O alcalde de Arzúa e candidato do BNG á reelección, Xaquín García Couso, trasladou ó Ministerio Fiscal o "intento de suborno" que practicou, segundo denunciou, o agora candidato do PP á Alcaldía e daquela director da radio municipal desa localidade, por se entender que "poden ser constitutivos de delito perseguible de oficio".
Esta decisión, explicou en roda de prensa, adoptouna logo de estar "suficientemente meditada", e puxo de manifesto que este feito non ten que ver coa proclamación como candidato do PP de Armando Cascón Rodríguez, senón pola "recente publicación en prensa" dos feitos ocorridos en 2009 e a "actitude que toma o propio" candidato ó presentar contra el unha querela criminal no Xulgado de Arzúa ante a decisión de trasladalo temporalmente do seu posto mentres dure a súa condición como candidato.
García Couso contratou un detective privado, tras cursar as consultas ó avogado asesor municipal, para gravar "o intento de suborno" do agora candidato do PPdeG e naquel momento empregado público do Concello.
Neste sentido, defendeu a "absoluta legalidade" das gravacións da conversación mantida o 6 de agosto de 2009 co actual aspirante popular, e desmentiu as acusacións do presidente do PP da Coruña, Carlos Negreira, quen "publicamente intentou manchar a imaxe deste alcalde falando de gravacións ilícitas".
"Dígoo por última vez, estas gravacións son completamente legais e non vou permitir que nunca ninguén máis me calumnie publicamente sen que se tomen pola miña banda as medidas legais oportunas", manifestou, quen aclarou que se tratou dunha gravación "puntual que se fixo necesaria e imprescindible para demostrar un intento de suborno a este alcalde por quen hoxe é candidato do Partido Popular".
Díxoo nunha roda de prensa en Arzúa, na que explicou que con ela quería "acalar a quen malintencionadamente, e para desviar a atención duns feitos moi graves, pretenden difundir a idea de que este alcalde se dedica a gravar a calquera persoa que entre no seu despacho como se iso fose unha práctica habitual", indica, e sinala que iso "é absolutamente falso".
Habería trato de favor no medio a cambio dunha mellora retributiva
Os feitos remóntanse a 2009, cando se estaba tramitando a relación de postos de traballo do Concello. Durante a fase de tramitación e de negociación cos sindicatos, expuxo García, Armando Cascón Rodríguez "suscitou en varias ocasións, e por diferentes medios, a esixencia dunha mellora retributiva que entendía que debería recoñecerse para o seu posto de traballo que era, e é, o de director da radio municipal de Arzúa".
Neste sentido, e a medida que avanzou o expediente e a súa finalización, relata o alcalde, Cascón Rodríguez foi "incrementando progresivamente as súas esixencias ata o punto de facer chegar informalmente certas formulacións que pasaban por utilizar a radio municipal, e o seu papel como director da emisora, como moeda de cambio" das súas pretensións económicas.
"Do que se trataba era de advertirme de que se non aceptaba as súas pretensións poñería a radio local na miña contra, mentres que se as aceptaba, comprometíase a favorecerme a min e ó meu goberno, concretando ata dito compromiso nun folio e medio escrito a computador no que se resumían as condicións dunha posible colaboración", declarou o rexedor durante a roda de prensa deste venres.
fonte
No hay comentarios.:
Publicar un comentario