Vicepresidencia financia con 400.000 euros a construción dun centro de atención social residencial no municipio arxentino de Avellaneda
Trátase dun centro público que atenderá ás persoas maiores galegas, principalmente dependentes, emigradas en Arxentina
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente da Asociación Fillos de Boiro, José Creo Fernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración
Quintana adiantou que o departamento autonómico poñerá en marcha centros de día en Bos Aires, Uruguai e Venezuela
Santiago, 28 de novembro de 2007.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe que o seu departamento está a estender o Sistema Galego de Benestar a toda a cidadanía galega, tanto aos que residen en Galiza como aos galegos e galegas que viven fóra. Así o dixo esta mañá en Compostela durante o acto de sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Fillos de Boiro polo que o departamento autonómico financia a construción dun centro de día de carácter residencial no municipio arxentino de Avellaneda, lugar de residencia de numerosos galegos e galegas emigrados.
A Vicepresidencia destina á construción desta instalación un total de 400.000 euros, dos que a través do convenio rubricado hoxe por Anxo Quintana e o presidente da entidade, José Creo, se entregaron os primeiros 150.000. Este centro de atención social de carácter residencial, xa en construción, consta dunha residencia con 140 prazas máis un centro de día, e está destinado ás persoas maiores galegas residentes en Arxentina, especialmente a aquelas que están en situación de dependencia. Quintana comprometera a colaboración da Vicepresidencia con este proxecto durante a súa visita a Arxentina hai un ano.
Durante a súa intervención, o vicepresidente explicou que dentro do Sistema Galego de Benestar, xunto a programas e servizos, se está a poñer en marcha unha rede pública de equipamentos composta por residencias, centros de día, e centros de atención á discapacidade "que teñen que servir para que os cidadáns, ademais de ter o dereito a ser atendidos, poidan exercer ese dereito na práctica". Neste senso, asegurou que esta "é unha rede pública que a Vicepresidencia quere levar a todos os cidadáns galegos, tanto aos cidadáns galegos que viven en Galiza como aos que viven fóra", e sinalou a actuación que se desenvolve en Avellaneda como exemplo deste compromiso do seu departamento.
O vicepresidente da Xunta afirmou que esta vai ser unha instalación importante que vai servir para cubrir boa parte da demanda dos cidadáns galegos na Arxentina, en engadiu que "non vai ser a única nin a última". Así, adiantou que a Vicepresidencia ten proxectado a posta en marcha doutro centro de día en Bos Aires, así como de instalacións similares en Uruguai e Venezuela.
O modelo para estes centros, explicou, será similar ao proxecto posto en marcha para Avellaneda. Trátase, segundo dixo, dunha rede pública que se fará en colaboración coas entidades de galegos e galegas no exterior. Con este sistema combínase a efectividade de poñer en marcha estes centros dende alí e con organizacións asentadas alí, cos beneficios que aporta o seu carácter de rede pública. Neste senso, Quintana aclarou que o centro atenderá non só aos asociados destas entidades, senón a todos os cidadáns galegos na Arxentina que o precisen de acordo con baremos de necesidade e inclusión.
Separar atención social e voto
O vicepresidente da Xunta expresou a súa satisfacción porque con iniciativas como esta "demóstrase e pódese comprobar perfectamente na práctica que é posible abordar por un lado o tema da xustiza democrática e a limpeza do voto emigrante e por outro o tratamento social dos emigrantes. Ao respecto, Quintana manifestou que tanto dende o seu departamento como dende o BNG se ten manifestado unha postura moi clara ao respecto do voto emigrante que volveu reiterar. "A asistencia social aos nosos emigrantes é un dereito que os nosos emigrantes teñen pola súa condición de galegos e ten que estar totalmente disociada e non ter ningunha conexión coa limpeza democrática no voto. Na medida en que sexamos capaces de separar as dúas cousas, todos sairemos gañando", apostilou.