27 de abril de 2009

O Consello aproba cun 92,5% de apoios a lista ás europeas encabezada por Ana Miranda



Montouto (Teo), 25 Abril 09. O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do 92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas.
Quintana cualificou aos integrantes da lista como “compañeiros e compañeiras de sobrada experiencia e avalados polas asembleas comarcais”. En concreto, forman parte da lista, ademais de Miranda, as seguintes persoas: Alberte Souto, Encarna Otero, Iolanda Veloso, Cosme Pombo, Margarida Vázquez Veras, Iván Area Carracedo, Helena Veiguela e Xavier Vence.
Destacou tamén que o acordo permite que “a representación do BNG quede asegurada e será tanto máis grande segundo o número de votos que o BNG saque en Galiza”, dixo. “Ademais, o BNG, dacordo coas normas das eleccións europeas, poderá presentarse en Galiza coa súa candidatura e as súas propias siglas”, precisou
Un programa en defensa da Europa dos pobos e das clases populares
“O BNG pretende que no proceso de construción europea a voz galega estea presente, e se faga atendendo á plurinacionalidade e á pluriculturalidade dos estados da unión”, afirmou. Segundo, Quintana, o BNG defenderá “esa Europa dos pobos que é o lema da nosa coalición”.
“Ademais, o noso programa ten en conta que estamos nun momento difícil para as clases populares de Galiza e para as clases populares do conxunto de Europa”, asegurou Quintana, para quen “é precisa unha voz forte que reclame a defensa dos servizos públicos e tamén que a crise non a sufran os máis débile”.
Asemblea Extraordinaria
Quintana informou tamén de que para o Consello Nacional “a Asemblea Nacional Extraordinaria está a ser xa un éxito”. Destacou que a militancia “está a dar un exemplo de compromiso co país”, como desmostra a ampla participación de case 5000 militantes no debate dos relatorios e na elección de delegados e delegadas para esta Asemblea.
“Todas as propostas do BNG teñen un nexo común, buscar o mellor para a organización e como portavoz en funcións quero agradecer a todos os militantes a súa participación”, afirmou Quintana.

O Consello dá por válido o acordo da Executiva acerca do eurodeputado de Galeuscat
A preguntas dos xornalistas, Quintana informou tamén de que o máximo órgano do BNG daba por válido o acordo da executiva en funcións sobre o escano vacante da coalición Galeuscat, que correspondería por número a Camilo Nogueira, mais pertence a Convergència Democrática de Catalunya en función do acordo asinado no seu día. Este acordo recollía que calquera baixa do representante dun partido sería ocupada por outro representante da mesma forza política, renunciando á acta as persoas que lle preceden na lista.
“O BNG é unha forza política seria que cumpre os acordos que asina, aínda que desexasemos que fosen outros”, precisou Quintana.

Asamblea Nacional, Delegados do BNG pola Emigración UE-Latinoamerica

EURPOA E LATINOAMÉRICA

Nogueira Marra Francisco
Miranda Paz Ana Mª
Noya Landeira Josefa
Alvedro López Francisco Jesús
Fernández Salgueiro Mª do Carme
Abelenda García José Manuel
Varela Chouciño Mª Isabel
Saa Fenández Manuel
Mascato Lores Francisco
Martínez Duro Diego Agustín
Campos Janeiro Manuel

17 de abril de 2009

O BNG Informa o tema da semana

Número 190, 16 Abril 2009
Acordos da Executiva en funcións
A Executiva Nacional do BNG, que permanecerá en funcións até a Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de Maio, tomou as seguintes decisións na súa última reunión:

Propor a Ana Miranda como cabeza de lista ás eleccións europeas
A avogada especialista en Dereito Comunitario Ana Miranda foi proposta pola Executiva Nacional para ser a cabeza de lista do BNG nas eleccións europeas. Miranda foi asistente do eurodeputado Camilo Nogueira, representou ao BNG ante as institucións comunitarias do 2004 ao 2009 e é membro do Consello Nacional e responsábel da comisión de Migración.
O BNG contra o "plus dos altos cargos"

Os nacionalistas decidiron respaldar no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG para a derrogación do chamado plus dos altos cargos. Así mesmo, piden que os militantes nacionalistas que desenvolven funcións de dirección política na administración galega e que sexan funcionarios renuncien ao cobro deste complemento cando retornen ao seu posto de traballo.
Apoio ao sector lácteo
Así mesmo, decidiuse apoiar a mobilización convocada en Madrid polos labregos galegos do sector do leite. Nesa liña, o senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza vén de presentar unha moción para que o Estado controle as importacións e fomente o estabelecemento de prezos mínimos.


14 de abril de 2009

A Executiva propón a Ana Miranda como cabeza de lista nas eleccións ao Parlamento Europeo

Santiago de Compostela, 13 Abril 09.
A Executiva Nacional do BNG acordou esta tarde propor a Ana Miranda como cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento europeo nas eleccións que se irán celebrar o vindeiro 7 de xuño e nas que a formación nacionalista concorrirá coaligada con ERC, Aralar e EA.
Ana Miranda, avogada especializada en Dereito Comunitario e Internacional, con estudos na Universidade de Lovaina, é a actual portavoz do BNG perante o Parlamento europeu e vicepresidenta do Partido dos Pobos de Europa-Alianza Libre Europea.
Nada en Cuntis hai 37 anos, entre setembro de 1999 e xuño de 2004 foi responsábel técnica e asistente parlamentar do eurodeputado do BNG Camilo Nogueira. É membro do Consello Nacional e responsábel da súa Comisión Nacional de Migración.
Ana Miranda e Xavier Vence eran as propostas maioritarias xurdidas das diferentes asembleas comarcais do BNG.
A Executiva Nacional tomou o acordo de propor a Ana Miranda logo de coñecer a vontade de Xavier Vence de non postularse como candidato.
Esta proposta da Executiva será submetida a debate e consideración das asembleas comarcais do BNG o próximo día 18 e, posteriormente, o sábado día 25, deberá ser avaliada polo Consello Nacional, o órgao facultado para aprobar as listas da formación nacionalista.

7 de abril de 2009

O Consello Nacional aproba o regulamento da asemblea e o documento político co 82 e co 83% de apoio, respectivamente



Teo, 4 abril 2009.
O Consello Nacional do BNG, reunido hoxe en Montouto (Teo), aprobou o regulamento da Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará o 10 de maio co apoio do 82,04 % dos membros ,mentres que o documento político foi avalado cun apoio do 83,7%. O coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, salientou na rolda de prensa posterior “o debate vivo que se mantivo no Consello Nacional, pero ao mesmo tempo sereno e sempre con vontade construtiva e buscando puntos de encontro”. A proposta de regulación da Asemblea Nacional extraordinaria que elaborou a comisión organizadora foi apoiada polo 82,04 % dos votos e garante, en palabras de Francisco Jorquera , “unha asemblea altamente participativa onde calquera militante que queira presentarse a delegado pode facelo”. O regulamento aprobada fixa en 2.500 os delegados e delegadas a escoller polas asembleas comarcais. As listas serán pechadas e distribuiranse os postos en orde ao número de votos acadados. Ademais, redúcese ao 10% o mínimo de votos para que unha lista de delegados acuda á Asemblea Nacional Extraordinaria.
Votos particulares á proposta de regulamento
A este respeito, o coordinador executivo do BNG informou da presentación de dous votos particulares á proposta de regulamento da asemblea. A redacción alternativa propuña establecer un período de preinscrición, do 7 ao 18 de abril, para que os/as militantes se inscribisen nun censo preasambleario en cada comarca para asistiren á Asemblea Nacional e que, á vista deste censo, o Consello Nacional do día 25 arbitraría as medidas regulamentares complementares para verificar no posíbel esa asistencia.Sometido a votación, este voto particular foi respaldado polo 19,2 % dos integrantes do Consello Nacional, polo que non foi aprobado.
Documento político.

Por outra parte, o segundo punto da orde do día, o documento político elaborado pola comisión redactora foi aprobado polo 83,7% dos asistentes; un 13,5% votou en contra e houbo un 7% de abstencións. A este documento presentáronse 60 emendas, das que, aproximadamente a metade foron aprobadas ou transaccionadas. Francisco Jorquera subliñou que o texto “recoñece erros, que temos que mellorar na nosa maneira de facer política e de traballar coa sociedade e aposta tamén pola valoración política e social do moito e bo que fixo o BNG dende o Goberno galego”. “A conclusión deste proceso de reflexión e análise –asegurou- ten que conducirnos a un BNG máis forte, máis unido e con máis impulso para sermos oposición seria e rigorosa ao PP e sermos un contrapeso á regresión en materia de políticas económicas e socias que representa o PP”.

O documento será agora remitido ás asembleas comarcais do BNG para o seu debate e presentación de emendas.

Candidatura ás eleccións europeas

Por último, o terceiro punto da orde do día, a proposta da Executiva en funcións de que o BNG concorra ás vindeiras eleccións europeas en coalición con ERC, EA e Aralar foi respaldada polo 95,5% dos membros do Consello Nacional; un 2,8% abstívose e un 1,4% votou en contra. Francisco Jorquera explicou que esta candidatura “garante que o BNG, e polo tanto Galiza, teña representación e voz propia no Parlamento Europeo para defender os intereses do noso país e porque concorremos con forzas políticas coas que compartimos a mesma visión política da Unión Europea no eido social e económico”.