26 de abril de 2011

O Bloque "ameaza" con facer que a lei se aplique a todos

Feijóo avisa de que "non é" o seu partido o que "inhabilita" o candidato do BNG en Arzúa senón "un xuíz"
O voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, advertiu onte de que a formación nacionalista "se encargará" de que a lei de partidos se aplique "a todos" os imputados con sentenza -aínda que esta non sexa firme- se se ratifica a inelixibilidade do candidato en Arzúa da súa formación, Xaquín García Couso, despois de que os populares pedisen ante ao xunta electoral esta declaración para o aspirante e actual alcalde da localidade. Foi o aviso que lanzou na rolda de prensa posterior á reunión de
grupo, na que Aymerich recordou que o Bloque non está de acordo co artigo seis da nova Lei de partidos, polo que se declara inelixible a García couso, que foi concibido para delitos de terrorismo e contra a administración pública. Ademais, tamén explicou que as causas de inelixibilidade "son tamén incompatibilidades".
Unha vez expresada esta posición, Aymerich sinalou que "o camiño que se abre" agora, e do que culpa ao PP por pedir a declaración como non elixible para o aspirante de Arzúa, é que calquera imputado que teña unha sentenza non firme, automaticamente teña que abandonar o cargo que ocupa. "Non imos quedar quietos", proclamou.
Neste sentido, afirmou que á cabeza lle veñen casos como "a operación Orquesta -contra a corrupción na Costa da Morte e na que están imputados, entre outros, dous alcaldes do PP (Fisterra e Mazaricos) e o independente de Cee- ou o propio Francisco Camps, presidente da Generalitat valenciana e candidato á reelección.
"No momento en que haxa unha condena non firme, estes señores teñen automaticamente que deixar os seus cargos", advertiu Aymerich en referencia a "se prevalece esta interpretación" que se lle deu ao mencionado artigo da Lei de partidos, e que o BNG considera non acorde coa Constitución Española. "Non imos permitir que só se nos aplique a nós", recalcou o dirixente nacionalista, quen tamén mencionou o rexedor de Tui, que por esta regra tería que estar fóra do seu cargo.

Demora na execución dunha orde de derrubamento
Ò preguntarlle polo cualificativo que lle outorga á presentación desta petición ante a xunta electoral de zona, Aymerich asegurou que se lle ocorren "moitos", pero concedeu "noxento" como adxectivo para o "comportamento" do PPdeG, que mantén en Arzúa un candidato que "intentou subornar" o rexedor nacionalista. Por iso, Aymerich observa que, canto menos, se trata dunha actitude de "descarado", e se pregunta se isto é un "exemplo da rexeneración ética e democrática" comprometida polo presidente da Xunta e do PPdeG.
A sentenza que condena o alcalde de Arzúa a seis meses de inhabilitación para o cargo público é debido á demora na execución dunha orde que obrigaba o Concello a derrubar un sexto piso dun edificio construído cando o PP gobernaba no municipio arzuano. Foi ditada en 1999 e os populares gobernaron ata 2003.
Alberto Núñez Feijóo advertiu onte de que "non é" o seu partido "nin outro" o que "inhabilita" o alcalde de Arzúa, senón "un xuíz", tras o que defendeu ser "respectuosos" coas "competencias" da Xunta Electoral e dos xuíces. Cando lle preguntaron respecto diso, Núñez Feijóo advertiu de que a quen "corresponde decidir" non é "aos políticos nin a responsables das administracións públicas, senón á Xunta Electoral e aos xuíces". "Imos ser respectuosos coas competencias da Xunta Electoral e dos xuíces cando ditan unha sentenza", continuou o presidente, tras remarcar que as "responsabilidades" que teñen os políticos non poden, en ningún caso, "premer ou atopar" solucións "distintas" ás que eles "ditaminen".
Igualmente, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, afirmou onte que "a lei é igual para todos" e que entende que as xuntas electorais a "aplicarán igualmente" aos partidos nos que haxa casos de candidatos sobre os que pese algún tipo de sentenza de inhabilitación, como acontece co cabeza de lista do BNG en Arzúa.


No hay comentarios.:

Publicar un comentario