A cuestión do voto da emigración sempre foi motivo de controversia, especialmente cando se practica o duplo xogo e se fai abstracción da necesaria claridade. O mar da confusión sempre foi no que navegaron sobre todo os dous partidos políticos estatais, PP e PSOE. Basta con facer un “flashback”, un memorándum das súas estelares actuacións campaña tras campaña para decatarse do dominio dun elemento clave na súa relación coa emigración galega: vótame logo te quero moito. Os cimentos deste sistema caciquil implantounos sen complexo o ex Presidente da XUNTA, Manuel Fraga, quen ademáis tivo un papel brilante nisto da multiplicación dos pans e dos votos. Foi o artífice de moitas miragres acontecidas no reconto de votos, pois así foi posíbel que en moitas ocasións votaran persoas xa falecidas. A estas alturas da historia ninguén pode negar a conversión do voto da emigración nun puro mercadeo por parte dos dous principais partidos políticos do Estado. Esa é a única razón do interese que teñen en manter o sistema tal cal está. A pervivencia dun modelo que lles convén, co que xogan gostosamente. Non hai que levarse a engano coas dubitativas posicións do PSOE. Hai meses o seu Secretario de Organización, José Blanco, proclamaba a distro e sinistro a imperiosa necesidade de reformar o sistema de voto dos residentes no exterior, nun momento en que fixo unha extrapolación do futuro medre do corpus electoral dos emigrantes no caso de votaren os netos e netas de galegos emigrados con nacionalidade española. Daquela se levou as máns á cabeza. Logo todo quedou aí. Agora predomina o silenzo, a consigna é non mencionar o tema e tirar para adiante mentras Ministros e o mesmo Presidente do Goberno viaxan a Bos Aires, Montevideo e demáis para reunirse coa emigración galega. Curiosa situación. Volverán a falar de reformar o sistema de voto dos residentes ausentes unha vez rematen as Eleccións a Cortes Xerais?
O BNG nunca se prestou a tal operación. Desde que temos consciencia sabemos que detrás da emigración galega hai moitas historias, moitas vivencias, longos anos de pasar por todo tipo de situacións, por iso nos deixamos conducir polo respecto máximo e non polo alborto eleitoral. Xamáis negamos os dereitos sociais, xurídicos, asistenciais ou culturais da emigración galega. E aí están as hemerotecas, os arquitos do Parlamento Galego ou do Congreso e do Senado para demostralo. Temos o orgullo de exhibir unha longa traxectoria de traballo en pro dos dereitos dos residentes no exterior, un traballo que ninguén pode negar. E sobre todo, sempre defendemos o dereito a que os descendentes, filos e netos de emigrantes accedesen á nacionalidade española. Defendemos calquer trampolín ou senda que facilite o seu retorno á terra. En todo este ámbito desenvolvimos e desenvolveremos o noso traballo, mostra evidente do noso compromiso coa colectividade emigrante. Esos son os feitos máis alá dos votos.
Porén tampouco practicamos a falsedade e sempre mantivemos a necesidade de modificar o sistema de votación dos emigrantes. Na vida política cercana, a municipal e a do territorio galego, deben incidir os que habitan, traballan e conviven na Galiza. É un plantexamento que parte de elementos básicos de coherencia, votas onde resides porque é aí onde están os servizos públicos que revirten na túa vida, que te afectan. Outra cousa son as eleccións a Cortes Xerais ou ao Parlamento europeu, institucións que poderíamos denominar “supranacionais”, que consideramos poden contar co voto dos residentes no exterior sempre que naceran ou residiran polo menos dous anos no territorio estatal, e non teñan recoñecido este dereito no pais de residencia. É o normal, en ningún pais do mundo cunha alta emigracións nas súas costas permiten votar en dous Estados ao mesmo tempo, elexir o destino político de dous paises. Remitimos a un exemplo cercano, Irlanda.
A nosa proposta avanza en criterios democráticos, toma en consideración a voz da emigración cando pedimos unha circunscripción eleitoral propia para os residentes no exterior nas votacións a Cortes Xerais. Pura democracia sen trampas numéricas. Un home, unha muller, un voto que ten valor. O tema da distribución de escanos tamén precisa da introducción de congruencia. É xusto que o reparto de escanos se realice en función da poboación de dereito? Non será máis equitativo que esta distribución se faga en base ao censo eleitoral real? Desde logo, Galiza gañaría. Tendo en conta o noso censo eleitoral e o dos residentes ausentes, o resultado das contas arroxan dados reveladores: teriamos 5 escanos máis dos que temos mentras que o actual sistema nos arrebata novamente un deputado por A Coruña. Gañamos votantes pero non contan, non é o mundo ao revés?
De todos é coñecida a triste historia de manipulacións, corrupcións, enganos e irregularidades co voto dos emigrantes. Todos temos na mente un resumo de todo iso: mortos que votan. A depuración, o control, a vixianza deben chegar ao sistema de votación dos residentes ausentes porque é unha medida de limpeza democrática que dá veracidade ao sistema. A mellor maneira é a práctica do sufraxio activo tal e como o facemos os residentes no Estado, con todas as garantías, votando en urna en colexios eleitorais constituidos en órganos institucionais nos distintos paises. A que vén tanta resistencia a pór en marcha un mecanismo que oferece garantías a todo o mundo? Non van os estranxeiros que viven no Estado español a votar ás súas embaixadas e consulados cando se produce un proceso eleitoral? Será tan complicado? Temémonos que non vai por aí a cousa.
En resumidas contas, quen se moleste en analizar o que propomos, decataráse de imediato da inexistencia de intencionalidade algunha, saberá que non é unha proposta contra ninguén senón unha proposta para todos baseada en factores de xustiza equitativa. ---
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, publicou este artigo en "España Exterior"