30 de abril de 2011

O dereito dos povos a decidirmos I

Por Xosé Manuel Beiras
Cada día que pasa, acontecen feitos e agroman fenómenos que inequívocamente sinalan que o actual rexime político español e a cidadanía que o padece camiñan en direición contraria e sentido histórico inverso un da outra. Mentres a vertixinosa involución político-institucional arestora en curso está a reducir a cinzas o deseño constitucional dun Estado social de dereito, unha economía social de mercado, e unhas autonomías políticas de primeiro rango para as irredentas "nacionalidades históricas", a cidadanía activa, é dicir, exercente como tal, está a reorganizar o seu artellamento nesas tres frontes cardinais de combate dentro da sociedade civil, no senso gramscián do conceito -a dos dereitos e liberdades fundamentais do cidadán, a do escalazado "welfare-state", e a da realidade plurinacional da pell de brau, en metáfora de Espríu. Medra a diverxencia antre esas duas dinámicas, e comezan a proliferar os síntomas de que pode desembocar, mesmo se cadra abruptamente, nun divorcio irreversíbel antre a "sociedade civil" e a "sociedade polìtica" no espazo peninsuar. Síntomas que o poder político non sabe ou non quer abesullar, coma quen, nun territorio volcánico, non presta atención á emerxencia de fumaceiras que anuncian unha erupción.
Por unha banda, no plano político-institucional, coido que non resulta esaxerado diagnosticar que o rexime político áchase en proceso de descomposición -unha etapa desta segunda Restauración borbónica en certo xeito análoga ou equivalente á da primeira hai cousa de cen anos. O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella.
No entanto, por outra banda, a cidadanía activamente desalienada, a que non está disposta a que os cidadáns sexamos reconvirtidos en súbditos, reactiva ou reformula en redes a sua resistencia fronte a poderes económicos, políticos e mediáticos que sistemáticamente agreden nos seus dereitos e intereses ao común cidadán que constitue a maioría social, tanto máis desprotexida canto que a maioría dos trebellos e artefactos ideados e construídos no seu día para representárena e defendérena téñense ido tornando ineficientes ou obsoletos, cando non remataron por funcionaren à rebours. Nese proceso de rearme cidadán, unhas veces rexenéranse ou revitalízanse orgaizacións previamente existentes destragadas ou aletargadas, outras innóvase con fórmulas e métodos que se inspiran, transformándoos, nos forxados no decurso dos grandes movementos emancipadores dos dous pasados séculos -os combates polas liberdades cívicas, as loitas de clase, e os procesos de descolonización e autodeterminación dos povos asoballados. Pero, endemáis, vanse incorporando os enxendrados na esperiéncia dos movementos sociais antisistémicos, xurdidos primeiro e primordialmente na periferia do sistema-mundo fronte á "globalización" ultraliberal durante o último terzo de século, e nos que son chaves a prática da auto-orgaización e a democracia horizontal.
Boa parte deste proceso decorre soterradamente, coma o traballo da vella toupa, baixo a epiderme do corpo social, e nese traxecto a sua actividade non resulta ostensíbel. Eis por que, cando emergulla, adoita acontecer contra pronóstico e como por xeración espontánea -fenómeno consabidamente tan alleo á dinámica social coma á biolóxica. E decote fronte a unha creba ou unha falcatruada do Estado. Así aconteceu na Galiza cando do masivo movemento cidadán Nunca Máis fronte á catástrofe ecolóxica, inanque nada natural, ocasionada polo naufraxio do petroleiro "Prestige" e a necedade do "señor de los hilillos", don Mariano. E así tamén, en Catalunya, coa iniciativa cidadán de convocar consultas a nível municipal sobre a sua independéncia nacional, fronte á indignante bulra consumada polos poderes e institucións do Estado español no esperpéntico "affaire" do Estatut. Paralelamente -millor diría converxentemente- en Euskadi, a base social da esquerda "abertzale" redeseña a sua expresión política, nunha teimosa percura de novas fórmulas eficientes para o logro da paz cívica interna na que proseguir o seu proceso histórico de autodeterminación -mentres a única que non cede un chisco é a violencia institucional do "Estado penitencia", que diría Loïc Wacquant. Tres expresións distintas dun mesmo proceso de reorgaización da cidadanía activa perante un problema común, en tres espazos sociopolíticos diferentes tocantes á sua idiosincrasia ideolóxico-cultural, á sua estrutura social interna, á sua traxectória histórica e ás manifestacións específicas da sua relación conflitiva co Estado español -incluída a forma peculiar de incidéncia en cada caso do fraude da "reforma plolítica" no episodio da transición ao post-franquismo.
Iste é, na miña opinión, o contexto no que compre facermos a leitura da consulta sobre a independéncia de Catalunya celebrada en Barcelona o pasado 10 de abril, como etapa final dun proceso aberto pola iniciativa pioneira no pequeno concello de Arenys de Munt hai cousa de ano e meio, e en cuxas sucesivas convocatorias tiven a fortuna de ser testemuña como observador convidado -e das que vos levo dado conta nesta páxina do GH. A consulta de Barcelona constituía un repto moi singular: as especiais dificuldades que, para a metodoloxía destes referendums non institucionais, supuña abordalas nas cidades grandes, exacerbabanse no caso desa grande urbe hoxendía moi cosmopolita e multicultural, onde o peso relativo de povoación de moi diversa procedéncia e non, ou apenas, integrada no imaxinario catalán é moito meirande. Requería reduplicar os esforzos en orgaización, continxentes de voluntariado e metodoloxía de traballo, e durante un período preparatorio maior. Era, xa que logo, un repto que por unha banda implicaba un risco adicional moi superior ao das consultas precedentes, e por outra banda, en troques, o impacto e resonáncia do resultado serian moito meirandes dentro e fóra do país: un fracaso da consulta en Barcelona podía dar ao traste con boa parte dos efectos do éxito colleitado nas anteriores.
Durante a miña xornada como observador, os meus amigos do CIEMEN confesaban que acadaren unha participación do 15% sería moi satisfatório. Ora, como xa é sabido, a participación superou o 21% -cun 91% "si", un 7% "non", e o resto votos en branco. Reparade neste contraste: poucas semanas antes, a alcaldía de Barcelona convocara institucionalmente un referendum, con grande aparato propagandístico, sobre un controvertido proxecto de reforma no eixo urbán da cidade -e a participación apenas acadara o 12%. E por certo, relembrades cál fora a cota de participación no referendum galego do Estatuto de autonomía do 21-12-1980?; pois consultade os xornais do día seguinte -e veredes. Coido que o devandito contraste resulta elocuente verbo da diagnose exposta por min máis arriba: o decurso diverxente da credibilidade das actuais institucións políticas e a conciencia activa do común en trance de recuperar a iniciativa cívica, social -e política tamén, no senso máis xenuino do conceito. Ou sexa: da cidadanía activa que entende a "sociedade civil" como o escenário das dinámicas de contradición e confrontación social e ideolóxica determinantes da hexemonía que se proxecta sobre a "sociedade polìtica".
Ao remate da xornada, algúns xornalistas perguntabanme cál coidaba eu que ía ser a reacción dos poderes estatais. Díxenlles que a de sempre, pro que me importaba pouco. O importante era a dinámica endóxena do, neste caso, povo catalán e o salto que supuña a esperiéncia das "consultas" no seu proceso cívico-político de autodeterminación -e non tanto polos resultados cuantitativos canto polo cambio cualitativo de panorama que abría para a continuación dese proceso. Os poderes do estado xa se verían obrigados a "quereren" dialogar, cando o proceso acadase o seu ponto de masa crítica. Se aínda daquela estaban a tempo, claro. Porque se cadra xa non estarían en condicións de impediren a "ruptura", de amañaren outra "transición" -de repetiren o fraude polìtico consumado hai un terzo de século no corral nublado hispano. Nen nesta dimensión problematica das cuestións nacionais aínda pendentes, nen no da opresión e esplotación das xentes traballadoras, nen tampouco no da definitiva emancipación cidadá frustrada no post-franquismo. En suma, nas tres dimensións dialéticas axiais para a instauración da independéncia e a liberdade republicás no senso riguroso do conceito -coa indispensábel e correlativa exclusión de calquer "restauración" institucional arqueolóxica, madia leva. Ésa é a miña espranza -a nosa espranza, quero dicir: a d@s cidadáns do común democráticamente exercentes, sexamos galeg@s, cataláns, euskaldúns ou españois de nación..

26 de abril de 2011

Dispostos a emigrar por traballo case un 50% dos galegos

O 42% dos traballadores españois está disposto a cambiar de país para traballar ·· A cifra elévase ó 47% en Galicia e ó 70 en Navarra

Unha das opcións que con máis frecuencia se escoitan para afrontar a actual situación económica é a de cambiar de país por cuestións laborais. Segundo o Estudo de Mobilidade Internacional Laboral elaborado por Randstad, líder en solucións de recursos humanos, un 42% dos traballadores españois estaría disposto a cambiar de país para atopar un posto de traballo, unha cifra significativamente inferior á de mobilidade dentro de España, que se sitúa nun 65%.
Isto indica que os traballadores españois aínda que incrementaron notablemente a súa mobilidade laboral, aínda son reticentes a deixar España por un emprego e prefiren empregos máis próximos á súa localidade de residencia. Así o poñen tamén de manifesto os datos oficiais: 37.000 persoas abandonaron España durante 2010, cifra que parece se vai incrementar en 2011, xa que só no primeiro trimestre 14.109 persoas abandonaron o país. O informe de Randstad tamén destaca o grao de percepción que existe entre os cidadáns das diferentes comunidades autónomas. Os navarros (70%) son os que máis dispostos están á hora de afrontar unha oportunidade profesional fóra de España, seguidos de andaluces (56%), castelán manchegos (48%), galegos (47%) e madrileños (45%). No lado oposto, os españois que menos interese demostran nesta materia son rioxanos (20%), baleares (27%), asturianos (30%), cántabros (30%) e castelán-leoneses (35%).
Os datos reflicten a situación que están a vivir moitas persoas en España e que lles impide integrarse no mercado laboral: a menor mobilidade laboral, menor empregabilidade e xa que logo máis dificultades de saír do desemprego, tal e como confirma o último dato do Ministerio de Traballo, que sitúa a taxa de parados no mes de marzo en 4.333.669 desempregados.
En definitiva, o estudo elaborado pola compañía líder en solucións de recursos humanos describe o perfil actual do cidadán móbil a nivel internacional que se atopa no noso país. Trátase dun home, actualmente no paro, cunha idade comprendida entre os 25 e os 34 anos de idade, con estudos universitarios e estranxeiro. "A mobilidade laboral preséntase como un factor imprescindible á hora de aumentar a empregabilidade e as posibilidades de acceder a un posto de traballo. O emprego na mesma empresa, cidade e coas mesmas tarefas para toda a vida pasou á historia", conclúe Marta Valer, directora de Grandes Contas de Randstad. Agora o candidato ha de ser consciente de que o único xeito de ser un empregado atractivo e con posibilidades de acceder a máis e mellores oportunidades laborais é desterrar a idea dun único tipo de contrato e abrirse a novos horizontes profesionais alí onde xurdan.

O Bloque "ameaza" con facer que a lei se aplique a todos

Feijóo avisa de que "non é" o seu partido o que "inhabilita" o candidato do BNG en Arzúa senón "un xuíz"
O voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, advertiu onte de que a formación nacionalista "se encargará" de que a lei de partidos se aplique "a todos" os imputados con sentenza -aínda que esta non sexa firme- se se ratifica a inelixibilidade do candidato en Arzúa da súa formación, Xaquín García Couso, despois de que os populares pedisen ante ao xunta electoral esta declaración para o aspirante e actual alcalde da localidade. Foi o aviso que lanzou na rolda de prensa posterior á reunión de
grupo, na que Aymerich recordou que o Bloque non está de acordo co artigo seis da nova Lei de partidos, polo que se declara inelixible a García couso, que foi concibido para delitos de terrorismo e contra a administración pública. Ademais, tamén explicou que as causas de inelixibilidade "son tamén incompatibilidades".
Unha vez expresada esta posición, Aymerich sinalou que "o camiño que se abre" agora, e do que culpa ao PP por pedir a declaración como non elixible para o aspirante de Arzúa, é que calquera imputado que teña unha sentenza non firme, automaticamente teña que abandonar o cargo que ocupa. "Non imos quedar quietos", proclamou.
Neste sentido, afirmou que á cabeza lle veñen casos como "a operación Orquesta -contra a corrupción na Costa da Morte e na que están imputados, entre outros, dous alcaldes do PP (Fisterra e Mazaricos) e o independente de Cee- ou o propio Francisco Camps, presidente da Generalitat valenciana e candidato á reelección.
"No momento en que haxa unha condena non firme, estes señores teñen automaticamente que deixar os seus cargos", advertiu Aymerich en referencia a "se prevalece esta interpretación" que se lle deu ao mencionado artigo da Lei de partidos, e que o BNG considera non acorde coa Constitución Española. "Non imos permitir que só se nos aplique a nós", recalcou o dirixente nacionalista, quen tamén mencionou o rexedor de Tui, que por esta regra tería que estar fóra do seu cargo.

Demora na execución dunha orde de derrubamento
Ò preguntarlle polo cualificativo que lle outorga á presentación desta petición ante a xunta electoral de zona, Aymerich asegurou que se lle ocorren "moitos", pero concedeu "noxento" como adxectivo para o "comportamento" do PPdeG, que mantén en Arzúa un candidato que "intentou subornar" o rexedor nacionalista. Por iso, Aymerich observa que, canto menos, se trata dunha actitude de "descarado", e se pregunta se isto é un "exemplo da rexeneración ética e democrática" comprometida polo presidente da Xunta e do PPdeG.
A sentenza que condena o alcalde de Arzúa a seis meses de inhabilitación para o cargo público é debido á demora na execución dunha orde que obrigaba o Concello a derrubar un sexto piso dun edificio construído cando o PP gobernaba no municipio arzuano. Foi ditada en 1999 e os populares gobernaron ata 2003.
Alberto Núñez Feijóo advertiu onte de que "non é" o seu partido "nin outro" o que "inhabilita" o alcalde de Arzúa, senón "un xuíz", tras o que defendeu ser "respectuosos" coas "competencias" da Xunta Electoral e dos xuíces. Cando lle preguntaron respecto diso, Núñez Feijóo advertiu de que a quen "corresponde decidir" non é "aos políticos nin a responsables das administracións públicas, senón á Xunta Electoral e aos xuíces". "Imos ser respectuosos coas competencias da Xunta Electoral e dos xuíces cando ditan unha sentenza", continuou o presidente, tras remarcar que as "responsabilidades" que teñen os políticos non poden, en ningún caso, "premer ou atopar" solucións "distintas" ás que eles "ditaminen".
Igualmente, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, afirmou onte que "a lei é igual para todos" e que entende que as xuntas electorais a "aplicarán igualmente" aos partidos nos que haxa casos de candidatos sobre os que pese algún tipo de sentenza de inhabilitación, como acontece co cabeza de lista do BNG en Arzúa.


24 de abril de 2011

O alcalde de Arzúa, declarado inilexible pola Xunta Electoral

Admite unha denuncia do PP contra Xaquín García Couso, do BNG, condenado por un delito contra a Administración pública 

A Xunta Electoral da Zona de Santiago declarou "inelexible" o actual alcalde e candidato á reelección polo BNG na localidade coruñesa de Arzúa, Xaquín García Couso, ó ser condenado "en sentenza non firme, por un delito contra a Administración pública". O acordo da Xunta Electoral responde a unha denuncia do PP desta vila, na que recordaba que o rexedor foi condenado a unha inhabilitación que non cumpriu. Nun comunicado remitido polos populares, instaron o BNG para "cumprir coa lei" e consideraron a situación "moi grave".
No texto da resolución, a Xunta Electoral reclámalle ó BNG que "no prazo de 48 horas emende a irregularidade denunciada" polo grupo local do PP. O documento sinala que a Lei orgánica do réxime electoral xeral (Loreg) establece, tras a nova redacción dada coa reforma do pasado marzo, que "son inelixibles os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a administración pública ou contra as institucións do Estado cando a mesma estableza a pena de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público". Así, considera que o candidato do BNG en Arzúa "é inelixible", dado que foi condenado e a sentenza estableceu a pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.
Respecto disto, os nacionalistas anunciaron que presentarán un recurso contencioso contra a decisión da Xunta Electoral, "absolutamente desproporcionada" e que incluso "atenta contra o espírito da Lei" e tachan de "moralmente inaceptable" a acción dos populares, considerando que se trata dun movemento co que tratan de "agochar as súas propias miserias e as súas propias corruptelas". Nun comunicado, a secretaria de Organización do BNG e directora da campaña nacionalista, Montse Prado, censurou que o PP trate de impugnar a candidatura de Xaquín García Couso, e afirmou que irán ata o Constitucional se é preciso.
A representante do BNG afirmou que se trata dun "problema exclusivamente administrativo e menor". "É unha incidencia moi frecuente na administración municipal", dixo Prado, que tachou de "escándalo" e de "mostra de enorme cinismo" este intento de "equiparar os casos de corrupción, nos que o PP si é especialista, co que é simplemente a demora na execución dunha sentenza de derruba dun piso dun edificio".
Máis aló, reprochoulles ós populares que fagan a denuncia cando a sentenza de inhabilitación "non é firme" e cando "non houbo nin sequera orde de execución por parte do xulgado". Ademais, Prado afirmou que a orixe deste problema está nas "irregularidades cometidas" na construción dun edificio en Arzúa, que "teñen que ver co período de goberno do PP".
"Foi un alcalde do PP o que permitiu a construción dun piso ilegal e foi ese alcalde o que en primeira instancia se negou a derrubalo", recriminou a nacionalista, que considerou "gravísimo" que os populares se amparen dunha lexislación de excepción, a recente reforma da lei electoral, prevista para delitos que inclúen o terrorismo.

A CERNA

Non derrubou o piso dunha casa
O rexedor Xaquín García Couso foi condenado a seis meses de inhabilitación en cargo público por un delito de desobediencia á Administración pública, por non derrubar o sexto andar dun edificio cuxo número de alturas foi considerado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
fonte

18 de abril de 2011

Os pactos ofrecidos por Feijóo ao ser elixido decaen aos dous anos

Na súa toma de posesión o presidente apostou por lograr “consensos” coa oposición sobre a lingua, a “rexeneración democrática” e a crise.
Tal día coma hoxe de hai dous anos, a cúpula do PPdeG ollaba con inquedanza ao ceo de Compostela. Unha vez rematado o debate de investidura, na praza do Obradoiro erguíase un gran palco no que Alberto Núñez Feijóo escenificaría, despois de prometer o cargo de presidente da Xunta no Parlamento, o retorno dos populares ao poder.
Tras o acto protocolario no Pazo do Hórreo, con presenza de todos os ex presidentes, de representantes de PSdeG e BNG e do vicepresidente terceiro do Goberno central, Manuel Chaves, a xornada adquiría ton monocolor para que Feijóo procedese a darse o seu primeiro gran baño de masas presidencial. Flanqueado pola súa familia, Mariano Rajoy, Esperanza Aguirre e Alberto Ruiz Gallardón, e cos roncóns da rehabilitada Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense de fondo, o novo presidente lanzaba no Obradoiro todo un abano de grandes pactos que, dous anos despois, continúan no caixón dos asuntos pendentes de pór en marcha.
Baixo o título xenérico de “un galego máis”, Feijóo despregou un discurso no que “o galeguismo consciente” de Ramón Piñeiro, dicía, debía ser a base para a “unidade” en “tempos de dificultades”. A primeira gran oferta para concretar esa “unidade” pasaba polo que fora un dos grandes cabalos de batalla da campaña do PPdeG: a lingua galega. No único treito do discurso pronunciado en castelán –por estar, sobre o papel, dirixido aos galegos da emigración–, Feijóo louvaba á Galicia “orgullosa de sí misma, que es capaz de expicar en castellano, a aquellos que no son gallegos, que en Galicia tenemos una lengua propia, que amamos y que escogemos en libertad”, proclamaba.
Nesta liña, o presidente acabado de nomear amosábase convencido de que “a liberdade só pode molestar a aqueles que non a queren para os demais”. Por iso, e apoiándose no seu Contrato con Galicia –denominación que o PP lle aplicará aos catorce puntos nos que resumira o seu programa electoral–, Feijóo aseguraba que dende a Xunta traballaría para “recuperar os consensos en torno aos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma”, xa que “o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición, e debe garantirse a liberdade”.
Malia a esa declaración de intencións, no ecuador da lexislatura semella, cando menos, tan lonxe coma en 2009. Co novo decreto do plurilingüismo en vigor malia á oposición de PSdeG e BNG pero tamén da comunidade educativa case en pleno, os populares rexeitaron en diversas ocasións pactos parlamentarios para basear a súa política no Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en 2004. Do mesmo xeito, e coas eleccións municipais como pano de fondo, mesmo resucitan debates coma o da toponimia bilingüe na cidade da Coruña.
Alén da cuestión lingüística e identitaria, o discurso de Feijóo tamén apostaba pola “acción conxunta e coordinada” de todas as forzas políticas e sociais “para facer fronte con maior eficacia á crise económica”. Nesta liña, o novo titular do Goberno asegura que as “siglas dunha opción política” coas que chegara ao poder “se trocan no escudo de Galicia, que nos representa a todos”. Así, dicía os “novos tempos” serían de “diálogo, de pacto, de acordo”. Sobre eses principios, anunciaba, poríase a traballar na “lóxica esixencia de que a prioridade do Goberno sexa combater o paro e que Galicia sexa unha terra de oportunidades”.
Fronte a esa oferta, o que o Executivo situou coma o seu gran proxecto económico, o Plan Estratéxico, saíu adiante só co apoio do PP, que apenas aceptou algunhas achegas concretas dos socialistas e ningunha dos socialistas. Do mesmo xeito, o acordo acadado no Debate do Estado da Autonomía de 2009 para abordar un eventual pacto anticrise non chegou a concretarse e, na segunda edición deste debate, o pasado marzo, as propostas nesta liña efectuadas por PSdeG e BNG non tiveron eco nas filas populares.
En terceiro termo, o mesmo consenso para as áreas lingüísticas e laborais era situado por Feijóo coma o piar para a “rexeneración democrática, consistente en soterrar ismos demasiado ligados á política galega –dous días antes, no pleno de investidura, rexeitara o “caciquismo” ou o “enchufismo”–.
Tratábase, explicaba, de “recuperar, tanto no público como no privado, o senso auténtico do Dereito e do respecto ás leis”, e de “gobernar para todos”, tamén para os “milleiros de galegos que preferiron outras opcións políticas”. Lonxe de ter acadado acordos neste ámbito, a oposición parlamentaria ten amosado as súas protestas por, por exemplo, incumprimentos da Lei de Transparencia ou pola “utilización do Goberno ao servizo do PP” en casos como a recente investigación ao sindicato Unións Agrarias.



O presidente abre a porta a acordar ‘a dous’ o novo Estatuto

Feijóo reitera que a reforma que prometeu non é unha prioridade e PSdeG e BNG ínstano a “non enganar”.
Cando se cumpren dous anos da súa chegada ao poder, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continúa a arrefriar a súa axenda estatutaria. Coa promesa de presentar unha proposta “de reforma completa na primeira metade da lexislatura” xa no capítulo de realizacións imposibles –o prazo expirou hai máis dun mes–, o xefe do Executivo galego foi cuestionado onte sobre os seus plans para un novo Estatuto que “se dependese da maioría absoluta do PP”, di, sairía adiante, pero dada a esixencia de contar con apoio de “dous terzos” do Parlamento, as dificultades son maiores.
No marco dunha entrevista en Radio Nacional de España, Feijóo reiterou que as súas “prioridades” están agora lonxe da reforma Estatutaria, se ben, di, “cabe o acordo e un avance na reforma constitucional” e “niso terá moito que dicir o PSdeG”. Neste sentido, advirte, “se somos quen de acordar co PSOE ou co BNG haberá reforma constitucional” e “se non somos quen, non a haberá”, abrindo así polo tanto a porta a unha reforma que deixe fóra a unha das forzas da oposición.
Non obstante, no caso socialista, o presidente da Xunta introduce un novo matiz. “Se, como consecuencia do cambio de liderado” a nivel estatal, “hai tamén como, dixo o señor Rubalcaba, que aceptou que probablemente se equivocasen no Estatut de Cataluña” e, polo tanto, “hai un cambio de orientación outra vez cara á Constitución”, o acordo, ao seu xuízo, sería máis doado.
As consideracións do presidente da Xunta acerca das convicións constitucionais dos socialistas irritaron especialmente no seo do PSdeG. En declaracións a Xornal de Galicia, o seu voceiro parlamentario, Abel Losada, sinalaba onte que “o PSdeG estivo sempre coa Constitución” mentres “outros non poden dicir o mesmo”, advertía.
Do mesmo xeito, e de cara a un eventual pacto a dous, Losada cre “conveniente” que o novo Estatuto sexa “de todos”, aínda que o PP “estea acostumado a funcionar pola vía da exclusión”. Neste escenario, o parlamentario lembra que, mentres que “no tema do Estatuto, Feijóo vai con atraso”, o Grupo Socialista “ten rexistrado” no Parlamento “un proxecto de Estatuto”. Así as cousas, di, “a pelota está no seu tellado”, xa que “el mesmo dixo que ía traer un proxecto” de reforma. “O que ten que facer é traelo e deixarse, nisto tamén –di– de malabarismos e de xogos de casino”.
Tampouco no BNG se ve con bos ollos o novo xiro estatutario do presidente. Para o seu voceiro na Cámara, Carlos Aymerich, Feijóo “está tentando enganar” e, ao tempo, amosa “que non ten a Galiza nas súas prioridades”, xa que “o prioritario para el é o que recomenda Aznar e a Fundación Faes”.
Neste sentido, lembra que o ente dirixido por Aznar ten recomendado “que a política galega debe ser ditada dende a dirección estatal do PP”, cun “recorte autonómico a través de pactos co PSOE” que derive na “racionalización”. Así, o pacto a dous amosaría, para Aymerich, “que todo empeza a ser coherente” con esas liñas da Faes.





16 de abril de 2011

O alcalde de Arzúa leva á Fiscalía ó candidato do PP

Xaquín García defende que a gravación que demostra como Cascón o intentou sobornar cando era director da radio local é legal.

O alcalde de Arzúa e candidato do BNG á reelección, Xaquín García Couso, trasladou ó Ministerio Fiscal o "intento de suborno" que practicou, segundo denunciou, o agora candidato do PP á Alcaldía e daquela director da radio municipal desa localidade, por se entender que "poden ser constitutivos de delito perseguible de oficio".
Esta decisión, explicou en roda de prensa, adoptouna logo de estar "suficientemente meditada", e puxo de manifesto que este feito non ten que ver coa proclamación como candidato do PP de Armando Cascón Rodríguez, senón pola "recente publicación en prensa" dos feitos ocorridos en 2009 e a "actitude que toma o propio" candidato ó presentar contra el unha querela criminal no Xulgado de Arzúa ante a decisión de trasladalo temporalmente do seu posto mentres dure a súa condición como candidato.
García Couso contratou un detective privado, tras cursar as consultas ó avogado asesor municipal, para gravar "o intento de suborno" do agora candidato do PPdeG e naquel momento empregado público do Concello.
Neste sentido, defendeu a "absoluta legalidade" das gravacións da conversación mantida o 6 de agosto de 2009 co actual aspirante popular, e desmentiu as acusacións do presidente do PP da Coruña, Carlos Negreira, quen "publicamente intentou manchar a imaxe deste alcalde falando de gravacións ilícitas".
"Dígoo por última vez, estas gravacións son completamente legais e non vou permitir que nunca ninguén máis me calumnie publicamente sen que se tomen pola miña banda as medidas legais oportunas", manifestou, quen aclarou que se tratou dunha gravación "puntual que se fixo necesaria e imprescindible para demostrar un intento de suborno a este alcalde por quen hoxe é candidato do Partido Popular".
Díxoo nunha roda de prensa en Arzúa, na que explicou que con ela quería "acalar a quen malintencionadamente, e para desviar a atención duns feitos moi graves, pretenden difundir a idea de que este alcalde se dedica a gravar a calquera persoa que entre no seu despacho como se iso fose unha práctica habitual", indica, e sinala que iso "é absolutamente falso".

Habería trato de favor no medio a cambio dunha mellora retributiva
Os feitos remóntanse a 2009, cando se estaba tramitando a relación de postos de traballo do Concello. Durante a fase de tramitación e de negociación cos sindicatos, expuxo García, Armando Cascón Rodríguez "suscitou en varias ocasións, e por diferentes medios, a esixencia dunha mellora retributiva que entendía que debería recoñecerse para o seu posto de traballo que era, e é, o de director da radio municipal de Arzúa".
Neste sentido, e a medida que avanzou o expediente e a súa finalización, relata o alcalde, Cascón Rodríguez foi "incrementando progresivamente as súas esixencias ata o punto de facer chegar informalmente certas formulacións que pasaban por utilizar a radio municipal, e o seu papel como director da emisora, como moeda de cambio" das súas pretensións económicas.
"Do que se trataba era de advertirme de que se non aceptaba as súas pretensións poñería a radio local na miña contra, mentres que se as aceptaba, comprometíase a favorecerme a min e ó meu goberno, concretando ata dito compromiso nun folio e medio escrito a computador no que se resumían as condicións dunha posible colaboración", declarou o rexedor durante a roda de prensa deste venres.
fonte

Aznar defiende a Gadafi

El ex presidente del gobierno critica la misión militar contra el régimen del líder libio, al que califica de «amigo» de Occidente.

El ex presidente del gobierno español José María Aznar ha criticado a Estado Unidos y algunos países europeos por lanzar un ataque militar contra el régimen de Muamar al Gadafi, a pesar de que el líder libio se había convertido desde hace ocho años en «amigo» de Occidente.
Aznar se quejó además de que estos países no actúan de la misma forma contra los regímenes de Irán o Siria.
En una conferencia pronunciada en la Universidad de Columbia, en Nueva York, Aznar también lamentó que Occidente hubiera dado la espalda a los ahora ex presidentes de Egipto, Hosni Mubarak, y de Túnez, Abidín Ben Alí, considerados en el pasado «amigos» de Occidente.
Al contestar a una pregunta sobre la situación en Oriente Medio, Aznar agregó que «los manifestantes en Siria e Irán apelaron a Occidente para que les apoyara, pero este país (Estados Unidos) y los países europeos no hicieron nada».
«Es muy difícil entender una política que deja que los amigos caigan y que los enemigos permanezcan en el poder», afirmó en la conferencia, pronunciada en inglés, el lunes pasado, y colgada en el sitio web de la universidad estadounidense.
Aznar recordó que antes del 2003 Gadafi había apoyado el terrorismo y «era un desastre», pero ese año, ante la invasión de Irak, «se puso a pensar: 'si hay cambio de régimen en Irak, a lo mejor habrá cambio de régimen aquí, lo que quiere decir que me cambiarán a mí (por otro)',» y rectificó su política.
A partir del 2003, relató Aznar, Gadafi ha apoyado «los esfuerzos de Occidente contra el terrorismo» y ha renunciado a sus programas de armamento biológico, químico y nuclear.
Gadafi sigue siendo «un hombre extravagante, un hombre raro», reconoció Aznar, sin embargo, aunque sea «un amigo extravagante, es un amigo».
El ex jefe de gobierno de España lamentó la incoherencia de la actual política de Estados Unidos de «respaldar a los rebeldes (libios) sin siquiera saber quiénes son los rebeldes».
Esta política de intervención militar contra Gadafi, argumentó Aznar, «corre el riesgo de montar un buen lío», ya que enseña a los regímenes de Oriente Medio que deben «mantenerse en el poder, no hacer reformas y contar con armamento muy potente» para no ser atacados.
Agregó, en aparente alusión a Irán, que «si tienes armamento nuclear no se producirá ningún ataque contra ti».
fonte

13 de abril de 2011

Os terroristas máis perigosos son Rajoy, Rubalcaba, Mafo e Rouco

O líder do Encontro Irmandiño cre que "hai que empezar a falar con toda claridade, arriscándose ao que veña"



O ex portavoz nacional do BNG e actual líder da corrente Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, dixo que "os terroristas máis perigosos neste momento non só andan libres, senón que están no poder" e citou como exemplos ao presidente do PP nacional, Mariano Rajoy; o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez; ao vicepresidente e ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba; e ao presidente da Conferencia Episcopal; Antonio María Rouco Varela.
"Dígoo así porque hai que empezar a falar con toda claridade, arriscándose ao que veña", aseverou durante a súa intervención nunhas xornadas organizadas pola Mocidade Nacionalista Galega ante estudantes na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela. Tras aludir á última detención de dous etarras, o político nacionalista dixo que sempre defendeu "a non violencia", pero puntualizou que, "para empezar", defende "a non violencia do Estado".
Respecto ao presidente do PP, Beiras acusouno de ser "cómplice de delitos contra a humanidade" porque estaba no Goberno de José María Aznar cando se montou a mentira universal das armas de destrución masiva" para xustificar a guerra de Iraq e, ese mesmo Executivo "saíu dicindo que era ETA" a responsable dos atentados do 11 de marzo en Madrid.
En relación a Fernández Ordóñez dixo que é "un axente do fascismo internacional" e que é a persoa que se encarga de impor ao Goberno español --do que dixo que "non ten coraxe política"-- "o que o Fondo Monetario Internacional quere facer".
Sobre Rubalcaba, implicouno no "golpe de palacio" para que José Luis Rodríguez Zapatero adoptase medidas de reaxuste ante a crise económica, a pesar de que ían "contra o seu programa" electoral; e de Rouco Varela criticou que se negou sempre a pedir perdón porque a xerarquía eclesiástica denominase ao xenocidio do 36 a Santa Cruzada".
O político nacionalista empezou a súa alocución sinalando que estivera en Barcelona como "observador internacional" da consulta sobre a independencia de Cataluña e lamentou que en Galicia iso non sería posible. "Hai dez anos si, hoxe non", aseverou e concluíu convidando os asistentes a "exercer como cidadán no canto de deixar que nos reconduzan como ovellas".





"Debemos exercer como cidadáns no canto de deixar que nos reconduzan como ovellas", asegura nunhas xornadas da Mocidade Nacionalista Galega