O líder nacionalista di que 'o programa do PP está nas antípodas das nosas propostas, pero tampouco estamos aquí para dar un cheque en branco ao Partido Socialista'
Madrid, 13 Febreiro 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e o número un do BNG ao Congreso pola Coruña, Francisco Jorquera, participaron esta mañá en Madrid nun acto no que se presentaron as propostas programáticas conxuntas da plataforma Galeuscat para as xerais 08.
Durante a súa intervención, Quintana explicou que as forzas nacionalistas son a “alternativa” no debate político estatal e explicitou que temas como o modelo territorial “non poden estar completamente monopolizados polas forzas políticas estatais”.
Durante a súa intervención, Quintana explicou que as forzas nacionalistas son a “alternativa” no debate político estatal e explicitou que temas como o modelo territorial “non poden estar completamente monopolizados polas forzas políticas estatais”.
O portavoz nacional contrapuxo o modelo “antigo” que representan as tentativas “recentralizadoras” de PP e PSOE, “que pretenden que haxa un cerebro central, que todo o entende e sabe”, á alternativa dun nacionalismo que apresenta un modelo “democrático do Estado español, unha forma diferente de entender a política”.
De feito, o líder do BNG criticou que “se defenda tanto o diálogo como xeito de chegar a acordos en democracia e, paradoxalmente, se fale de xogo espúreo cando son os nacionalistas os que queren tomar parte nese diálogo”.
Proposta positiva do nacionalismo
A proposta “positiva” do nacionalismo contraponse, tal e como subliñou Quintana, á “crispación bipartidista” e asegurou que os “xogos florais de descualificación sen contido” deben ser substituídos polo “diálogo como camiño construtivo”.
Para iso ten elaborado Galeuscat a súa proposta conxunta que debullaron os líderes das tres forzas e os seus voceiros, Erkoreka, Jorquera e Sánchez Lliure (en substitución de Durán i Lleida). Esta proposta baséase no compromiso de “traballar construtivamente para colaborar na gobernabilidade do Estado”, tal e como subliñou Quintana.
Este traballo será “de catro anos”, especificou o líder do BNG e levará ás tres forzas de Galeuscat a se reunir despois do 10 de marzo, segundo anunciaron hoxe “para empezar a traballar”.
Presidencia nacionalista no Congreso ou no Senado
Anxo Quintana apuntou que o nacionalismo “non impón condicións”, mais si acude con propostas, entre as que non descartou a posibilidade de que exista, “e por que non?”, un presidente do Congreso ou do Senado, nacionalista, como demostración desa participación na gobernabilidade do Estado.
Sobre a conformación do futuro goberno do Estado, Quintana explicou que o BNG “non ten atavismo contra ningunha forza política” e non rexeita ningunha proposta, “estamos dispostos a dialogar”, mais aclarou que son os principios programáticos do PP os que fan imposíbel chegar a un acordo e advertiu de que “tampouco estamos aquípara estender ningún cheque en branco ao Partido Socialista”. “Na medida en que haxa entendemento e puntos de encontro co Partido Socialista, estamos dispostos a colaborar”, apuntou.
“Galeuscat dá un paso ao frente” dixo Quintana, e amosou o seu convencemento de que as forzas políticas que forman parte de Galeuscat “seremos decisivos na vindeira lexislatura”.
Propostas programáticas
Francisco Jorquera explicou na súa intervención algunhas das principais bases da proposta de reforma do Senado de Galeuscat, “profunda e ambiciosa”, segundo el mesmo subliñou.
O novo Senado debería ser unha auténtica cámara de representación territorial, con membros designados polas Comunidades Autónomas, de xeito que se modifiquen os criterios de composición e “se recoñezan os feitos diferenciais”.
Canto ás funcións, veríanse ampliadas para que o Senado sexa unha “cámara de primeira en moitas iniciativas lexislativas e os senadores de cada comunidade autónoma poidan ter dereito a veto en iniciativas que lles afecten de xeito directo”.
Estudar galego en Madrid
A perguntas dos xornalistas, ao final do acto, Quintana valorou a iniciativa de Esperanza Aguirre de posibilitar que os nenos estuden catalán en Madrid e amosou a súa esperanza de que “a partir de agora, non poñan pegas para que se estude galego en Galiza”.