28 de agosto de 2011

O BNG convoca mobilizacións nas 7 cidades por un atentado sen precedentes á democracia

O Consello do Bloque aproba por unanimidade unha proposta de resolución en contra da reforma e pide referendo 

O Bloque Nacionalista Galego convocou mobilizacións, este martes   día 30 de agosto, nas sete cidades galegas para rexeitar a reforma do   artigo 135 da Constitución Española proposta por PSOE e PP, posto que   a formación nacionalista ve "un atentado sen precedentes á   democracia" ao supoñer "constitucionalización da política económica liberal".  
   En rolda de prensa, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez,   explicou que o Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre   asembleas-- celebrado este sábado "aprobou por absoluta unanimidade"   unha proposta de resolución na que a formación mostra o seu "máis   profundo rexeitamento" á "reforma expreso" da Constitución española   por cuestións "tanto de fondo, coma de forma".  
   "De fondo, porque estamos ante unha reforma sectaria e partidista   que pretende sacralizar como única política económica aquela que   interesa ao capital financeiro", indicou antes de engadir que tamén   "de forma", porque é "unha reforma expresa que sen ningún debate   político se pretende consumar coma se fose un asunto de trámite".  
   A este respecto, o líder nacionalista expresou "a vontade" do BNG   de promover "un amplo debate social" sobre os "demoledores efectos   que tería" na economía de Galicia "a constitucionalización da   política económica liberal claramente contraria aos intereses dos   galegos", así como contra o "dereito da nación a dispoñer do seu   futuro".   
RERERENDUM      Ante estas cuestións, Guillerme Vázquez reivindicou o dereito dos   "pobos do Estado español, empezando polo galego", a pronunciarse "en   referendo a respecto desta proposta de reforma". Unha modificación   que, tal e como recolle a proposta de resolución aprobada polo   consello Nacional, "promoven PP e PSOE sen ningún debate político"   mentres actúan "como un goberno de coalición á sombra".  
   Deste xeito, o BNG "de forma aberta a todo o mundo" convocou   mobilizacións nas sete cidades galegas e tamén en diferentes   bisbarras o próximo martes día 30 ás 20.30 da tarde, co fin de   "expresar un profundo rexeitamento a esta reforma da constitución".  
   Precisamente, o próximo martes será o día en que a proposta   pactada por socialistas e populares chegará ao Congreso dos Deputados   para comezar a súa tramitación, na que o Bloque pedirá a súa   devolución emendándoa por unanimidade.  
   A Constitución de 1978 só se modificou nunha ocasión, con motivo   do Tratado de Maastricht, en 1992, para cambiar o artigo 13 da Carta   Magna, co fin de adaptar as normativas europeas ao proceso electoral   municipal, e contou co apoio de todos os grupos parlamentarios.

O Consello do BNG atrasa a xaneiro asemblea do Bloque cos votos de UPG e +Galiza

Guillerme Vázquez descarta a posibilidade de concorrer nunha candidatura ao 20-N con outras formacións 

O consello Nacional do BNG aprobou este sábado atrasar a asemblea ordinaria prevista para outubro, e fixou para o 28 e 29 de xaneiro a   nova data do cónclave co apoio dos votos da UPG e +Galiza. Pola súa   banda, o Encontro Irmandiño, que si apoiou o aprazamento do proceso,   defendeu a celebración do plenario en marzo.  
   Tras a reunión do máximo órgano de decisión entre asembleas, o   voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, confirmou a nova data   para a asemblea, decidida "por abafadora maioría", cos votos a favor   case o 90 por cento do consenso dos seus integrantes".  
   Segundo explicou o líder nacionalista, para a celebración da   Asemblea Nacional "estaban enriba da mesa dúas propostas", unha   formulada pola Executiva Nacional e outra presentada polos   integrantes do Encontro Irmandiño, que propoñían que fose en marzo.  
   En concreto, conforme detallou Guillerme Vázquez a decisión foi   tomada despois de que a proposta da Executiva conseguise "71 votos a   favor". A data do 24 e 25 de marzo contou cun total de 8 --a dos   membros do Encontro-- e non houbo ningunha abstención.  
   Así as cousas, +Galiza -- corrente que lidera o voceiro   parlamentario do BNG, Carlos Aymerich-- votou a favor da proposta da   Executiva na segunda votación. Na primeira, a que se decidía se   aprazar ou non a asemblea (sen entrar na data), os membros desta   sensibilidade do Bloque abstivéronse, segundo fontes consultadas por   Europa Press.  
   Na súa exposición ante o conselo, Carlos Aymerich defendeu que,   dado que as eleccións se convocaron con catro meses de anticipación e   non no límite legal, había tempo para apurar a asemblea e chegar cun   "revulsivo" á cita coas urnas.  
   Deste xeito, +Galiza explicaba a súa interpretación do acordo   alcanzado na reunión do máximo órgano de decisión entre asembleas o   pasado mes de xullo, cando se fixou o calendario do proceso interno   coa idea de que se se producía o adianto electoral, a asemblea   quedaría postergada.  
   De feito, a este acordo de xullo fixo mención Teresa Táboas,   coordinadora executiva do BNG e membro de +Galiza, cando tomou a   palabra para dar a súa explicación de voto. Así, indicou que   respectaba o sentido de sufraxio de +Galiza por "disciplina" de   formación, aínda que entendía que había un consenso previo entre as   correntes do BNG para aprazala.   
CANDIDATURAS      Preguntado sobre a proposta do deputado de Izquierda Unida (IU)   Gaspar LLamazares de formar parte nunha fronte de esquerdas no   horizonte dos próximos comicios xerais, o líder do BNG descartou esta   posibilidade.  
   Neste sentido, Guillerme Vázquez asegurou que "está nitidamente   claro" que o BNG "é unha formación política, nacionalista, de   esquerdas e galega", polo que "como tal se presentará ás eleccións   xerais", que terán lugar o próximo día 20 de novembro.  
   Precisamente, sobre as candidaturas que presentará a formación   nacionalista para estes comicios, o voceiro nacional adiantou que   "serán aprobadas no próximo consello Nacional" que os nacionalistas   celebrarán o día 10 de novembro.  
   Con todo, sinalou que o proceso "xa está iniciado", pois nestes   momentos "os conselos comarcais xa debaten e fan as súas propostas",   iniciativas que, detallou, "recibirá a Executiva Nacional que tamén   formulará unha proposta de candidatura" que finalmente "lle   corresponderá ao consello Nacional aprobar".  
   Neste sentido, a comarca de Vigo xa avalou en asemblea que Olaia   Fernández Davila, actual deputada no Congreso, vaia como cabeza de   lista, aínda que a proposta final a realizará a dirección   nacionalista.

O BNG ve disparatado cambiar a Constitución para "favorecer aos usureiros do século XXI"

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou este mércores de "auténtico disparate" reformar a Constitución para establecer unha regra de estabilidade, tal e como propuxo o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, este martes no Congreso, unha medida que o líder dos populares, Mariano Rajoy, recolleu como positiva. Fronte a esta postura, expresou a "oposición" dos nacionalistas galegos.
 Para Guillerme Vázquez, este anuncio "pon de manifesto a carencia de soberanía do Estado español", unha cuestión "preocupante" que, tal e como expresou, recórdalle á "doutrina Breznev: soberanía limitada" no espazo "libre e democrático europeo, porque o ordena Merkel, o Banco Central e Sarkozy".
 Así, aseverou que se trata de "un auténtico disparate", porque se trata de "ó maior rango constitucional unha política económica que é conxuntural". "A sacrosanta política do déficit, hoxe é así e mañá non será", manifestou para apoiar a tese expresada e engadir, a continuación, que constitúe unha "medida desesperada, ordenada e que será absolutamente ineficaz".
 De feito, Guillerme Vázquez recalcou que esta reforma da Carta Magna "faise só para garantir ós especuladores que se lles pague a súa débeda". "En lugar de caer da burra dunha vez e de empezar a meter en cintura ós especuladores, vaise á vía de garantir os beneficios pase o que pase", reflexionou en ton crítico.
 O líder nacionalista alertou de que esta modificación do texto constitucional, sobre a que denuncia a súa realización "exprés", "vai pór claramente en risco o estado de benestar", á vez que "deixa en evidencia que o Estado das Autonomías é papel mollado", porque se vai tomar unha decisión legal, de rango estatal, que fai fosfatina calquera posibilidade de autonomía real".
 Guillerme Vázquez recordou que a Constitución que era "intocable" e que se utilizou como "arma arreboladiza", agora "parece ser que se poderá reformar por vía exprés". "Máis parches en lugar de atallar e enfrontar o problema de fondo", denunciou o voceiro nacional do Bloque, quen propón, en lugar diso, "regras ós especuladores" e unha "reforma fiscal" para que "paguen os que máis teñen".
"ESCANDALO"
 Durante a súa intervención en rolda de prensa por mor deste anuncio, Guillerme Vázquez tachou de "escándalo" que PP e PSOE "estean de acordo en que a nivel de rango constitucional páguense os intereses que pidan polos préstamos os usureiros do século XXI". "`E moito! `É demasiado!", expresou, antes de avisar de que os nacionalistas galegos oporanse" a esta reforma.
 Ademais, augurou que non se fará un referendo, porque "para tomar este tipo de medidas hai que facelo así, ás ocultas, correndo e sen discusión". "PP e PSOE -concluíu- están de acordo no groso das medidas económicas".