28 de noviembre de 2007

Quintana afirma que a Vicepresidencia estende o Sistema Galego de Benestar á Galiza da emigración


Vicepresidencia financia con 400.000 euros a construción dun centro de atención social residencial no municipio arxentino de Avellaneda

Trátase dun centro público que atenderá ás persoas maiores galegas, principalmente dependentes, emigradas en Arxentina


O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente da Asociación Fillos de Boiro, José Creo Fernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración


Quintana adiantou que o departamento autonómico poñerá en marcha centros de día en Bos Aires, Uruguai e Venezuela


Santiago, 28 de novembro de 2007.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe que o seu departamento está a estender o Sistema Galego de Benestar a toda a cidadanía galega, tanto aos que residen en Galiza como aos galegos e galegas que viven fóra. Así o dixo esta mañá en Compostela durante o acto de sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Fillos de Boiro polo que o departamento autonómico financia a construción dun centro de día de carácter residencial no municipio arxentino de Avellaneda, lugar de residencia de numerosos galegos e galegas emigrados.
A Vicepresidencia destina á construción desta instalación un total de 400.000 euros, dos que a través do convenio rubricado hoxe por Anxo Quintana e o presidente da entidade, José Creo, se entregaron os primeiros 150.000. Este centro de atención social de carácter residencial, xa en construción, consta dunha residencia con 140 prazas máis un centro de día, e está destinado ás persoas maiores galegas residentes en Arxentina, especialmente a aquelas que están en situación de dependencia. Quintana comprometera a colaboración da Vicepresidencia con este proxecto durante a súa visita a Arxentina hai un ano.
Durante a súa intervención, o vicepresidente explicou que dentro do Sistema Galego de Benestar, xunto a programas e servizos, se está a poñer en marcha unha rede pública de equipamentos composta por residencias, centros de día, e centros de atención á discapacidade "que teñen que servir para que os cidadáns, ademais de ter o dereito a ser atendidos, poidan exercer ese dereito na práctica". Neste senso, asegurou que esta "é unha rede pública que a Vicepresidencia quere levar a todos os cidadáns galegos, tanto aos cidadáns galegos que viven en Galiza como aos que viven fóra", e sinalou a actuación que se desenvolve en Avellaneda como exemplo deste compromiso do seu departamento.
O vicepresidente da Xunta afirmou que esta vai ser unha instalación importante que vai servir para cubrir boa parte da demanda dos cidadáns galegos na Arxentina, en engadiu que "non vai ser a única nin a última". Así, adiantou que a Vicepresidencia ten proxectado a posta en marcha doutro centro de día en Bos Aires, así como de instalacións similares en Uruguai e Venezuela.
O modelo para estes centros, explicou, será similar ao proxecto posto en marcha para Avellaneda. Trátase, segundo dixo, dunha rede pública que se fará en colaboración coas entidades de galegos e galegas no exterior. Con este sistema combínase a efectividade de poñer en marcha estes centros dende alí e con organizacións asentadas alí, cos beneficios que aporta o seu carácter de rede pública. Neste senso, Quintana aclarou que o centro atenderá non só aos asociados destas entidades, senón a todos os cidadáns galegos na Arxentina que o precisen de acordo con baremos de necesidade e inclusión.


Separar atención social e voto


O vicepresidente da Xunta expresou a súa satisfacción porque con iniciativas como esta "demóstrase e pódese comprobar perfectamente na práctica que é posible abordar por un lado o tema da xustiza democrática e a limpeza do voto emigrante e por outro o tratamento social dos emigrantes. Ao respecto, Quintana manifestou que tanto dende o seu departamento como dende o BNG se ten manifestado unha postura moi clara ao respecto do voto emigrante que volveu reiterar. "A asistencia social aos nosos emigrantes é un dereito que os nosos emigrantes teñen pola súa condición de galegos e ten que estar totalmente disociada e non ter ningunha conexión coa limpeza democrática no voto. Na medida en que sexamos capaces de separar as dúas cousas, todos sairemos gañando", apostilou.


O VICE PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA, ANXO QUINTANA, ABRE UNHA CANLE DIREITA DE COMUNICACION COA XENTE



Daréivos a benvida como vos merecedes. Nada de escatimar en gastos. Que sexa algo pola porta grande como é o espazo da rede internauta.

Unha enorme alfombra vermella até chegar a esta fiestra, como as das grandes ocasións. Unha iluminación das que producen a sensación de estar no medio dun arco iris. E o mellor cava das bodegas catalanas para recibirvos nesta nova casa, a do meu blog.

Xa que de momentos especiais falamos, quixera expresar en voz alta dixital un desexo particular. O de poder lograr unha comunicación xovial, desenfadada, informal, directa e fóra de complexos. Lonxe dos xestos acartoados e desprovista de rixideces. Como é internet onde os formalismos sobran e os accesos son doados, sen curvas, nun sentido e con todas as facilidades do mundo. Así quero que sexa a miña nova casa virtual, onde compartiréi con vós as miñas andainas, os meus pensamentos, as miñas opinións, e algunhas das miñas vivencias do día a día. Nada que temer, este foro non está para os discursos senón para a conversa tranquila.

Agardo correspondencia vosa, teño un email aos que vos poderedes dirixir e contarme o que queirades. Preguntar, suxerir, criticar, o que se vos ocorra. Para iso estou. Ademáis, espero receptividade porque non gosto nada de falar eu só.

Artigo da Deputada Olaia Fernández Davila sobre o voto da diáspora

A cuestión do voto da emigración sempre foi motivo de controversia, especialmente cando se practica o duplo xogo e se fai abstracción da necesaria claridade. O mar da confusión sempre foi no que navegaron sobre todo os dous partidos políticos estatais, PP e PSOE. Basta con facer un “flashback”, un memorándum das súas estelares actuacións campaña tras campaña para decatarse do dominio dun elemento clave na súa relación coa emigración galega: vótame logo te quero moito. Os cimentos deste sistema caciquil implantounos sen complexo o ex Presidente da XUNTA, Manuel Fraga, quen ademáis tivo un papel brilante nisto da multiplicación dos pans e dos votos. Foi o artífice de moitas miragres acontecidas no reconto de votos, pois así foi posíbel que en moitas ocasións votaran persoas xa falecidas. A estas alturas da historia ninguén pode negar a conversión do voto da emigración nun puro mercadeo por parte dos dous principais partidos políticos do Estado. Esa é a única razón do interese que teñen en manter o sistema tal cal está. A pervivencia dun modelo que lles convén, co que xogan gostosamente. Non hai que levarse a engano coas dubitativas posicións do PSOE. Hai meses o seu Secretario de Organización, José Blanco, proclamaba a distro e sinistro a imperiosa necesidade de reformar o sistema de voto dos residentes no exterior, nun momento en que fixo unha extrapolación do futuro medre do corpus electoral dos emigrantes no caso de votaren os netos e netas de galegos emigrados con nacionalidade española. Daquela se levou as máns á cabeza. Logo todo quedou aí. Agora predomina o silenzo, a consigna é non mencionar o tema e tirar para adiante mentras Ministros e o mesmo Presidente do Goberno viaxan a Bos Aires, Montevideo e demáis para reunirse coa emigración galega. Curiosa situación. Volverán a falar de reformar o sistema de voto dos residentes ausentes unha vez rematen as Eleccións a Cortes Xerais?

O BNG nunca se prestou a tal operación. Desde que temos consciencia sabemos que detrás da emigración galega hai moitas historias, moitas vivencias, longos anos de pasar por todo tipo de situacións, por iso nos deixamos conducir polo respecto máximo e non polo alborto eleitoral. Xamáis negamos os dereitos sociais, xurídicos, asistenciais ou culturais da emigración galega. E aí están as hemerotecas, os arquitos do Parlamento Galego ou do Congreso e do Senado para demostralo. Temos o orgullo de exhibir unha longa traxectoria de traballo en pro dos dereitos dos residentes no exterior, un traballo que ninguén pode negar. E sobre todo, sempre defendemos o dereito a que os descendentes, filos e netos de emigrantes accedesen á nacionalidade española. Defendemos calquer trampolín ou senda que facilite o seu retorno á terra. En todo este ámbito desenvolvimos e desenvolveremos o noso traballo, mostra evidente do noso compromiso coa colectividade emigrante. Esos son os feitos máis alá dos votos.

Porén tampouco practicamos a falsedade e sempre mantivemos a necesidade de modificar o sistema de votación dos emigrantes. Na vida política cercana, a municipal e a do territorio galego, deben incidir os que habitan, traballan e conviven na Galiza. É un plantexamento que parte de elementos básicos de coherencia, votas onde resides porque é aí onde están os servizos públicos que revirten na túa vida, que te afectan. Outra cousa son as eleccións a Cortes Xerais ou ao Parlamento europeu, institucións que poderíamos denominar “supranacionais”, que consideramos poden contar co voto dos residentes no exterior sempre que naceran ou residiran polo menos dous anos no territorio estatal, e non teñan recoñecido este dereito no pais de residencia. É o normal, en ningún pais do mundo cunha alta emigracións nas súas costas permiten votar en dous Estados ao mesmo tempo, elexir o destino político de dous paises. Remitimos a un exemplo cercano, Irlanda.

A nosa proposta avanza en criterios democráticos, toma en consideración a voz da emigración cando pedimos unha circunscripción eleitoral propia para os residentes no exterior nas votacións a Cortes Xerais. Pura democracia sen trampas numéricas. Un home, unha muller, un voto que ten valor. O tema da distribución de escanos tamén precisa da introducción de congruencia. É xusto que o reparto de escanos se realice en función da poboación de dereito? Non será máis equitativo que esta distribución se faga en base ao censo eleitoral real? Desde logo, Galiza gañaría. Tendo en conta o noso censo eleitoral e o dos residentes ausentes, o resultado das contas arroxan dados reveladores: teriamos 5 escanos máis dos que temos mentras que o actual sistema nos arrebata novamente un deputado por A Coruña. Gañamos votantes pero non contan, non é o mundo ao revés?

De todos é coñecida a triste historia de manipulacións, corrupcións, enganos e irregularidades co voto dos emigrantes. Todos temos na mente un resumo de todo iso: mortos que votan. A depuración, o control, a vixianza deben chegar ao sistema de votación dos residentes ausentes porque é unha medida de limpeza democrática que dá veracidade ao sistema. A mellor maneira é a práctica do sufraxio activo tal e como o facemos os residentes no Estado, con todas as garantías, votando en urna en colexios eleitorais constituidos en órganos institucionais nos distintos paises. A que vén tanta resistencia a pór en marcha un mecanismo que oferece garantías a todo o mundo? Non van os estranxeiros que viven no Estado español a votar ás súas embaixadas e consulados cando se produce un proceso eleitoral? Será tan complicado? Temémonos que non vai por aí a cousa.

En resumidas contas, quen se moleste en analizar o que propomos, decataráse de imediato da inexistencia de intencionalidade algunha, saberá que non é unha proposta contra ninguén senón unha proposta para todos baseada en factores de xustiza equitativa. ---


A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, publicou este artigo en "España Exterior"