O ex portavoz nacional do BNG e actual líder da corrente Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, dixo que "os terroristas máis perigosos neste momento non só andan libres, senón que están no poder" e citou como exemplos ao presidente do PP nacional, Mariano Rajoy; o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez; ao vicepresidente e ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba; e ao presidente da Conferencia Episcopal; Antonio María Rouco Varela.
"Dígoo así porque hai que empezar a falar con toda claridade, arriscándose ao que veña", aseverou durante a súa intervención nunhas xornadas organizadas pola Mocidade Nacionalista Galega ante estudantes na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela. Tras aludir á última detención de dous etarras, o político nacionalista dixo que sempre defendeu "a non violencia", pero puntualizou que, "para empezar", defende "a non violencia do Estado".
Respecto ao presidente do PP, Beiras acusouno de ser "cómplice de delitos contra a humanidade" porque estaba no Goberno de José María Aznar cando se montou a mentira universal das armas de destrución masiva" para xustificar a guerra de Iraq e, ese mesmo Executivo "saíu dicindo que era ETA" a responsable dos atentados do 11 de marzo en Madrid.
En relación a Fernández Ordóñez dixo que é "un axente do fascismo internacional" e que é a persoa que se encarga de impor ao Goberno español --do que dixo que "non ten coraxe política"-- "o que o Fondo Monetario Internacional quere facer".
Sobre Rubalcaba, implicouno no "golpe de palacio" para que José Luis Rodríguez Zapatero adoptase medidas de reaxuste ante a crise económica, a pesar de que ían "contra o seu programa" electoral; e de Rouco Varela criticou que se negou sempre a pedir perdón porque a xerarquía eclesiástica denominase ao xenocidio do 36 a Santa Cruzada".
O político nacionalista empezou a súa alocución sinalando que estivera en Barcelona como "observador internacional" da consulta sobre a independencia de Cataluña e lamentou que en Galicia iso non sería posible. "Hai dez anos si, hoxe non", aseverou e concluíu convidando os asistentes a "exercer como cidadán no canto de deixar que nos reconduzan como ovellas".
"Debemos exercer como cidadáns no canto de deixar que nos reconduzan como ovellas", asegura nunhas xornadas da Mocidade Nacionalista Galega
No hay comentarios.:
Publicar un comentario