28 de febrero de 2008

Davila: "O debate Rajoy-Zapatero demostra que se Galiza está presente no Estado é grazas ao BNG"

A candidata nacionalista subliñou que “o BNG tome a dirección que tome sempre aterra na Galiza” e preguntou “quen negociou incrementos das partidas para Galiza nos Orzamentos do Estado? Moi fácil, o BNG”
Tui, 26 Febreiro 08.-
A candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, afirmou este serán en Tui que “o debate de onte entre Zapatero e Rajoy veu a demostrar que se Galiza quer estar presente no Estado é só através do BNG, ninguén máis é capaz de representar os seus intereses como o nacionalismo galego”.
Davila sinalou ao respeito que “en case dúas horas de debate nen o candidato do PSOE nen o candidato do PP foron quen siquera de mencionar ao noso país. E mira que nomearon a outros territorios. Por suposto apareceu Catalunya, apareceu Euskadi, incluso apareceu Aragón pero nen palabriña de Galiza”.
"Xa é hora de que contemos como os cataláns ou como os vascos e para iso é necesario reforzar ao BNG" é o turno de Galiza
Neste sentido, subliñou que “xa é hora de que contemos como os cataláns ou como os vascos e para iso é necesario reforzar ao BNG. Para iso é preciso que votedes ao BNG, que nos fagades fortes nas Cortes do Estado para posibilitar o medre da influencia de Galiza, para determinar e ser decisivos en todo o que nos afecta como son as decisións e as medidas destinadas aos nosos sectores produtivos. Temos que decidir nós o noso futuro, os galegos e as galegas, porque o PP e o PSOE, xa o vedes, están atados aos designios das súas centrais en Madrid. Esa é a direción que toman sempre que teñen que marcar prioridades”.
“O BNG tome a direción que tome sempre aterra na Galiza. Traballamos desde e para o pais, e esa é a reflexión que a cidadanía galega ten que facer. Quen negociou os incrementos de partidas nos Orzamentos Xerais do Estado para as infraestruturas ferroviarias e viarias de Galiza, para as actuacións medioambientais, para a seguridade vial das estradas galegas, para o desenvolvemento rural galego ou para o desenvolvemento tecnolóxico do pais? O BNG. O PP nada fixo, e co PSOE no Goberno se Galiza chegou até os 2000 millóns de euros para este ano 2008 é grazas á negociación dos nacionalistas galegos, grazas ás condicións que puxemos enriba da mesa para apoiar as contas do Estado, grazas as propostas en todas estas materias que realizamos”, enfatizou a candidata nacionalista.
Lembrou a partida de 6 millóns de euros lograda polos nacionalistas galegos nos Orzamentos Xerais para este ano 2008 en concepto de mellora da calidade das augas en Guillarei e outras localidades

Quintana chama a votar como galegos para convertir as ideas en feitos o 9-M

Santiago de Compostela, 27 Febreiro 08.-
O portavoz nacional do BNG pedíu aos galegos e galegas que “utilicemos as elecións do día 9 para cambiar en feitos a idea de ter unha Galiza forte e decisiva en Madrid. Votemos como galegos”, continuou, “consigamos que o Bloque Nacionalista Galego teña capacidade de decisión en Madrid porque iso vai ser bo para Galiza e vai significar máis respeto para Galiza, máis benestar para os galegos e galegas e iso será bo para Galiza, pero tamén para a democracia e o progreso do Estado español”.
Aludíu na súa intervención final a Castelao coa frase na que aseguraba que “o heroísmo é aquel que consiste en convertir as ideas en feitos” e asegurou que “a maioría dos galegos queren unha Galiza con máis peso en Madrid, que teña capacidade de decisión en Madrid”.
Quintana amosou a súa “satisfación” polo feito de que a TVG puidera finalmente celebrar este debate. “Non foi sin tempo”, comentou, ao tempo que asegurou que “con isto metemos a Galiza no debate. Xogámonos moito. Galiza ten que ter peso e capacidadede decisión e isto só será posíbel se o BNG ten forza en madrid”, continou, “estou seguro de que isto é bo para Galiza”.
“Apoiar a economía produtiva cunha aposta decidida pola innovación e a competitividade e por valorizar os nosos recursos enerxéticos”.
Economía
Fronte á mensaxe “catastrofista” do PP e a “compracencia do PSOE, o líder do Bloque falou de “un novo momento económico, chámeselle desaceleración ou como queiran” e inisistíu en que, para combater isto, “pódense facer cousas desde Galiza e desde o Estado, pensando en Galiza”.
O portavoz nacional insistíu na necesidade de “apoiar a economía produtiva, os nosos sectores económicos puxantes, cunha aposta decidida pola innovación e a competitividade e valorizar os nosos recursos enerxéticos”.
“Hai que pensar na xente humilde”, continuou, “por iso hai que mellorar o acceso aos servizos públicos, tendo en conta que cada vez que hai unha crise, Galiza sempre acaba levando a peor parte”.
O líder do Bloque apuntou na súa réplica que “o que toca agora é decidir que imos facer como galegos para que Galiza poida sair con éxito desta situación” e, neste sentido, lembrou que “temos sectores con grande capacidade de internacionalización, como o naval, ao que se lle están a pór trabas”. Quintana argumentou que “o único que pedimos é que nos deixen traballar”, polo que pedíu a PP e PSOE que se posicionen e digan se van estar “dispostos a reclamar que se poidan construír buques civís para poder xerar emprego”.
Fronte ao empeño dos líderes das forzas estatais en Galiza de esgrimir gráficos e cifras, o portavoz do BNG dixo que “a xente quere saber como imos mellorar a súa situación, ter acceso á vivenda” e aludíu ao Plan Sectorial de Vivenda protexida que ten posto en marcha o goberno galego sobre o que explicou que “o que fai falta que Madrid non interrumpa o noso traballo e teñamos fondos para facer esta vivenda protexida”.
Quintana amosou unha foto da manifestación de Nunca Máis en Madrid
Infraestruturas
O líder nacionalista e vicepresidente da Xunta acusou ao presidente do PpdeG de “ir de pedichóns cando non gobernan en Madrid, e, sen embargo, cando gobernan non piden nada. Hai que ser coherentes”, apuntou.
Anxo Quintana lembrou os logros acadados polo nacionalismo como os investimentos de máis do 8% en infraestruturas para Galiza nos últimos tres anos. “Certificamos ese paso en base a un acordo de Estado”, polo que instou aos líderes das outras forzas a “dicir o mesmo aquí e en Madrid”.
O portavoz nacional lembrou o ascenso nos investimentos nesta materia desde os 400 millóns de euros da época do PP aos máis de 2.000 negociados polo BNG e respostou a Feijóo na súa réplica que “Galiza sufre un retraso en infraestruturas” e afirmou que “temos que seguir contando con forza decisiva en Madrid para poder nivelarnos a nivel de infraestruturas. Non pode ser que cando gobernemos en Madrid todo estea ben e cando non, todo está mal”.
Despois de que Feijóo e Touriño amosasen na súa intervención máis gráficos e cifras, Quintana amosou unha foto da manifestación na que hai cinco anos milleiros de galegos e galegas foron reclamar a Madrid as competencias en Salvamento Marítimo. “Poden ensinar os mapas que queiran, porque cando empezou a crecer o investimento en Galiza foi a partir de aquí. Os galegos non fomos a chorar a Madrid, fomos a reclamar o que nos corresponde” e chamou a trasladar ese espírito exhibido nas manifestacións de Nunca Máis “ese orgullo de sermos galegos” ás votacións do 9 de marzo, para conseguirmos ese respeito “a base de representación política decisiva”.
Autogoberno
"Se non temos Estatuto é porque vostede non quixo, señor Feijoo"O líder do BNG lembrou que, no debate estatal, “Rajoy falou de moitos estatutos, pero non mencionou o galego e, se non temos Estatuto é porque vostede non quixo, señor Feijóo”, polo que lle pedíu que diga aos galegos “se van seguir negando a posibilidade de que Galiza teña un Estatuto de primeira”.
Anxo Quintana criticou que o líder estatal do PP veña de “dicir que España vaise romper e que aposte por iso por unha recentralización e agora aposte por recuperar competencias, en base a unha idea centralista e carca”. Fronte a isto, o líder do BNG defendeu un estado “plurinacional, cooperativo, que traballe en rede”.
Fronte ás acusacións de Feijóo encerellado nas críticas á postura do BNG durante a negociación do Novo Estatuto, Quintana retouno a que aclare “se Galiza vai ter un Estauto de primeira ou se perderemos estatus fronte a Euscadi e Cataluña”.
O portavoz nacionalista aludíu ao interese dos galegos e galegas por ter competencias de tráfico “porque pensan que desde aquí as xestionaremos mellor”, polo que insistíu en retar ás forzas estatais a que se posicionen e acusou a Feijóo de “seguir as indicacións dese predicador radiofónico que non lles permite facer nada que non sexa da España rancia e caduca”.
Políticas sociais e igualdade
O portavoz nacional e vicepresidente defendeu a xestión que está a levar adiante nesta materia desde Galiza e insistíu en que o importante é “que ademais de ter dereitos, as persoas poidan exercelos”. Para isto é para o que se está a por en marcha o Sistema Galego de Benestar, “para atender a maiores e dependentes” e reclamou o 10% dos máis de 800 millóns de euros destinados a financiar a lei de dependencia para Galiza.
Quintana criticou a situación que o PP deixou en Galiza neste eido, “á cola en prazas de residencias”. Sobre as políticas de igualdade, que estiveron ausentes nos discursos de Feijóo e Touriño, o portavoz nacional lembrou o labor que está a se facer en creación de prazas de escolas infantís e reclamou unha lei de prazos que despenalice o aborto, “é unha necesidade e un dereito democrático”, concluíu.

19 de febrero de 2008

Jorquera critica 'o escándalo indecente dun PP e dun PSOE que rivalizan en utlizar o voto da emigración como mercancía eleitoral'

O número un ao Congreso por A Coruña insta aos partidos estatais a secundar a proposta nacionalista para reformar a lei eleitoral nos primeiros seis meses da nova lexislatura

Santiago de Compostela, 14 Febreiro 08. O número un ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, criticou hoxe o “escándalo indecente que protagonizan PP e PSOE ao rivalizar en utilizar o voto da emigración como mercadoría eleitoral”.
Através deste comunicado de imprensa, o candidato nacionalista sai ao paso da denuncia feita polo Partido Popular sobre a suposta utilización de fundos públicos por parte do PSOE para sufragar a campaña eleitoral dos socialistas na emigración nas pasadas eleccións municipais.
“É unha denuncia feita desde a hipocresía, porque o PP denuncia xusto o que ten practicado en innumerábeis ocasións. Uns e outros están a dar un espectáculo verdadeiramente bochornoso e están a faltar o respeito á sociedade galega”, avalía Jorquera.
O cabeza de lista do BNG insta aos partidos estatais a que “deixen de utilizar os emigrantes para obter réditos eleitorais” e a que secunden a proposta do BNG de reformar a lei eleitoral nos primeiros seis meses da nova lexislatura.
“Do que se trata é de garantir aos emigrantes que van poder exercer os seus dereitos libre e limpamente, sen que ninguén os poda utilizar como carnaza eleitoral. Do que se trata é de reformar a lei para acabar coas prácticas irregulares e co escándalo antidemocrático en que se ten convertido o voto dos residentes ausentes”, engade o número un frentista ao Congreso.
“O lamentábel é vermos que PP e PSOE carecen de nengunha proposta construtiva para mellorar as condicións de vida dos residentes ausentes. É vermos que a súa situación non lles interesa o máis mínimo. Só lles interesa manipular o seu voto”, conclúe.

14 de febrero de 2008

Quintana asegura que Galeuscat é a auténtica alternativa política no Estado e cualifica de 'antigo' o modelo das forzas estatais



O líder nacionalista di que 'o programa do PP está nas antípodas das nosas propostas, pero tampouco estamos aquí para dar un cheque en branco ao Partido Socialista'

Madrid, 13 Febreiro 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e o número un do BNG ao Congreso pola Coruña, Francisco Jorquera, participaron esta mañá en Madrid nun acto no que se presentaron as propostas programáticas conxuntas da plataforma Galeuscat para as xerais 08.
Durante a súa intervención, Quintana explicou que as forzas nacionalistas son a “alternativa” no debate político estatal e explicitou que temas como o modelo territorial “non poden estar completamente monopolizados polas forzas políticas estatais”.

O portavoz nacional contrapuxo o modelo “antigo” que representan as tentativas “recentralizadoras” de PP e PSOE, “que pretenden que haxa un cerebro central, que todo o entende e sabe”, á alternativa dun nacionalismo que apresenta un modelo “democrático do Estado español, unha forma diferente de entender a política”.

De feito, o líder do BNG criticou que “se defenda tanto o diálogo como xeito de chegar a acordos en democracia e, paradoxalmente, se fale de xogo espúreo cando son os nacionalistas os que queren tomar parte nese diálogo”.

Proposta positiva do nacionalismo

A proposta “positiva” do nacionalismo contraponse, tal e como subliñou Quintana, á “crispación bipartidista” e asegurou que os “xogos florais de descualificación sen contido” deben ser substituídos polo “diálogo como camiño construtivo”.

Para iso ten elaborado Galeuscat a súa proposta conxunta que debullaron os líderes das tres forzas e os seus voceiros, Erkoreka, Jorquera e Sánchez Lliure (en substitución de Durán i Lleida). Esta proposta baséase no compromiso de “traballar construtivamente para colaborar na gobernabilidade do Estado”, tal e como subliñou Quintana.

Este traballo será “de catro anos”, especificou o líder do BNG e levará ás tres forzas de Galeuscat a se reunir despois do 10 de marzo, segundo anunciaron hoxe “para empezar a traballar”.

Presidencia nacionalista no Congreso ou no Senado

Anxo Quintana apuntou que o nacionalismo “non impón condicións”, mais si acude con propostas, entre as que non descartou a posibilidade de que exista, “e por que non?”, un presidente do Congreso ou do Senado, nacionalista, como demostración desa participación na gobernabilidade do Estado.

Sobre a conformación do futuro goberno do Estado, Quintana explicou que o BNG “non ten atavismo contra ningunha forza política” e non rexeita ningunha proposta, “estamos dispostos a dialogar”, mais aclarou que son os principios programáticos do PP os que fan imposíbel chegar a un acordo e advertiu de que “tampouco estamos aquípara estender ningún cheque en branco ao Partido Socialista”. “Na medida en que haxa entendemento e puntos de encontro co Partido Socialista, estamos dispostos a colaborar”, apuntou.

“Galeuscat dá un paso ao frente” dixo Quintana, e amosou o seu convencemento de que as forzas políticas que forman parte de Galeuscat “seremos decisivos na vindeira lexislatura”.

Propostas programáticas

Francisco Jorquera explicou na súa intervención algunhas das principais bases da proposta de reforma do Senado de Galeuscat, “profunda e ambiciosa”, segundo el mesmo subliñou.

O novo Senado debería ser unha auténtica cámara de representación territorial, con membros designados polas Comunidades Autónomas, de xeito que se modifiquen os criterios de composición e “se recoñezan os feitos diferenciais”.

Canto ás funcións, veríanse ampliadas para que o Senado sexa unha “cámara de primeira en moitas iniciativas lexislativas e os senadores de cada comunidade autónoma poidan ter dereito a veto en iniciativas que lles afecten de xeito directo”.

Estudar galego en Madrid

A perguntas dos xornalistas, ao final do acto, Quintana valorou a iniciativa de Esperanza Aguirre de posibilitar que os nenos estuden catalán en Madrid e amosou a súa esperanza de que “a partir de agora, non poñan pegas para que se estude galego en Galiza”.