Admite unha denuncia do PP contra Xaquín García Couso, do BNG, condenado por un delito contra a Administración pública
A Xunta Electoral da Zona de Santiago declarou "inelexible" o actual alcalde e candidato á reelección polo BNG na localidade coruñesa de Arzúa, Xaquín García Couso, ó ser condenado "en sentenza non firme, por un delito contra a Administración pública". O acordo da Xunta Electoral responde a unha denuncia do PP desta vila, na que recordaba que o rexedor foi condenado a unha inhabilitación que non cumpriu. Nun comunicado remitido polos populares, instaron o BNG para "cumprir coa lei" e consideraron a situación "moi grave".
No texto da resolución, a Xunta Electoral reclámalle ó BNG que "no prazo de 48 horas emende a irregularidade denunciada" polo grupo local do PP. O documento sinala que a Lei orgánica do réxime electoral xeral (Loreg) establece, tras a nova redacción dada coa reforma do pasado marzo, que "son inelixibles os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a administración pública ou contra as institucións do Estado cando a mesma estableza a pena de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público". Así, considera que o candidato do BNG en Arzúa "é inelixible", dado que foi condenado e a sentenza estableceu a pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.
Respecto disto, os nacionalistas anunciaron que presentarán un recurso contencioso contra a decisión da Xunta Electoral, "absolutamente desproporcionada" e que incluso "atenta contra o espírito da Lei" e tachan de "moralmente inaceptable" a acción dos populares, considerando que se trata dun movemento co que tratan de "agochar as súas propias miserias e as súas propias corruptelas". Nun comunicado, a secretaria de Organización do BNG e directora da campaña nacionalista, Montse Prado, censurou que o PP trate de impugnar a candidatura de Xaquín García Couso, e afirmou que irán ata o Constitucional se é preciso.
A representante do BNG afirmou que se trata dun "problema exclusivamente administrativo e menor". "É unha incidencia moi frecuente na administración municipal", dixo Prado, que tachou de "escándalo" e de "mostra de enorme cinismo" este intento de "equiparar os casos de corrupción, nos que o PP si é especialista, co que é simplemente a demora na execución dunha sentenza de derruba dun piso dun edificio".
Máis aló, reprochoulles ós populares que fagan a denuncia cando a sentenza de inhabilitación "non é firme" e cando "non houbo nin sequera orde de execución por parte do xulgado". Ademais, Prado afirmou que a orixe deste problema está nas "irregularidades cometidas" na construción dun edificio en Arzúa, que "teñen que ver co período de goberno do PP".
"Foi un alcalde do PP o que permitiu a construción dun piso ilegal e foi ese alcalde o que en primeira instancia se negou a derrubalo", recriminou a nacionalista, que considerou "gravísimo" que os populares se amparen dunha lexislación de excepción, a recente reforma da lei electoral, prevista para delitos que inclúen o terrorismo.
A CERNA
Non derrubou o piso dunha casaO rexedor Xaquín García Couso foi condenado a seis meses de inhabilitación en cargo público por un delito de desobediencia á Administración pública, por non derrubar o sexto andar dun edificio cuxo número de alturas foi considerado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
fonte
No hay comentarios.:
Publicar un comentario