O 42% dos traballadores españois está disposto a cambiar de país para traballar ·· A cifra elévase ó 47% en Galicia e ó 70 en Navarra
Unha das opcións que con máis frecuencia se escoitan para afrontar a actual situación económica é a de cambiar de país por cuestións laborais. Segundo o Estudo de Mobilidade Internacional Laboral elaborado por Randstad, líder en solucións de recursos humanos, un 42% dos traballadores españois estaría disposto a cambiar de país para atopar un posto de traballo, unha cifra significativamente inferior á de mobilidade dentro de España, que se sitúa nun 65%.
Isto indica que os traballadores españois aínda que incrementaron notablemente a súa mobilidade laboral, aínda son reticentes a deixar España por un emprego e prefiren empregos máis próximos á súa localidade de residencia. Así o poñen tamén de manifesto os datos oficiais: 37.000 persoas abandonaron España durante 2010, cifra que parece se vai incrementar en 2011, xa que só no primeiro trimestre 14.109 persoas abandonaron o país. O informe de Randstad tamén destaca o grao de percepción que existe entre os cidadáns das diferentes comunidades autónomas. Os navarros (70%) son os que máis dispostos están á hora de afrontar unha oportunidade profesional fóra de España, seguidos de andaluces (56%), castelán manchegos (48%), galegos (47%) e madrileños (45%). No lado oposto, os españois que menos interese demostran nesta materia son rioxanos (20%), baleares (27%), asturianos (30%), cántabros (30%) e castelán-leoneses (35%).
Os datos reflicten a situación que están a vivir moitas persoas en España e que lles impide integrarse no mercado laboral: a menor mobilidade laboral, menor empregabilidade e xa que logo máis dificultades de saír do desemprego, tal e como confirma o último dato do Ministerio de Traballo, que sitúa a taxa de parados no mes de marzo en 4.333.669 desempregados.
En definitiva, o estudo elaborado pola compañía líder en solucións de recursos humanos describe o perfil actual do cidadán móbil a nivel internacional que se atopa no noso país. Trátase dun home, actualmente no paro, cunha idade comprendida entre os 25 e os 34 anos de idade, con estudos universitarios e estranxeiro. "A mobilidade laboral preséntase como un factor imprescindible á hora de aumentar a empregabilidade e as posibilidades de acceder a un posto de traballo. O emprego na mesma empresa, cidade e coas mesmas tarefas para toda a vida pasou á historia", conclúe Marta Valer, directora de Grandes Contas de Randstad. Agora o candidato ha de ser consciente de que o único xeito de ser un empregado atractivo e con posibilidades de acceder a máis e mellores oportunidades laborais é desterrar a idea dun único tipo de contrato e abrirse a novos horizontes profesionais alí onde xurdan.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario