14 de marzo de 2009

Anxo Quintana anuncia a demisión da Executiva e a súa renuncia a volver ser portavoz nacional



“Foi un tremendo honor ser o voso candidato e estou á disposición do BNG para as tarefas que queira encomendarme”, afirmou


Montouto (Teo), 14 Marzo 09.


O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, anunciou esta mañá no seu discurso ante o Consello Nacional, a. demisión da actual Executiva e a súa renuncia a presentarse como portavoz nacional no vindeiro proceso asemblear.
“Quero anunciarvos que a Executiva da que formo parte quere presentar a súa dimisión diante do Consello Nacional”, afirmou. Así mesmo, expresou a vontade de “someter á consideración do Consello unha folla de ruta e que o consello decida sobre todos os termos; por iso quero proporvos unha Asemblea a celebrar nos primeiros días do mes de maio”. “Agora é o momento de mirar cara adiante, porque a sociedade galega está agardando un BNG actuante”, segundo Anxo Quintana.


A seguir, comunicou a súa decisión de “non presentarme para ser electo de novo portavoz nacional”. De cara á celebración da próxima Asemblea, sinalou que haberá que ter en conta, na súa opinión, dous asuntos básicos que deben ser os eixes do debate: “pechar a análise sobre os resultados electorais e a situación resultantes, porque non podemos estar todo o tempo analisando o pasado e hai que mirar adiante” e loxicamente “a elección dunha nova dirección, que fose a encargada de xestionar a seguinte etapa, pensando sobre todo nun BNG actuante na sociedade”. "É o momento da xenerosidade de todos e todas”, afirmou.


“Debemos construír unha dirección na que todos e todas esteamos representados. Eu estarei nesa labor como o primeiro. É o momento da unidade e da ilusión, non dos personalismos nin de axustar contas”, dixo Quintana


Comisión organizadora
“Dimitida como está a Executiva, quero que o Consello Nacional se encargue da maior parte das funcións atribuídas á executiva, e se así o considera, que os membros da executiva queden en funcións para que non haxa vacío de poder”, asegurou.
Propuxo que unha comisión se faga cargo da organización da próxima Asemblea, que tería lugar a comezos de maio“En todo caso, a organización da nova Asemblea Nacional quedará a conta dunha comisión que nomee hoxe aquí o Consello Nacional, por iso, creo ademais, que a Asemblea se debe facer cumprindo os estatutos aprobados pola anterior asemblea, e por iso penso que a Asemblea non debe estar formada por menos de 2.500 delegados, para que todo o mundo estea representado e sobre todo para fomentar un proceso participativo na base, nas asembleas comarcais, onde se cumpra o principio de unha persoa, un voto”, segundo Quintana.


“Non perdamos de vista que, sendo moi importantes as decisións que tomemos, o importante é que o BNG sexa útil á sociedade, dunha sociedade que está agardando por un BNG que estea ao lado da xente”, afirmou o dirixente nacionalista. “Outra cousa sería unha traición para co país que o BNG nunca fará”, dixo.



Autocrítica
Quintana comezou a súa intervención asegurando que “estamos aquí para tomar decisións para encarar o inmediato futuro”. “Os resultados electorais son malos porque non temos conseguido acadar os obxectivos que nos tiñamos marcado. É o momento para a autocrítica, evitando flaxelacións absurdas”, afirmou.
“O BNG, na súa acción de goberno non foi quen de facer lectura acaída da situación real do país. Pensamos que a etapa do PP era unha etapa acabada, pero o feito é que o PP segue a gozar dunha importante introdución social no noso país”, sinalou.
“Durante estes tres anos levamos adiante unha acción positiva e de claro avance para a construción nacional"Para o vicepresidente en funcións da Xunta, “durante estes tres anos levamos adiante unha acción positiva e de claro avance para a construción nacional, coa idea de construír un espazo propio nacionalista”. Porén, sinalou que “quizais debemos tamén traballar para crear tamén na sociedade galega máis cultura de coalición, para resaltar a importancia da pluralidade como un valor en si mesmo”.
Así mesmo, sinalou a importancia da crise no resultado electoral: “Nun momento coma este, no que milleiros de persoas van ao paro, a xente, moitas veces, é máis proclive a escoitar con preocupación ameazas e xiros demagóxicos sobre o gasto público e supostos despilfarros que a atender propostas en positivo como as que pretendeu trasladar o BNG”.
Tamén felicitou á militancia nacionalista pola reacción “ante unha campaña tan suxa como a que temos vivido”, unha reacción que, porén “non fomos quen de trasladar á nosa base social”.
“A nosa acción de goberno, positiva e transformadora, non tivo a habilidade de estar acompañada polo corpo organizado do BNG. Non podemos ter unha acción de goberno eficaz se non vai acompañada pola organización. A nosa acción de goberno ten que estar sempre ao servizo do país, pero tamén debe servir para crear máis e mellor organización”, explicou.


Impedir a “segunda vitoria do PP”
Anxo Quintana pediulles aos membros do Consello que o BNG “pare de xeito rotundo ao PP no que sería a súa segunda vitoria”. “Derrotado o goberno, o PP pretende agora derrotar a alternativa de por vida, e por iso pretende trasladar á sociedade a idea de que a acción do goberno bipartito estivo presidida pola ineficacia”, afirmou.
“Hai que valorizar o traballo de goberno e poñer en valor a cultura do pluralismo, e a realidade de Galiza como país que merece ser respectado”Xa que logo, enfatizou a importancia de “valorizar o traballo de goberno e poñer en valor a cultura do pluralismo, e a realidade de Galiza como país que merece ser respectado”. “É un traballo que temos que comezar xa, no seo da sociedade e no novo Parlamento”, dixo.
“Que saiba o PP que cando destrúe as galescolas, o Consorcio de servizos da Igualdade e o Benestar ou o concurso eólico, o que está a facer é colocar na zozobra a pais que teñen os seus fillos na rede pública ou amolando os intereses de empresas galegas que gañaron limpamente un concurso e que agora poden verse sometidos ao fanatismo de determinados intereses”, afirmou.


Agradecemento
Anxo Quintana concluíu o seu discurso desculpándose “polos erros que puiden cometer durante este tempo”. “Foi un tremendo honor ser o voso candidato, e maniféstovos o meu compromiso de estar sempre á disposición do BNG para onde considere oportuno que debo estar”, concluíu.