francisco Jorquera, Olaia Fernández, Paz Abraira e Iago Tabarés. Os catro candidatos do Bloque Nacionalista Galego para as vindeiras eleccións xerais de marzo foron presentados hoxe oficialmente polo líder da formación nacionalista, Anxo Quintana, xunto co lema para a cita coas urnas. Punto de partida e mensaxe de precampaña centrados na necesidade dunha maior presenza en Madrid que reforce o autogoberno galego e defina ao BNG como unha forza con valor dentro do Estado Español.
Para o vicepresidente da Xunta, o equipo que concorrerá nas urnas en marzo ten como obxectivo claro que Galiza, “non só o BNG”, obteña máis poder dentro dun Estado plurinacional “até o de agora monopolizado por Euskadi e Catalunya”. Unha “liga de nacións” na que o nacionalismo galego conseguiu entrar dende un punto de vista parlamentar e social, xa que a “sociedade entende que é o BNG” quen propiciou que sexa este o “mellor momento do nacionalismo galego”.
Ante unha lexislatura que xestionará “elementos moi importantes”, a formación que lidera Quintana ten como remanente de éxito o acadado con estes catro anos de goberno que terminan coa cita de marzo. Ter “liberado máis autogoberno” ou o “éxito do BNG na negociación dos orzamentos do Estado” servirán de base para que o nacionalismo representado polos catro candidatos consiga o mellor partido da Lei de Dependencia ou que a forza conseguida en Madrid esta lexislatura “se manteña co tempo”.
O BNG como “freo contra a recentralización”
“Máis forza en Madrid”, asegura Anxo Quintana, é un lema que “asinarían a maioría dos galegos” con independencia do logo do BNG escrito no cartel. Nestes termos referiuse o nacionalista á estratexia política do líder conservador, Mariano Rajoy. Quintana confesouse “abraiado” polas propostas recentralizadoras do Partido Popular, partido que marcou como promesa electoral a modificación do artigo 150.2 “non só para impedir maior autogoberno”, senón para que o Estado Español “recupere algunhas competencias como a Educación”.
Precisamente, insistiu Anxo Quintana, “será o BNG quen actúe contra esa recentralización” pretendida dende Xénova. A preguntas formuladas polos xornalistas, o líder do Bloque desbotou calquera posibilidade de acordo co partido de Rajoy ou Zaplana por ter as “propostas máis nocivas para Galiza”. Quintana asegurou que a formación frontista “non di que non a ningunha forza, pero si a determinadas ideas”. Ideas, as populares, que “favorecen ás minorías” e que “nunca terán o apoio do BNG”.
Política de Estado dende unha perspectiva do nacionalismo galego
“A prioridade do BNG é pedir cousas para o desenvolvemento de Galiza”, asegurou Anxo Quintana. Sen embargo, apuntou a unhas propostas nacionalistas aplicábeis á política de Estado. Referido a isto, o líder nacionalista apuntalou a política do Bloque máis aló desa “prioridade” que é Galiza, e indicou que a frente que dirixe “ten política laboral, internacional, social e territorial”.
Con ese ideario, o reto é o aumento de votos pero “sen pór límites á nosa ambición”. De cara ao mes de marzo, “mellor son dous parlamentarios sen un goberno de maiorías absolutas que cinco nun goberno con maioría absoluta”.