Beiras rexeita na súa volta á primeira liña o papel de líder do Encontro Irmandiño e chama os militantes a "protagonizar a Historia de Galiza" e a reactivar o proxecto nacionalista galego.
"Acabemos coa Historia de España e pasemos a protagonizar a Historia de Galiza". Con este chamamento, o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras pechou a III Asemblea do Encontro Irmandiño (EI), a corrente crítica do BNG que onte se constituíu formalmente en partido político no seo da formación frontista. Ante representantes de todas as correntes do Bloque -entre os que se atopaba o propio portavoz nacional, Guillerme Vázquez-, Beiras
asumiu a súa proclamación como portavoz nacional do EI como un integrante máis dun proxecto político baseado no asamblearismo e na igualdade. "No Encontro Irmandiño non pode existir un presidente ou un secretario xeral, senón un "primus inter pares" e, como tal, asumou a portavocía", asegurou. Deste xeito, no discurso final da xornada, Beiras fíxolles un chamamento ós integrantes do Encontro Irmandiño a ser "militantes activos" e ter listo antes do verán un programa de acción política específico que camiñe cara á reactivación do proxecto nacionalista galego no seu conxunto.
Cara a un modelo baseado no ecosocialismo
Traballar no marco dunha estratexia "anticapitalista e antisistema" na construción dun socialismo e dun "modelo civilizativo ambiental" e reactivar o movemento asociativo do país deben ser, tal e proclamou Beiras, os principais obxectivos do EI, que definiu non como unha forza ou unha organización, senón un "movemento político que traballará dende a diversidade e o diálogo nos problemas do noso pobo". Retos que deberán ser plasmados nun programa de acción política específico que estará listo antes do verán. "O choio empeza mañá e implica que todos sexamos actores ó mesmo nivel e rango", advertiu Beiras, quen rexeitou facer un programa de goberno ó uso, no que "é imposible cumprir todo". Así, aconsellou recoller unha ducia de cuestións políticas axiais que resulten factibles e comprensibles para as capas máis baixas da sociedade e combinalas coas alternativas propostas polo movemento asociativo do país en temas específicos. "Non somos omniscientes. Temos que dialogar cos movementos e redes que traballen cos mesmos obxectivos. Só así as nosas propostas terán credibilidade e lexitimidade", advertiu.
Sacar do letargo os movementos sociais
O punto de partida deben ser os segmentos de cidadanía activa que nestes momentos "están amortecidos pola doma e castración" en marcha. O obxectivo é evitar que os movementos sociais se confinen, de forma que non se proxectan nos programas políticos, senón que nin sequera chegan á propia sociedade. O exemplo máis claro para Beiras é a plataforma Galiza non se Vende que durante o goberno bipartito convocou dúas grandes mobilizacións e agora "está desaparecida do mapa". Fronte a esta realidade, o líder do Encontro Irmandiño chamou a converter a formación nun interlocutor político das análises e diagnoses feitas dende colectivos sociais. "Hai alternativa pero non dinámica nin vehículo político", asegurou.
Todo nun contexto que trascende o galego e no que debemos ser conscientes de que estamos a vivir unha transición histórica, que Beiras ve análoga á que viviu a Europa Occidental no Renacemento, e que vén marcada pola fin do capitalismo. "Non está definido o modelo económico e social produtivo alternativo. Nós invocamos o socialismo", advertiu. Foi neste contexto no que Beiras chamou os galegos a non adaptarnos ós cambios, senón a imbricarnos, "para sermos pobos da Historia, para gañar a nosa Historia. Para acabar coa Historia de España en Galiza e pasar a protagonizar nós a Historia de Galiza". Un proxecto dende o que o EI contribuirá decididamente en unión co resto de forzas que integran o BNG. "Témolo que facer entre todos. Se non, terán que facelo outros ou con outros".
Coa xornada de onte, os irmandiños deron por concluído o seu proceso de constitución en partido no seo do BNG, tras a asemblea celebrada en xaneiro para debater os textos políticos.
Xosé Manuel Beiras Torrado, Maite Álvarez Rodríguez, Cristina Amor Faya, Raúl Asegurado Pérez, Ánxel Beiras Torrado, María Casar Díaz, Xosé Constela Vega, Manuel Fernández Costas, Mónica Díaz Carrodeguas, Manuel Docampo Paradelo, Luis Eyre Diéguez, Antón Fente Parada, Luciano Guimerans Pazos, Mario López Rico, Margarida Martíns Vilanova, Ramón Mouriño Alfonso, Martiño Noriega Sánchez, Laura Ogando Muñiz, Iolanda Pérez Docampo, Ildefonso Piñeiro Diaz, Margarida Prieto Ledo, Xavier Rodríguez Rodríguez, Manoel Santos Diaz, Xosé Taboada Suárez, Xavier Toba Girón, Concha Trigo Portela, Francisco Trigo Durán, Paula Vázquez Verao e Margarida López
INTEGRANTES DA COORDINADORA
AS PROPOSTAS
Ademais da constitución do Encontro Irmandiño como partido político dentro do BNG, a elección dos membros da coordinadora permanente e do seu portavoz nacional, os integrantes do EI aprobaron unha serie de propostas de resolución, que reflexan a súa postura en relación cos temas que máis afectan ó país.
Mocidade. O EI contará cunha sección de mocidade, que onte se comprometeu a fixar propostas propias en problemáticas específicas como a formación, a defensa dos sectores produtivos, o feminismo e a crise ecolóxica.
Apoio ós pobos exipcio e tunesiano. Os simpatizantes de EI quixeron enviarlles onte o seu apoio a estes dous pobos por plantarlle cara ás ditaduras, así como a todas as nacións sen estado que buscan o seu recoñecemento.
Sortu. EI defendeu a valentía política dos promotores do novo partido da esquerda abertzale, que define como unha solución democrática ó conflito. Ó mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola xudicialización do proceso e pediu que non sexa un obstáculo á normalización democrática en Euskal Herria.
Lingua. Rexeitamento ó Decreto do Plurilingüismo, concibido para impor a lingua castelá, así como os continuos ataques á lingua fronte á fastuosidade da Cidade da Cultura. Tamén mostrou o seu apoio ós medios en galego, condenou a desaparición de A Nosa Terra, Vieiros e GZ Nación e prometeu converter a súa web nun lugar de liberdade de pensamento para a xente de esquerdas.
Dereito ó territorio. Tras condenar a ofensiva privatizadora do PP, ó que acusa de venderlles o territorio ás multinacionais e grupos enerxéticos, chaman a a evitar a especulación do territorio e reclamalo como un dereito cidadán.
Lei de Augas. Petición da derogación da Lei de Augas para seguir considerando a auga como un ben público e universal.
Defensa dos servizos públicos. Rexeitamento á privatización da sanidade, ó tempo que reclama o dereito ós servizos básicos.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario