O Consello do Bloque aproba por unanimidade unha proposta de resolución en contra da reforma e pide referendo
O Bloque Nacionalista Galego convocou mobilizacións, este martes día 30 de agosto, nas sete cidades galegas para rexeitar a reforma do artigo 135 da Constitución Española proposta por PSOE e PP, posto que a formación nacionalista ve "un atentado sen precedentes á democracia" ao supoñer "constitucionalización da política económica liberal".En rolda de prensa, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicou que o Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre asembleas-- celebrado este sábado "aprobou por absoluta unanimidade" unha proposta de resolución na que a formación mostra o seu "máis profundo rexeitamento" á "reforma expreso" da Constitución española por cuestións "tanto de fondo, coma de forma".
"De fondo, porque estamos ante unha reforma sectaria e partidista que pretende sacralizar como única política económica aquela que interesa ao capital financeiro", indicou antes de engadir que tamén "de forma", porque é "unha reforma expresa que sen ningún debate político se pretende consumar coma se fose un asunto de trámite".
A este respecto, o líder nacionalista expresou "a vontade" do BNG de promover "un amplo debate social" sobre os "demoledores efectos que tería" na economía de Galicia "a constitucionalización da política económica liberal claramente contraria aos intereses dos galegos", así como contra o "dereito da nación a dispoñer do seu futuro".
RERERENDUM Ante estas cuestións, Guillerme Vázquez reivindicou o dereito dos "pobos do Estado español, empezando polo galego", a pronunciarse "en referendo a respecto desta proposta de reforma". Unha modificación que, tal e como recolle a proposta de resolución aprobada polo consello Nacional, "promoven PP e PSOE sen ningún debate político" mentres actúan "como un goberno de coalición á sombra".
Deste xeito, o BNG "de forma aberta a todo o mundo" convocou mobilizacións nas sete cidades galegas e tamén en diferentes bisbarras o próximo martes día 30 ás 20.30 da tarde, co fin de "expresar un profundo rexeitamento a esta reforma da constitución".
Precisamente, o próximo martes será o día en que a proposta pactada por socialistas e populares chegará ao Congreso dos Deputados para comezar a súa tramitación, na que o Bloque pedirá a súa devolución emendándoa por unanimidade.
A Constitución de 1978 só se modificou nunha ocasión, con motivo do Tratado de Maastricht, en 1992, para cambiar o artigo 13 da Carta Magna, co fin de adaptar as normativas europeas ao proceso electoral municipal, e contou co apoio de todos os grupos parlamentarios.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario