Entrevista co nacionalista, de visita en Bos Aires e Montevideo para lles achegar aos galegos da diáspora o programa electoral da formación.
En absoluto. Nós defendemos que os emigrantes deben votar pero o único que debería estudarse é se deben de votar en todas as eleccions ou ao mellor en algunhas habería que ver se é procedente a sua participación ou non. Estoume a referir concretamente ás eleccións municipais nas que non parece moi loxico que haxa concellos en Galiza como Beariz ou Bande onde xa hai mais galegos que viven fóra do territorio no censo das que viven nese mesmo concello. Pero nós en ningún caso queremos limitar o dereito a voto. O único que queremos é deixar moi claro é que debe exercerse absolutamente nas mesmas condicións que se exerce en Galiza. Precisamente, para dignificar a figura dos nosos emigrantes galegos. Pero desgraciadamente, a día de hoxe, iso non ocorre e efectivamente o BNG é a única forza politica que ten presentado múltiples iniciativas políticas para que se corrixa esa situación de absoluta falta de garantías e para que os nosos galegos fóra da Galiza poidan votar en urna e identificándose igual que se fai en Galiza.
Por que, entón, os representantes dos partidos maioritarios afirman e insisten aquí en Bos Aires en que o BNG o que quere é limitar ou rematar co voto dos galegos que non viven na Galiza?
Cando se di que o BNG quere limitar o voto exterior estase faltando completamente á verdade e é unha interpretación totalmente perversa que fan os dous partidos estatais que do que se tiñan que preocupar é de dar os pasos adiante para que os nosos cidadáns galegos que non residen en Galiza puidesen votar con todas as garantias; e facilitarlle un sistema de votación en urna, complementado coa votacion telemática e coa votación por correo que eliminara esa sombra de dúbida que hai. Nós temos unha máxima -tanto para o que é o seu dereito a voto como para calquera outro dereito: os nosos cidadáns teñen que ter absolutamente os mesmos dereitos e iso é algo que o BNG sempre defendeu e que segue defendendo á marxe de interpretacións partidistas que poidan facer outras forzas políticas, sobre todo cando lanzan os seus discursos dirixidos ás persoas que viven fóra.
E por que non se vota en urna nestas eleccións?
Porque nin ao Partido Popular nin ao PSOE lles interesa. Se buscamos na hemeroteca nos discursos dos responsables das forzas políticas de hai catro anos, veremos que o posicionamento do BNG non cambiou, nós incluso impulsamos este debate no Parlamento Galego que aprobou unha proposición que foi enviada ao Congreso dos Deputados para o seu debate. Alí fixemos todo o posible para que se debatise e aprobase de xeito que puidese entrar en vigor antes das eleccións do 1 de marzo, pero ao Partido Socialista -que neste momento goberna no Estado Español- non lle interesa implantar este sistema de votación en urna porque ten unha estructura absolutamente montada (tanto en Bos Aires, como en Montevideo e en zonas de Europa onde hai unha concentración importante de emigrantes) para captar votos de forma fraudulenta. Polo tanto, se non temos un sistema de votación en urna con todas as garantias para o día 1 de marzo é, neste caso, porque ao PSOE non lle interesa. Aquí, a coincidencia e o parecido das dúas grandes forzas políticas, do PP e do PSOE, é total porque o PP é quen inventou este sistema fraudulento e agora o PSOE utilizao sen ningún respeto polos cidadáns galegos que viven en Galiza nin polos cidadans galegos que viven fóra de Galiza.
Hai algunha diferenza entre as viaxes electorais que fan en América os partidos maioritarios e esta visita súa?
Eu penso que hai unha diferenza apreciable. Eu estou visitando neste momento diversos colectivos de cidadáns galegos en Montevideo e en Bos Aires, en actos que son absolutamente lexítimos, nos que nos reunimos cos directivos dos centros galegos, onde imos facer un acto público e aberto para todos os que queiran vir, pero nos que de ningún xeito se utilizan triquiñuelas perversas para captar asistentes a eses actos. Nós non fotocopiamos o DNI, nós non fotocopiamos os pasaportes, non organizamos comidas para captar xente e, sobre todo, non imos facer ningún tipo de promesa electoralista como a que lanzou algunha forza politica prometéndolles a todos os emigrantes o envío dunha tarxeta sanitaria que non vale absolutamente para nada se non leva por atrás un compromiso de recursos económicos e de convenios cos países onde residen os nosos emigrantes. Polo tanto, eu penso que o que distingue a visita que neste caso fago eu da que fan outros líderes doutras forzas está nas formas e tamén no fondo. Nós cremos que é de xustiza visitar os nosos emigrantes non só para trasladarlles a acción de goberno do BNG dentro da Xunta de Galiza, senón para recoller as súas inquedanzas e as súas demandas para tentar -na medida do posible- darlles cumprimento.
Por que os galegos da emigración deberían de apoiar o programa do BNG?
Nestes dias que tiven ocasión de estar en contacto con moitos emigrantes, vexo que sinten un gran aprezo pola súa terra, vexo que seguen conservando o seu idioma, que teñen feito unha obra inxente na emigración -no só a nivel individual senon a nivel colectivo-. Esa é a mensaxe que defende o BNG: nós temos como único obxectivo a defensa dos intereses dos nosos cidadáns e do noso territorio. Iso implica a defensa da cultura, a defensa do idioma, a defensa dos nosos sectores produtivos, da nosa maneira de ser. E todo iso é unha mensaxe que conecta perfectamente co sentir dos cidadáns que viven en Galiza e tamen dos que viven fóra. Polo tanto, eu penso que calquera cidadán galego, neste momento, podería estar en disposición de apoiar o BNG porque ten unha mensaxe e un obxectivo que conecta perfectamente co seu sentimento. Adóitase escoitar moito nestes tempos que os galegos da emigración nin saben nin se interesan polo que pasa na terra.
Cal é a impresión que leva, agora que percorreu Montevideo e Bos Aires?
Pois a verdade é que eu levo unha impresión completamente contraria a esa afirmación. É certo que tiven ocasión de entrar en contacto cunha parte mínima da gran colectividade que vive en Montevideo e en Bos Aires. Pero tamén é representativa porque son xentes de asociacións de empresarios, distintos centros galegos, asociacións, federacións galegas e demais. E a verdade é que alí me atopei unha xente que verdadeiramente sabe o que está pasando en Galiza, sabe o que se está levando a cabo dende o Goberno galego, ten un grande interese por todo o que signifique Galiza; seguen os medios de comunicación a través das novas tecnoloxías (como é a TVG e a Radio Galega) e polo tanto lévome unha impresión totalmente contraria a esa idea de que os galegos que están fora non se enteran de nada da realidade que hai en Galiza. Vexo xente informada, xente interesada, xente que lle preocupa Galiza e todo o que teña que ver con Galiza e polo tanto eu o que quero é deixar claro o compromiso do BNG con estes cidadáns galegos que para nós teñen que ter exactamente os mesmos dereitos e tamén os mesmos deberes que teñen os cidadáns que viven en Galiza. Penso tamén que temos que facer un esforzo por trasladarlles a estes cidadáns cal é o pensamento do BNG, que defende o BNG para os emigrantes, e cal é o traballo que estamos facendo, porque estamos seguros de que na medida que coñezan ese traballo e ese compromiso coa emigración, o BNG comezará a recibir un apoio similar ao que ten en Galiza. Sen dúbida, o nacionalismo é -pola súa historia- a corrente política que mais vínculo ten coa emigración.
Cal é a situación do BNG en Uruguai e Arxentina, e cales terían que ser os próximos pasos?
Efectivamente, o pensamento galeguista, xermolo do nacionalismo que hoxe está asentado en Galiza, perviviu durante os anos da Dictadura en boa medida grazas á actividade dos nosos emigrantes e fundamentalmente dos nosos emigrantes en América, en Montevideo e en Bos Aires. Polo tanto, a ligazón do actual nacionalismo que representa o BNG co anterior galeguismo é absolutamente total e polo tanto tamén é total co noso mundo da emigración. Por iso, eu penso que o BNG ten que redoblar ese compromiso, ten que redoblar eses esforzos dirixidos á emigración e que os emigrantes perciben claramente que o BNG é unha forza amiga e unha forza que está aí defendendo os seus intereses e que polo tanto esa expresión de galeguidade e esa expresión de cariño e de orgullo de sentirse galegos que teñen moitos dos nosos emigrantes o canalicen politicamente a traves do BNG. Os compromisos e os retos a futuro do BNG cara á emigración teñen que pasar por extender a nosa organización fundamentalmente a aqueles territorios onde hai unha concentración maior de galegos e de galegas. Dende as áreas de Goberno nas que temos responsabilidade de dirixir, temos que implementar politicas dirixidas tamen aos nosos emigrantes. Quizais, a nosa proposta estrela dentro do programa electoral para a nosa colectividade fóra de Galiza é a realización dun censo socioeconómico que nos permita saber con claridade cal é a situación dos nosos emigrantes e unha vez que teñamos claro iso dirixir actuacións no que ten que ver co benestar, cos lazos empresariais, vínculos culturais, lingüísticos e demáis, dun xeito ordenado e reforzando sempre ese sentimento de galeguidade que teñen os emigrantes e que baixo ningún concepto se pode perder. E tamén facendo un traballo moi importante, non só cos emigrantes de primeira xeración, que desgraciadamente pola súa idade cada vez quedan menos, senón un traballo dirixido a captar ese sentimento de galeguidade dos fillos e dos netos deses emigrantes.