6 de diciembre de 2007

QUINTANA presenta a un BNG disposto a xogar despois de marzo na "liga de nacions" do Estado.


O líder nacionalista presentou aos candidatos para as vindeiras eleccións cunha mensaxe clara pola evolución do autogoberno galego e rexeitou calquera pacto con Mariano Rajoy por ter as propostas “máis nocivas para Galiza”

Francisco Jorquera, Olaia Fernández, Paz Abraira e Iago Tabarés. Os catro candidatos do Bloque Nacionalista Galego para as vindeiras eleccións xerais de marzo foron presentados hoxe oficialmente polo líder da formación nacionalista, Anxo Quintana, xunto co lema para a cita coas urnas. Punto de partida e mensaxe de precampaña centrados na necesidade dunha maior presenza en Madrid que reforce o autogoberno galego e defina ao BNG como unha forza con valor dentro do Estado Español.
Para o vicepresidente da Xunta, o equipo que concorrerá nas urnas en marzo ten como obxectivo claro que Galiza, “non só o BNG”, obteña máis poder dentro dun Estado plurinacional “até o de agora monopolizado por Euskadi e Catalunya”. Unha “liga de nacións” na que o nacionalismo galego conseguiu entrar dende un punto de vista parlamentar e social, xa que a “sociedade entende que é o BNG” quen propiciou que sexa este o “mellor momento do nacionalismo galego”.
Ante unha lexislatura que xestionará “elementos moi importantes”, a formación que lidera Quintana ten como remanente de éxito o acadado con estes catro anos de goberno que terminan coa cita de marzo. Ter “liberado máis autogoberno” ou o “éxito do BNG na negociación dos orzamentos do Estado” servirán de base para que o nacionalismo representado polos catro candidatos consiga o mellor partido da Lei de Dependencia ou que a forza conseguida en Madrid esta lexislatura “se manteña co tempo”.
O BNG como “freo contra a recentralización”
“Máis forza en Madrid”, asegura Anxo Quintana, é un lema que “asinarían a maioría dos galegos” con independencia do logo do BNG escrito no cartel. Nestes termos referiuse o nacionalista á estratexia política do líder conservador, Mariano Rajoy. Quintana confesouse “abraiado” polas propostas recentralizadoras do Partido Popular, partido que marcou como promesa electoral a modificación do artigo 150.2 “non só para impedir maior autogoberno”, senón para que o Estado Español “recupere algunhas competencias como a Educación”.
Precisamente, insistiu Anxo Quintana, “será o BNG quen actúe contra esa recentralización” pretendida dende Xénova. A preguntas formuladas polos xornalistas, o líder do Bloque desbotou calquera posibilidade de acordo co partido de Rajoy ou Zaplana por ter as “propostas máis nocivas para Galiza”. Quintana asegurou que a formación frontista “non di que non a ningunha forza, pero si a determinadas ideas”. Ideas, as populares, que “favorecen ás minorías” e que “nunca terán o apoio do BNG”.
Política de Estado dende unha perspectiva do nacionalismo galego
“A prioridade do BNG é pedir cousas para o desenvolvemento de Galiza”, asegurou Anxo Quintana. Sen embargo, apuntou a unhas propostas nacionalistas aplicábeis á política de Estado. Referido a isto, o líder nacionalista apuntalou a política do Bloque máis aló desa “prioridade” que é Galiza, e indicou que a frente que dirixe “ten política laboral, internacional, social e territorial”.
Con ese ideario, o reto é o aumento de votos pero “sen pór límites á nosa ambición”. De cara ao mes de marzo, “mellor son dous parlamentarios sen un goberno de maiorías absolutas que cinco nun goberno con maioría absoluta”.


2 de diciembre de 2007

O BNG mostra a súa máis enérxica repulsa ante a nova manifestación da barbarie terrorista e chama á unidade de todas as forzas democráticas

Santiago de Compostela, 1 Decembro 07. O Bloque Nacionalista Galego quer mostrar a súa máis enérxica repulsa ante a nova manifestación da barbarie terrorista e a teimosía da banda ETA no uso irracional da violencia, que hoxe se ten saldado coa morte do garda civil Raúl Centeno en Franza.

O BNG transmite a súa solidariedade aos familiares e amigos desta nova vítima mortal do terrorismo e quer chamar á unidade das forzas con representación parlamentaria para non deixar nengunha fenda no bloque democrático no combate contra ETA.
ETA non ten outro futuro que o da súa inevitábel disolución por ser a súa existencia contraria a todo proxecto democrático e ao necesario respeito aos dereitos humanos, a comezar polo fundamental, o dereito á vida.

fonte www.bng-galiza.org

28 de noviembre de 2007

Quintana afirma que a Vicepresidencia estende o Sistema Galego de Benestar á Galiza da emigración


Vicepresidencia financia con 400.000 euros a construción dun centro de atención social residencial no municipio arxentino de Avellaneda

Trátase dun centro público que atenderá ás persoas maiores galegas, principalmente dependentes, emigradas en Arxentina


O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente da Asociación Fillos de Boiro, José Creo Fernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración


Quintana adiantou que o departamento autonómico poñerá en marcha centros de día en Bos Aires, Uruguai e Venezuela


Santiago, 28 de novembro de 2007.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe que o seu departamento está a estender o Sistema Galego de Benestar a toda a cidadanía galega, tanto aos que residen en Galiza como aos galegos e galegas que viven fóra. Así o dixo esta mañá en Compostela durante o acto de sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Fillos de Boiro polo que o departamento autonómico financia a construción dun centro de día de carácter residencial no municipio arxentino de Avellaneda, lugar de residencia de numerosos galegos e galegas emigrados.
A Vicepresidencia destina á construción desta instalación un total de 400.000 euros, dos que a través do convenio rubricado hoxe por Anxo Quintana e o presidente da entidade, José Creo, se entregaron os primeiros 150.000. Este centro de atención social de carácter residencial, xa en construción, consta dunha residencia con 140 prazas máis un centro de día, e está destinado ás persoas maiores galegas residentes en Arxentina, especialmente a aquelas que están en situación de dependencia. Quintana comprometera a colaboración da Vicepresidencia con este proxecto durante a súa visita a Arxentina hai un ano.
Durante a súa intervención, o vicepresidente explicou que dentro do Sistema Galego de Benestar, xunto a programas e servizos, se está a poñer en marcha unha rede pública de equipamentos composta por residencias, centros de día, e centros de atención á discapacidade "que teñen que servir para que os cidadáns, ademais de ter o dereito a ser atendidos, poidan exercer ese dereito na práctica". Neste senso, asegurou que esta "é unha rede pública que a Vicepresidencia quere levar a todos os cidadáns galegos, tanto aos cidadáns galegos que viven en Galiza como aos que viven fóra", e sinalou a actuación que se desenvolve en Avellaneda como exemplo deste compromiso do seu departamento.
O vicepresidente da Xunta afirmou que esta vai ser unha instalación importante que vai servir para cubrir boa parte da demanda dos cidadáns galegos na Arxentina, en engadiu que "non vai ser a única nin a última". Así, adiantou que a Vicepresidencia ten proxectado a posta en marcha doutro centro de día en Bos Aires, así como de instalacións similares en Uruguai e Venezuela.
O modelo para estes centros, explicou, será similar ao proxecto posto en marcha para Avellaneda. Trátase, segundo dixo, dunha rede pública que se fará en colaboración coas entidades de galegos e galegas no exterior. Con este sistema combínase a efectividade de poñer en marcha estes centros dende alí e con organizacións asentadas alí, cos beneficios que aporta o seu carácter de rede pública. Neste senso, Quintana aclarou que o centro atenderá non só aos asociados destas entidades, senón a todos os cidadáns galegos na Arxentina que o precisen de acordo con baremos de necesidade e inclusión.


Separar atención social e voto


O vicepresidente da Xunta expresou a súa satisfacción porque con iniciativas como esta "demóstrase e pódese comprobar perfectamente na práctica que é posible abordar por un lado o tema da xustiza democrática e a limpeza do voto emigrante e por outro o tratamento social dos emigrantes. Ao respecto, Quintana manifestou que tanto dende o seu departamento como dende o BNG se ten manifestado unha postura moi clara ao respecto do voto emigrante que volveu reiterar. "A asistencia social aos nosos emigrantes é un dereito que os nosos emigrantes teñen pola súa condición de galegos e ten que estar totalmente disociada e non ter ningunha conexión coa limpeza democrática no voto. Na medida en que sexamos capaces de separar as dúas cousas, todos sairemos gañando", apostilou.


O VICE PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA, ANXO QUINTANA, ABRE UNHA CANLE DIREITA DE COMUNICACION COA XENTE



Daréivos a benvida como vos merecedes. Nada de escatimar en gastos. Que sexa algo pola porta grande como é o espazo da rede internauta.

Unha enorme alfombra vermella até chegar a esta fiestra, como as das grandes ocasións. Unha iluminación das que producen a sensación de estar no medio dun arco iris. E o mellor cava das bodegas catalanas para recibirvos nesta nova casa, a do meu blog.

Xa que de momentos especiais falamos, quixera expresar en voz alta dixital un desexo particular. O de poder lograr unha comunicación xovial, desenfadada, informal, directa e fóra de complexos. Lonxe dos xestos acartoados e desprovista de rixideces. Como é internet onde os formalismos sobran e os accesos son doados, sen curvas, nun sentido e con todas as facilidades do mundo. Así quero que sexa a miña nova casa virtual, onde compartiréi con vós as miñas andainas, os meus pensamentos, as miñas opinións, e algunhas das miñas vivencias do día a día. Nada que temer, este foro non está para os discursos senón para a conversa tranquila.

Agardo correspondencia vosa, teño un email aos que vos poderedes dirixir e contarme o que queirades. Preguntar, suxerir, criticar, o que se vos ocorra. Para iso estou. Ademáis, espero receptividade porque non gosto nada de falar eu só.

Artigo da Deputada Olaia Fernández Davila sobre o voto da diáspora

A cuestión do voto da emigración sempre foi motivo de controversia, especialmente cando se practica o duplo xogo e se fai abstracción da necesaria claridade. O mar da confusión sempre foi no que navegaron sobre todo os dous partidos políticos estatais, PP e PSOE. Basta con facer un “flashback”, un memorándum das súas estelares actuacións campaña tras campaña para decatarse do dominio dun elemento clave na súa relación coa emigración galega: vótame logo te quero moito. Os cimentos deste sistema caciquil implantounos sen complexo o ex Presidente da XUNTA, Manuel Fraga, quen ademáis tivo un papel brilante nisto da multiplicación dos pans e dos votos. Foi o artífice de moitas miragres acontecidas no reconto de votos, pois así foi posíbel que en moitas ocasións votaran persoas xa falecidas. A estas alturas da historia ninguén pode negar a conversión do voto da emigración nun puro mercadeo por parte dos dous principais partidos políticos do Estado. Esa é a única razón do interese que teñen en manter o sistema tal cal está. A pervivencia dun modelo que lles convén, co que xogan gostosamente. Non hai que levarse a engano coas dubitativas posicións do PSOE. Hai meses o seu Secretario de Organización, José Blanco, proclamaba a distro e sinistro a imperiosa necesidade de reformar o sistema de voto dos residentes no exterior, nun momento en que fixo unha extrapolación do futuro medre do corpus electoral dos emigrantes no caso de votaren os netos e netas de galegos emigrados con nacionalidade española. Daquela se levou as máns á cabeza. Logo todo quedou aí. Agora predomina o silenzo, a consigna é non mencionar o tema e tirar para adiante mentras Ministros e o mesmo Presidente do Goberno viaxan a Bos Aires, Montevideo e demáis para reunirse coa emigración galega. Curiosa situación. Volverán a falar de reformar o sistema de voto dos residentes ausentes unha vez rematen as Eleccións a Cortes Xerais?

O BNG nunca se prestou a tal operación. Desde que temos consciencia sabemos que detrás da emigración galega hai moitas historias, moitas vivencias, longos anos de pasar por todo tipo de situacións, por iso nos deixamos conducir polo respecto máximo e non polo alborto eleitoral. Xamáis negamos os dereitos sociais, xurídicos, asistenciais ou culturais da emigración galega. E aí están as hemerotecas, os arquitos do Parlamento Galego ou do Congreso e do Senado para demostralo. Temos o orgullo de exhibir unha longa traxectoria de traballo en pro dos dereitos dos residentes no exterior, un traballo que ninguén pode negar. E sobre todo, sempre defendemos o dereito a que os descendentes, filos e netos de emigrantes accedesen á nacionalidade española. Defendemos calquer trampolín ou senda que facilite o seu retorno á terra. En todo este ámbito desenvolvimos e desenvolveremos o noso traballo, mostra evidente do noso compromiso coa colectividade emigrante. Esos son os feitos máis alá dos votos.

Porén tampouco practicamos a falsedade e sempre mantivemos a necesidade de modificar o sistema de votación dos emigrantes. Na vida política cercana, a municipal e a do territorio galego, deben incidir os que habitan, traballan e conviven na Galiza. É un plantexamento que parte de elementos básicos de coherencia, votas onde resides porque é aí onde están os servizos públicos que revirten na túa vida, que te afectan. Outra cousa son as eleccións a Cortes Xerais ou ao Parlamento europeu, institucións que poderíamos denominar “supranacionais”, que consideramos poden contar co voto dos residentes no exterior sempre que naceran ou residiran polo menos dous anos no territorio estatal, e non teñan recoñecido este dereito no pais de residencia. É o normal, en ningún pais do mundo cunha alta emigracións nas súas costas permiten votar en dous Estados ao mesmo tempo, elexir o destino político de dous paises. Remitimos a un exemplo cercano, Irlanda.

A nosa proposta avanza en criterios democráticos, toma en consideración a voz da emigración cando pedimos unha circunscripción eleitoral propia para os residentes no exterior nas votacións a Cortes Xerais. Pura democracia sen trampas numéricas. Un home, unha muller, un voto que ten valor. O tema da distribución de escanos tamén precisa da introducción de congruencia. É xusto que o reparto de escanos se realice en función da poboación de dereito? Non será máis equitativo que esta distribución se faga en base ao censo eleitoral real? Desde logo, Galiza gañaría. Tendo en conta o noso censo eleitoral e o dos residentes ausentes, o resultado das contas arroxan dados reveladores: teriamos 5 escanos máis dos que temos mentras que o actual sistema nos arrebata novamente un deputado por A Coruña. Gañamos votantes pero non contan, non é o mundo ao revés?

De todos é coñecida a triste historia de manipulacións, corrupcións, enganos e irregularidades co voto dos emigrantes. Todos temos na mente un resumo de todo iso: mortos que votan. A depuración, o control, a vixianza deben chegar ao sistema de votación dos residentes ausentes porque é unha medida de limpeza democrática que dá veracidade ao sistema. A mellor maneira é a práctica do sufraxio activo tal e como o facemos os residentes no Estado, con todas as garantías, votando en urna en colexios eleitorais constituidos en órganos institucionais nos distintos paises. A que vén tanta resistencia a pór en marcha un mecanismo que oferece garantías a todo o mundo? Non van os estranxeiros que viven no Estado español a votar ás súas embaixadas e consulados cando se produce un proceso eleitoral? Será tan complicado? Temémonos que non vai por aí a cousa.

En resumidas contas, quen se moleste en analizar o que propomos, decataráse de imediato da inexistencia de intencionalidade algunha, saberá que non é unha proposta contra ninguén senón unha proposta para todos baseada en factores de xustiza equitativa. ---


A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, publicou este artigo en "España Exterior"

24 de octubre de 2007

CONSIDERACION DO BNG ANTE A PROPOSTA DE "CARTA AZUL EUROPEA"

O BNG CONSIDERA QUE A PROPOSTA DE "CARTA AZUL EUROPEA" PODE SER UNHA PORTA ENCUBERTA Á FUGA DE TALENTOS EN PAÍSES EMPOBRECIDOS E PIDE RIGOR PARA EVITAR ABUSOS

Ana Miranda considera que pode ser unha porta para a entrada de descendentes de galegos con boas condicións laborais

Bruxelas 24 outubro 2007. A proposta da "Carta Azul Europea", presentada onte pola Comisión Europea sobre as condicións de entrada na UE para cadros altamente cualificados de terceiros paises debe ser examinada con moito rigor polo Parlamento Europeo, pois a proposta desta directiva corre o risco de ser unha medida que promova de fuga de talentos nos países empobrecidos. Ana Miranda, responsábel da Comisión de Migración do BNG lembra que o éxodo de persoal sanitario nos países africanos xa foi denunciado pola ONU e polo tanto deberían esixirse unhas normas rixidas de recrutamento deste persoal cualificado, con "medidas circulares" con retorno optativo incluido para trasladar a experiencia nos seus paises.

A responsábel da Comisión de Migración do BNG considera moi grave o problema demográfico en Europa, ao que Galiza non é allea, consecuencia do avellentamento da poboación e dos baixos niveis de nacementos. Esta circunstancia producirá, segundo os expertos, que en 2030 exista unha falla de man de obra equivalente á poboación de Rumania. Nese sentido, esta proposta pode ter un interese para Galiza ao ser unha posíbel porta de entrada a descendentes de galegos de orixe que non teñen a nacionalidade, cunha alta formación técnica, en especial en países de América Latina afectados por crises económicas e que desexarían instalarse no noso país para investigar e traballar. Así mesmo, a crise de alumnado que anuncian as universidades galegas podería ser compensada a medio prazo coa chegada con persoas doutros paises.

Ana Miranda lembra que Galiza é un caso especial e ida e volta, que debería ter unha especificidade pola parte da Unión Europea en materia migratoria, posto que entran cidadáns de terceiros paises, e segue emigrando xente nova, cualificada e non cualificada a outras partes do Estado e de Europa, incluida unha constante fuga de cerebros nos últimos anos.

O BNG valora ademais de xeito positivo as medidas comunitarias en apoio da migración legal e do reagrupamento familiar.

26 de septiembre de 2007

Delegación da Xunta de Galiza en Buenos Aires


O BNG valora a importancia histórica da Delegación Exterior da Xunta en Buenos Aires e o nomeamento da nova Delegada, considerando que a primeira función desta delegación sería realizar un censo socioeconómico da emigración galega

Bruxelas 25 setembro 2007

A responsable da Comisión de Migración do BNG considera que a apertura da Delegación Exterior da Xunta en Bos Aires é unha oportunidade excelente de exercer funcións de paradiplomacia en todos os eidos, e lembra que ate o momento, houbo bastante opacidade en canto á información da ubicación da sede da futura Delegación, asi como sobre o proceso de contratación de persoal, esperando que se publiciten ambas cuestións en tempo e forma coa máxima urxencia.

A responsable da Comisión de Emigración do BNG considera que o nomeamento de Maria Xosé Porteiro como futura Delegada da Xunta en Bos Aires, é unha decisión lexítima do Goberno galego que debe ser respeitada, considerando un feito positivo o nomeamento dunha muller con ampla experiencia política en diversos eidos incluindo o dos asuntos exteriores. Miranda critica ao PP no sentido de que agora pretenden ser "a salvagarda da despolitización", cando foron o máximo exponente do nepotismo en moitos casos sen a formación debida para exercer algúns cargos, e seu papel de manipulación da diáspora con fins eleitorais.

"Coñecendo á persoa nomeada como Delegada, creo que vai ter a intelixencia de contrastar diferentes opinións para ter unha visión plural, e en especial, para exercer unha función institucional de tanta dificultade, porque a diáspora galega en Bos Aires quere respostas e participación, e está farta das manipulacións e das promesas eleitorais e oportunistas", afirma Ana Miranda, quen estableceu onte contacto coa futura Delegada da Xunta en Bos Aires, a quen lle amosou toda a disponibilidade para colaborar. O BNG trasladaralle en breve, á futura Delegada Exterior, a través da súa comisión de temas migratorios e do grupo do BNG de Bos Aires, unha serie de propostas e reinvindicacións que ven defendendo, como a necesidade dun censo socieconómico da emigración, para atender as necesidades reais da poboación galega, as garantias na participación eleitoral, o papel da mocidade e das mulleres nas entidades galegas, a situación da terceira edade, en especial a situación extrema de persoas galegas que non participan nos centros e que viven na periferia de Bos Aires, a protección do patrimonio histórico e cultural das entidades galegas e proxectos concretos como o futuro Xeriátrico da Asociación Fillos de Boiro, en Avellaneda, necesario para as persoas carenciadas que xa conta co apoio da Vicepresidencia da Xunta, da Deputación de A Coruña e do Concello de Boiro.

26 de agosto de 2007

VISITA DE ENCARNA OTERO A BUENOS AIRES

A Directora Xeral visitó aos galegos da zona sur do
Conurbano bonaerense, para ver a súa situación de
vivenda real.
.
Na Facultade de Arquitectura da Universidade de Buenos Aires.

No Centro Arzuano Melidense, co seu Presidente o Dr. Cesar Pampin.

No Centro Residentes de Mos con membros da Comisión Direitiva.

Na Sociedade Galega de Arantei, Vilamarin e A Peroxa,
co seu Presidente Santos Gastón Juan.
.
No Museo da Emigración Galega da Federación de Sociedades Galegas,
co o Direitor do Museo e Presidente da Federación,
Francisco "Paco" Lores.
.
E tamén visitou as instalacions do Centro Galicia de Buenos Aires na rúa Bartolomé Mitre convidada polo Presidente Sr. Héctor Fernández, o Instituto de Cultura Galega e o Centro Galego deBuenos Aires convidada polo Presidente do Instituto Sr. Fernando Méndez, onde visitou non soo as instalacions sanitarias do sanatorio senón tamén a habitación onde morreu Castelao, o Teatro Castelao e a Biblioteca da Institución, e a Sociedade Fillos de Boiro en Avellaneda e as obras do xeriátrico que están a facer perto a sede social.

20 de agosto de 2007

AXENDA DA DIRECTORA XERAL DE FOMENTO E CALIDADE DE VIVENDA, ENCARNA OTERO EN BUENOS AIRES

A Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Consellería de Vivenda da Xunta, a nacionalista Encarna Otero visita Buenos Aires e Montevideo co fin de preparar varios proxectos de cooperación en materia de exclusión social.
En Buenos Aires vai estar do día 24 a 26 co fin de celebrar unha serie de reunións na Facultade de Arquitectura e Deseño da Universidade de Buenos Aires, onde impartirá unha charla sobre a política de rehabilitación da Xunta de Galiza (venres 24 as 19:00 Pab.III Cidade Universitaria, 4º piso), e visitará lugares da zona sur do Gran Buenos Aires para estudar a posibilidade dun proxecto piloto con zonas desfavorecidas onde residan galegos.
Por outra banda, a Directora Xeral visitará , o día sábado 25, varios centros da colectividade dos que xa están confirmados o Centro Arzuano Melidense (as 16:00), o Centro Residentes de Mos (as 17:00), a Sociedade Galega de Arantei, Vilamarin e a Peroxa (as 18:00) e por último visitará a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina (19:00).
O domingo achegarase a ruta do Camiño de Santiago que inaugurouse no presente ano.

A DIRECTORA XERAL DE FOMENTO E CALIDADE DE VIVENDA DA XUNTA DE GALIZA, A NACIONALISTA ENCARNA OTERO, VISITA BOS AIRES

Encarna Otero Cepeda, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta de Galiza.Licenciada e Graduada en Xeografia e História. Membro do Consello Nacional do BNG.
Foi concelleira do BNG en Santiago de Compotela dende 1991, levando áreas de rehabilitación e muller.
Formou parte da comisión política do BNG que elaborou, xunto co PNV e CiU as declaracións de Barcelona, Gasteiz e Santiago e forma parte do grupo de traballo, emanante destas comisións sobre a política europea.
Colabora en diferentes públicacións galegas como "A Nosa Terra", "O Ensino", "Andaina", "Festa da Palabra Silenciada", Vieiros, con diversos artigos sobre a muller na história, relacións exteriores, asi como participou en diversos congresos e no Foro Social Mundial.