14 de marzo de 2009

Anxo Quintana anuncia a demisión da Executiva e a súa renuncia a volver ser portavoz nacional



“Foi un tremendo honor ser o voso candidato e estou á disposición do BNG para as tarefas que queira encomendarme”, afirmou


Montouto (Teo), 14 Marzo 09.


O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, anunciou esta mañá no seu discurso ante o Consello Nacional, a. demisión da actual Executiva e a súa renuncia a presentarse como portavoz nacional no vindeiro proceso asemblear.
“Quero anunciarvos que a Executiva da que formo parte quere presentar a súa dimisión diante do Consello Nacional”, afirmou. Así mesmo, expresou a vontade de “someter á consideración do Consello unha folla de ruta e que o consello decida sobre todos os termos; por iso quero proporvos unha Asemblea a celebrar nos primeiros días do mes de maio”. “Agora é o momento de mirar cara adiante, porque a sociedade galega está agardando un BNG actuante”, segundo Anxo Quintana.


A seguir, comunicou a súa decisión de “non presentarme para ser electo de novo portavoz nacional”. De cara á celebración da próxima Asemblea, sinalou que haberá que ter en conta, na súa opinión, dous asuntos básicos que deben ser os eixes do debate: “pechar a análise sobre os resultados electorais e a situación resultantes, porque non podemos estar todo o tempo analisando o pasado e hai que mirar adiante” e loxicamente “a elección dunha nova dirección, que fose a encargada de xestionar a seguinte etapa, pensando sobre todo nun BNG actuante na sociedade”. "É o momento da xenerosidade de todos e todas”, afirmou.


“Debemos construír unha dirección na que todos e todas esteamos representados. Eu estarei nesa labor como o primeiro. É o momento da unidade e da ilusión, non dos personalismos nin de axustar contas”, dixo Quintana


Comisión organizadora
“Dimitida como está a Executiva, quero que o Consello Nacional se encargue da maior parte das funcións atribuídas á executiva, e se así o considera, que os membros da executiva queden en funcións para que non haxa vacío de poder”, asegurou.
Propuxo que unha comisión se faga cargo da organización da próxima Asemblea, que tería lugar a comezos de maio“En todo caso, a organización da nova Asemblea Nacional quedará a conta dunha comisión que nomee hoxe aquí o Consello Nacional, por iso, creo ademais, que a Asemblea se debe facer cumprindo os estatutos aprobados pola anterior asemblea, e por iso penso que a Asemblea non debe estar formada por menos de 2.500 delegados, para que todo o mundo estea representado e sobre todo para fomentar un proceso participativo na base, nas asembleas comarcais, onde se cumpra o principio de unha persoa, un voto”, segundo Quintana.


“Non perdamos de vista que, sendo moi importantes as decisións que tomemos, o importante é que o BNG sexa útil á sociedade, dunha sociedade que está agardando por un BNG que estea ao lado da xente”, afirmou o dirixente nacionalista. “Outra cousa sería unha traición para co país que o BNG nunca fará”, dixo.



Autocrítica
Quintana comezou a súa intervención asegurando que “estamos aquí para tomar decisións para encarar o inmediato futuro”. “Os resultados electorais son malos porque non temos conseguido acadar os obxectivos que nos tiñamos marcado. É o momento para a autocrítica, evitando flaxelacións absurdas”, afirmou.
“O BNG, na súa acción de goberno non foi quen de facer lectura acaída da situación real do país. Pensamos que a etapa do PP era unha etapa acabada, pero o feito é que o PP segue a gozar dunha importante introdución social no noso país”, sinalou.
“Durante estes tres anos levamos adiante unha acción positiva e de claro avance para a construción nacional"Para o vicepresidente en funcións da Xunta, “durante estes tres anos levamos adiante unha acción positiva e de claro avance para a construción nacional, coa idea de construír un espazo propio nacionalista”. Porén, sinalou que “quizais debemos tamén traballar para crear tamén na sociedade galega máis cultura de coalición, para resaltar a importancia da pluralidade como un valor en si mesmo”.
Así mesmo, sinalou a importancia da crise no resultado electoral: “Nun momento coma este, no que milleiros de persoas van ao paro, a xente, moitas veces, é máis proclive a escoitar con preocupación ameazas e xiros demagóxicos sobre o gasto público e supostos despilfarros que a atender propostas en positivo como as que pretendeu trasladar o BNG”.
Tamén felicitou á militancia nacionalista pola reacción “ante unha campaña tan suxa como a que temos vivido”, unha reacción que, porén “non fomos quen de trasladar á nosa base social”.
“A nosa acción de goberno, positiva e transformadora, non tivo a habilidade de estar acompañada polo corpo organizado do BNG. Non podemos ter unha acción de goberno eficaz se non vai acompañada pola organización. A nosa acción de goberno ten que estar sempre ao servizo do país, pero tamén debe servir para crear máis e mellor organización”, explicou.


Impedir a “segunda vitoria do PP”
Anxo Quintana pediulles aos membros do Consello que o BNG “pare de xeito rotundo ao PP no que sería a súa segunda vitoria”. “Derrotado o goberno, o PP pretende agora derrotar a alternativa de por vida, e por iso pretende trasladar á sociedade a idea de que a acción do goberno bipartito estivo presidida pola ineficacia”, afirmou.
“Hai que valorizar o traballo de goberno e poñer en valor a cultura do pluralismo, e a realidade de Galiza como país que merece ser respectado”Xa que logo, enfatizou a importancia de “valorizar o traballo de goberno e poñer en valor a cultura do pluralismo, e a realidade de Galiza como país que merece ser respectado”. “É un traballo que temos que comezar xa, no seo da sociedade e no novo Parlamento”, dixo.
“Que saiba o PP que cando destrúe as galescolas, o Consorcio de servizos da Igualdade e o Benestar ou o concurso eólico, o que está a facer é colocar na zozobra a pais que teñen os seus fillos na rede pública ou amolando os intereses de empresas galegas que gañaron limpamente un concurso e que agora poden verse sometidos ao fanatismo de determinados intereses”, afirmou.


Agradecemento
Anxo Quintana concluíu o seu discurso desculpándose “polos erros que puiden cometer durante este tempo”. “Foi un tremendo honor ser o voso candidato, e maniféstovos o meu compromiso de estar sempre á disposición do BNG para onde considere oportuno que debo estar”, concluíu.

10 de marzo de 2009

Feijóo provoca o primeiro paso atrás da democracia na defensa do galego

O futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que cumprirá a promesa que fixo en campaña de que sexan os pais os que elixan a lingua de estudos dos seus fillos de 0 a 3 anos. Adiantou que acabará coas galescolas e que derrogará o decreto de ensinanza, de xeito que desaparece a política da implantación progresiva do galego no ensino. Con estas medidas, dá o primeiro paso atrás dende a chegada da democracia na normalización do galego e incluso retrocede na política lingüística que marcou Manuel Fraga.
O presidente do PP galego e próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu desglosando onte iniciativas postas en marcha polo bipartito que el erradicará en canto chegue ao Goberno galego e, nesa liña, avanzou que coa súa formación Galicia vai “volver ás escolas infantís”, fronte ás chamadas ‘galescolas’ impulsadas pola parte nacionalista do Executivo.“Ímoslles chamar ás cousas polo seu nome”, indicou Feijóo, para quen o termo escolas infantís “é a denominación correcta” para referirse aos espazos de educación para nenos de cero a tres anos e ademais “non produce ningunha aresta nin problema”. Máis alá de cuestións semánticas, explicou que o obxectivo é que se ofreza a ensinanza “de acordo coa decisión dos pais”, é dicir, “se os pais queren que o primeiro idioma para ler e escribir sexa o galego se respectará, e se pola contra prefiren que os seus fillos aprendan en castelán, se respectará”.Deste xeito, o PP daralle a volta á política lingüística seguida nas galescolas, contra as que os populares se manifestaron durante toda a lexislatura, do mesmo xeito que contra o chamado decreto do galego na ensinanza, que Feijóo tamén se comprometeu a derrogar como primeira medida de goberno.Pouco e pouco o vindeiro xefe do Executivo autonómico vai anunciando todas aquelas cousas que pretende cambiar das postas en marcha polo bipartito, algunhas delas xa avanzadas na campaña, o que lle dá pé a dicir que as reformas contan co respaldo dos galegos nas urnas. Así, tamén onte deixou claro que non quere seguir co modelo establecido no Consorcio de Servizos Sociais, por ser “pouco eficiente e moi caro”. O líder popular non concretou a alternativa que propón, xa que prefire facer antes un “análise” da utilización dos servizos públicos para despois repensalos, “sen poder prexulgar cal vai ser a fórmula administrativa que imos acometer”.

O BNG...

O BNG lamenta o pasamento da nai da nosa compañeira do BNG en Montevideo, Carme Fernández Salgueiro, quen era natural de Gondomar, e que nunca deixou de querer á súa terra e que implantou e sementou nas súas dúas fillas o amor por Galiza, pola nosa lingua e ideas políticas, alá lonxe, en Montevideo, facendo que a viviran perto, nunha vida de traballo e de lonxania.

Con todo o noso respeito e tristura, queremos transmitirlle noso profundo afecto e acompañamento á nosa queridísima compañeira e amiga, en nome de toda a organización, noso máis sentido pésame nestes duros momentos.

Asamblea do BNG Bos Aires
Ana Miranda
Responsábel Comisión Emigración do BNG

8 de marzo de 2009

Día Internacional da Muller

a tua, a miña, a vosa; nais, aboas, irmáns, traballadoras, loitadoras, exemplos, mártires, ao fin... as Mulleres Galegas.

6 de marzo de 2009

As mulleres, imprescindíbeis para saír da crise



Santiago de Compostela, 6 marzo 09.

A secretaria de Acción Feminista da Executiva do BNG, Rosario Fernández Velho, presentou este mediodía en rolda de prensa a campaña do BNG con motivo do 8 de marzo, que se desenvolverá baixo o lema “As mulleres, imprescindíbeis para saír da crise”. Rosario Fernández Velho, que estivo acompañada polas integrantes da Comisión Nacional da Muller do BNG, subliñou que as ideas centrais da campaña “defender os dereitos laborais das mulleres para evitar que a crise provoque unha feminización da pobreza e defender a autonomía persoal e económica das mulleres”. Neste sentido, subliñou que “para o BNG é prioritario evitar a saída das mulleres do mercado laboral, e que isto provoque unha volta das mulleres ao ámbito privado do fogar”. A secretaria de Acción Feminista do BNG asegurou que “a saída á crise en Galiza ten que ser dende unha perspectiva feminista e nacionalista”.
O BNG apoia as concentracións da Marcha Mundial das Mulheres
A Coruña Domingo 8 marzo. Concentración 12:30 h. Obelisco
Compostela Domingo 8 de marzo. Manifestación 12:00 h. con saída da Praza do Toural e chegada na Praza de Marzo
Ferrol Domingo 8 de marzo. Manifestación 12:30 h. con saída da Praza Amada García (Edificio Xunta de Galiza) e chegada ao Cantón de Molins
Ourense Sábado 7 de marzo. 19:00 h. Acto das mulleres na Praza Concepción Arenal (Xulgados) e posterior percorrido polo PaseoPontevedraSábado 7 de marzo. Concentración 20:00 h. na Praza 8 de Marzo
Vigo Domingo 8 de marzo. Manifestación 12:00 h. con saída da Praza 8 de marzo
Mocións do BNG en todos os concellos
Por último, Rosario Fernández Velho anunciou que o BNG presentará unha moción para que todos os concellos se comprometan coa igualdade real entre mulleres e homes

3 de marzo de 2009

Quintana anuncia o inicio dun período de reflexión interna no BNG para "reorientar os obxectivos do nacionalismo"


O portavoz nacional admite que os resultados foron “maos” e anuncia que o Bloque ten como máxima prioridade “estar ao lado da xente” Santiago de Compostela, 2 Marzo 09.- O portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, compareceu esta tarde ante os medios de comunicación despois da reunión da Executiva Nacional do BNG na que se analizaron os resultados das eleccións celebradas onte.Rodeado polos membros da Executiva Nacional, o líder nacionalista admitíu que se trata duns “maos” resultados e anunciou que o nacionalismo abre agora un período de reflexión sobre estes resultados que pasará pola celebración dun Consello Nacional e de Asembleas Comarcais nas que se abordarán as causas desta situación, “para sacar conclusións entre todos” de tal xeito que se acade unha “reorientación dos obxectivos do BNG”.O número un do Bloque indicou que a nova situación do nacionalismo, na oposición, obriga a esta “reorientación de obxectivos” e explicou que, a medida que se vaian concretando, a organización determinará tamén “as persoas que teñen que asumir o protagonismo necesario neste proceso. É o BNG quen ten que decidir quen pode e debe facer as cousas” e insistíu en que ten que ser o nacionalismo quen marque os tempos deste proceso.O candidato insistíu en que “neste momento, o máis preocupante para o BNG é a situación de crise económica e imos estar ao lado da xente nun momento coma éste, porque é o momento de estar coa xente”.
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre as posíbeis causas da perda de apoios nestes comicios, Quintana indicou que o nacionalismo non foi capaz “de transmitir o labor positivo e importante desenvolvido”, ao tempo que aludíu á pervivencia dunha “estrutura social e política do PP no noso país” e indicou que a crise económica tamén “favoreceu a proposta do PP

2 de marzo de 2009

Quintana afirma que "o compromiso do BNG vai ser, coma antes, o de estar ao lado da xente"





Quintana ao final da súa comparecenciaO candidato nacionalista admite que “o BNG non cumpríu os seus obxectivos electorais” e agradece o apoio “aos milleiros de galegos e galegas que confiaron no proxecto propio que representa o BNG”Santiago de Compostela, 1 Marzo 09.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, compareceu esta noite ante os medios de comunicación para dar conta dos resultados electorais deste 1 de marzo.O candidato admitíu que o BNG “non cumpríu cos seus obxectivos electorais” e comunicou que se puxo en contacto esta noite co líder do PPdeG para lle transmitir a súa “felicitación e a do BNG polo seu éxito electoral nesta noite”.O candidato transmitíu “unha mensaxe de agradecemento aos milleiros de galegos e galegas que hoxe confiaron no proxecto propio para este país que representa o BNG. O noso agradecemento pola confianza que nos anima a seguir traballando nun proxecto no que levamos traballando tanto tempo”, ao tempo lanzou unha “aperta fraternal e o meu agradecemento aos centos de militantes e amigos e amigas que traballaron con ilusión para que unha forza política propia do país tivera o maior apoio posíbel”. “Os apoios recibidos son importantes e anímannos a seguir traballando. Empeza unha nova etapa para Galiza, para o país, cun novo goberno que terá que enfrentar un goberno difícil para todos e todas”, dixo.“O compromiso do BNG vai ser”, tal e como dixo Anxo Quintana, “como se estivéramos no goberno, o de estar ao lado da xente. O BNG é unha forza política da xente e para a xente, o que máis nos preocupa é a xente, como sempre foi”.Neste momento de crise económica, Quintana indicou que o pensamento do nacionalismo está centrado neste eido e indicou que “mañá a preocupación non é o BNG, senón os galegos e galegas, a xente que ten que enfrentar unha situación difícil e que saben que poden contar co BNG”.Este foi o labor do BNG, tal e como lembrou Quintana, nestes tres anos e medio, dende o goberno, “por mandato dos cidadáns e o faremos na responsabilidade que os cidadáns nos outorguen. Ése é o noso compromiso con Galiza e coas xentes deste país, como sempre o foi. Asi seguiremos a facelo”.