7 de abril de 2009

O Consello Nacional aproba o regulamento da asemblea e o documento político co 82 e co 83% de apoio, respectivamente



Teo, 4 abril 2009.
O Consello Nacional do BNG, reunido hoxe en Montouto (Teo), aprobou o regulamento da Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará o 10 de maio co apoio do 82,04 % dos membros ,mentres que o documento político foi avalado cun apoio do 83,7%. O coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, salientou na rolda de prensa posterior “o debate vivo que se mantivo no Consello Nacional, pero ao mesmo tempo sereno e sempre con vontade construtiva e buscando puntos de encontro”. A proposta de regulación da Asemblea Nacional extraordinaria que elaborou a comisión organizadora foi apoiada polo 82,04 % dos votos e garante, en palabras de Francisco Jorquera , “unha asemblea altamente participativa onde calquera militante que queira presentarse a delegado pode facelo”. O regulamento aprobada fixa en 2.500 os delegados e delegadas a escoller polas asembleas comarcais. As listas serán pechadas e distribuiranse os postos en orde ao número de votos acadados. Ademais, redúcese ao 10% o mínimo de votos para que unha lista de delegados acuda á Asemblea Nacional Extraordinaria.
Votos particulares á proposta de regulamento
A este respeito, o coordinador executivo do BNG informou da presentación de dous votos particulares á proposta de regulamento da asemblea. A redacción alternativa propuña establecer un período de preinscrición, do 7 ao 18 de abril, para que os/as militantes se inscribisen nun censo preasambleario en cada comarca para asistiren á Asemblea Nacional e que, á vista deste censo, o Consello Nacional do día 25 arbitraría as medidas regulamentares complementares para verificar no posíbel esa asistencia.Sometido a votación, este voto particular foi respaldado polo 19,2 % dos integrantes do Consello Nacional, polo que non foi aprobado.
Documento político.

Por outra parte, o segundo punto da orde do día, o documento político elaborado pola comisión redactora foi aprobado polo 83,7% dos asistentes; un 13,5% votou en contra e houbo un 7% de abstencións. A este documento presentáronse 60 emendas, das que, aproximadamente a metade foron aprobadas ou transaccionadas. Francisco Jorquera subliñou que o texto “recoñece erros, que temos que mellorar na nosa maneira de facer política e de traballar coa sociedade e aposta tamén pola valoración política e social do moito e bo que fixo o BNG dende o Goberno galego”. “A conclusión deste proceso de reflexión e análise –asegurou- ten que conducirnos a un BNG máis forte, máis unido e con máis impulso para sermos oposición seria e rigorosa ao PP e sermos un contrapeso á regresión en materia de políticas económicas e socias que representa o PP”.

O documento será agora remitido ás asembleas comarcais do BNG para o seu debate e presentación de emendas.

Candidatura ás eleccións europeas

Por último, o terceiro punto da orde do día, a proposta da Executiva en funcións de que o BNG concorra ás vindeiras eleccións europeas en coalición con ERC, EA e Aralar foi respaldada polo 95,5% dos membros do Consello Nacional; un 2,8% abstívose e un 1,4% votou en contra. Francisco Jorquera explicou que esta candidatura “garante que o BNG, e polo tanto Galiza, teña representación e voz propia no Parlamento Europeo para defender os intereses do noso país e porque concorremos con forzas políticas coas que compartimos a mesma visión política da Unión Europea no eido social e económico”.