Santiago de Compostela, 14 Febreiro 08. O número un ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, criticou hoxe o “escándalo indecente que protagonizan PP e PSOE ao rivalizar en utilizar o voto da emigración como mercadoría eleitoral”.
Através deste comunicado de imprensa, o candidato nacionalista sai ao paso da denuncia feita polo Partido Popular sobre a suposta utilización de fundos públicos por parte do PSOE para sufragar a campaña eleitoral dos socialistas na emigración nas pasadas eleccións municipais.
“É unha denuncia feita desde a hipocresía, porque o PP denuncia xusto o que ten practicado en innumerábeis ocasións. Uns e outros están a dar un espectáculo verdadeiramente bochornoso e están a faltar o respeito á sociedade galega”, avalía Jorquera.
O cabeza de lista do BNG insta aos partidos estatais a que “deixen de utilizar os emigrantes para obter réditos eleitorais” e a que secunden a proposta do BNG de reformar a lei eleitoral nos primeiros seis meses da nova lexislatura.
“Do que se trata é de garantir aos emigrantes que van poder exercer os seus dereitos libre e limpamente, sen que ninguén os poda utilizar como carnaza eleitoral. Do que se trata é de reformar a lei para acabar coas prácticas irregulares e co escándalo antidemocrático en que se ten convertido o voto dos residentes ausentes”, engade o número un frentista ao Congreso.
“O lamentábel é vermos que PP e PSOE carecen de nengunha proposta construtiva para mellorar as condicións de vida dos residentes ausentes. É vermos que a súa situación non lles interesa o máis mínimo. Só lles interesa manipular o seu voto”, conclúe.
19 de febrero de 2008
Jorquera critica 'o escándalo indecente dun PP e dun PSOE que rivalizan en utlizar o voto da emigración como mercancía eleitoral'
O número un ao Congreso por A Coruña insta aos partidos estatais a secundar a proposta nacionalista para reformar a lei eleitoral nos primeiros seis meses da nova lexislatura