18 de abril de 2011

O presidente abre a porta a acordar ‘a dous’ o novo Estatuto

Feijóo reitera que a reforma que prometeu non é unha prioridade e PSdeG e BNG ínstano a “non enganar”.
Cando se cumpren dous anos da súa chegada ao poder, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continúa a arrefriar a súa axenda estatutaria. Coa promesa de presentar unha proposta “de reforma completa na primeira metade da lexislatura” xa no capítulo de realizacións imposibles –o prazo expirou hai máis dun mes–, o xefe do Executivo galego foi cuestionado onte sobre os seus plans para un novo Estatuto que “se dependese da maioría absoluta do PP”, di, sairía adiante, pero dada a esixencia de contar con apoio de “dous terzos” do Parlamento, as dificultades son maiores.
No marco dunha entrevista en Radio Nacional de España, Feijóo reiterou que as súas “prioridades” están agora lonxe da reforma Estatutaria, se ben, di, “cabe o acordo e un avance na reforma constitucional” e “niso terá moito que dicir o PSdeG”. Neste sentido, advirte, “se somos quen de acordar co PSOE ou co BNG haberá reforma constitucional” e “se non somos quen, non a haberá”, abrindo así polo tanto a porta a unha reforma que deixe fóra a unha das forzas da oposición.
Non obstante, no caso socialista, o presidente da Xunta introduce un novo matiz. “Se, como consecuencia do cambio de liderado” a nivel estatal, “hai tamén como, dixo o señor Rubalcaba, que aceptou que probablemente se equivocasen no Estatut de Cataluña” e, polo tanto, “hai un cambio de orientación outra vez cara á Constitución”, o acordo, ao seu xuízo, sería máis doado.
As consideracións do presidente da Xunta acerca das convicións constitucionais dos socialistas irritaron especialmente no seo do PSdeG. En declaracións a Xornal de Galicia, o seu voceiro parlamentario, Abel Losada, sinalaba onte que “o PSdeG estivo sempre coa Constitución” mentres “outros non poden dicir o mesmo”, advertía.
Do mesmo xeito, e de cara a un eventual pacto a dous, Losada cre “conveniente” que o novo Estatuto sexa “de todos”, aínda que o PP “estea acostumado a funcionar pola vía da exclusión”. Neste escenario, o parlamentario lembra que, mentres que “no tema do Estatuto, Feijóo vai con atraso”, o Grupo Socialista “ten rexistrado” no Parlamento “un proxecto de Estatuto”. Así as cousas, di, “a pelota está no seu tellado”, xa que “el mesmo dixo que ía traer un proxecto” de reforma. “O que ten que facer é traelo e deixarse, nisto tamén –di– de malabarismos e de xogos de casino”.
Tampouco no BNG se ve con bos ollos o novo xiro estatutario do presidente. Para o seu voceiro na Cámara, Carlos Aymerich, Feijóo “está tentando enganar” e, ao tempo, amosa “que non ten a Galiza nas súas prioridades”, xa que “o prioritario para el é o que recomenda Aznar e a Fundación Faes”.
Neste sentido, lembra que o ente dirixido por Aznar ten recomendado “que a política galega debe ser ditada dende a dirección estatal do PP”, cun “recorte autonómico a través de pactos co PSOE” que derive na “racionalización”. Así, o pacto a dous amosaría, para Aymerich, “que todo empeza a ser coherente” con esas liñas da Faes.





No hay comentarios.:

Publicar un comentario