27 de abril de 2009

O Consello aproba cun 92,5% de apoios a lista ás europeas encabezada por Ana Miranda



Montouto (Teo), 25 Abril 09. O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do 92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas.
Quintana cualificou aos integrantes da lista como “compañeiros e compañeiras de sobrada experiencia e avalados polas asembleas comarcais”. En concreto, forman parte da lista, ademais de Miranda, as seguintes persoas: Alberte Souto, Encarna Otero, Iolanda Veloso, Cosme Pombo, Margarida Vázquez Veras, Iván Area Carracedo, Helena Veiguela e Xavier Vence.
Destacou tamén que o acordo permite que “a representación do BNG quede asegurada e será tanto máis grande segundo o número de votos que o BNG saque en Galiza”, dixo. “Ademais, o BNG, dacordo coas normas das eleccións europeas, poderá presentarse en Galiza coa súa candidatura e as súas propias siglas”, precisou
Un programa en defensa da Europa dos pobos e das clases populares
“O BNG pretende que no proceso de construción europea a voz galega estea presente, e se faga atendendo á plurinacionalidade e á pluriculturalidade dos estados da unión”, afirmou. Segundo, Quintana, o BNG defenderá “esa Europa dos pobos que é o lema da nosa coalición”.
“Ademais, o noso programa ten en conta que estamos nun momento difícil para as clases populares de Galiza e para as clases populares do conxunto de Europa”, asegurou Quintana, para quen “é precisa unha voz forte que reclame a defensa dos servizos públicos e tamén que a crise non a sufran os máis débile”.
Asemblea Extraordinaria
Quintana informou tamén de que para o Consello Nacional “a Asemblea Nacional Extraordinaria está a ser xa un éxito”. Destacou que a militancia “está a dar un exemplo de compromiso co país”, como desmostra a ampla participación de case 5000 militantes no debate dos relatorios e na elección de delegados e delegadas para esta Asemblea.
“Todas as propostas do BNG teñen un nexo común, buscar o mellor para a organización e como portavoz en funcións quero agradecer a todos os militantes a súa participación”, afirmou Quintana.

O Consello dá por válido o acordo da Executiva acerca do eurodeputado de Galeuscat
A preguntas dos xornalistas, Quintana informou tamén de que o máximo órgano do BNG daba por válido o acordo da executiva en funcións sobre o escano vacante da coalición Galeuscat, que correspondería por número a Camilo Nogueira, mais pertence a Convergència Democrática de Catalunya en función do acordo asinado no seu día. Este acordo recollía que calquera baixa do representante dun partido sería ocupada por outro representante da mesma forza política, renunciando á acta as persoas que lle preceden na lista.
“O BNG é unha forza política seria que cumpre os acordos que asina, aínda que desexasemos que fosen outros”, precisou Quintana.