O futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que cumprirá a promesa que fixo en campaña de que sexan os pais os que elixan a lingua de estudos dos seus fillos de 0 a 3 anos. Adiantou que acabará coas galescolas e que derrogará o decreto de ensinanza, de xeito que desaparece a política da implantación progresiva do galego no ensino. Con estas medidas, dá o primeiro paso atrás dende a chegada da democracia na normalización do galego e incluso retrocede na política lingüística que marcou Manuel Fraga.
O presidente do PP galego e próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu desglosando onte iniciativas postas en marcha polo bipartito que el erradicará en canto chegue ao Goberno galego e, nesa liña, avanzou que coa súa formación Galicia vai “volver ás escolas infantís”, fronte ás chamadas ‘galescolas’ impulsadas pola parte nacionalista do Executivo.“Ímoslles chamar ás cousas polo seu nome”, indicou Feijóo, para quen o termo escolas infantís “é a denominación correcta” para referirse aos espazos de educación para nenos de cero a tres anos e ademais “non produce ningunha aresta nin problema”. Máis alá de cuestións semánticas, explicou que o obxectivo é que se ofreza a ensinanza “de acordo coa decisión dos pais”, é dicir, “se os pais queren que o primeiro idioma para ler e escribir sexa o galego se respectará, e se pola contra prefiren que os seus fillos aprendan en castelán, se respectará”.Deste xeito, o PP daralle a volta á política lingüística seguida nas galescolas, contra as que os populares se manifestaron durante toda a lexislatura, do mesmo xeito que contra o chamado decreto do galego na ensinanza, que Feijóo tamén se comprometeu a derrogar como primeira medida de goberno.Pouco e pouco o vindeiro xefe do Executivo autonómico vai anunciando todas aquelas cousas que pretende cambiar das postas en marcha polo bipartito, algunhas delas xa avanzadas na campaña, o que lle dá pé a dicir que as reformas contan co respaldo dos galegos nas urnas. Así, tamén onte deixou claro que non quere seguir co modelo establecido no Consorcio de Servizos Sociais, por ser “pouco eficiente e moi caro”. O líder popular non concretou a alternativa que propón, xa que prefire facer antes un “análise” da utilización dos servizos públicos para despois repensalos, “sen poder prexulgar cal vai ser a fórmula administrativa que imos acometer”.