17 de agosto de 2009

Guillerme Vázquez lamenta que o PP "rozase o ridículo nos seus posicionamentos ante o financiamento autonómico"


O portavoz nacional participa na homenaxe a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir e reivindica a actualidade do seu pensamento e dun “Estatuto de Nación para termos maior benestar”

Poio, 17 Agosto 09.- O portavoz do BNG nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Poio no acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir e momentos antes do inicio realizou declaracións aos medios de comunicación. Esta tarde, o líder nacionalista intervirá tamén nun acto político en Pontevedra, na praza de Curros Enríquez.

O portavoz nacionalista reivindicou o pensamento de Bóveda como “absolutamente actual” e lembrou que defendeu “a necesidade de ter organizacións políticas nacionalistas e foi dos que impulsou o Partido Galeguista”.
A defensa do autogoberno e a autonomía política do noso País foron os eixos da acción política de Bóveda e, nesta orde de cousas, tal e como apuntou o portavoz nacional, foi un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galiza no ano 36.
Guillerme Vázquez lembrou que, coma o BNG, Bóveda era consciente da necesidade de que Galiza se sumara ás nacións do Estado español e lembrou tamén que o homenaxeado “foi quen de estudar e demostrar que, dende o punto de vista do financiamento, Galiza non só non lle debía nada ao Estado español, senón que exportaba máis do que recibía”.

Sen autonomía fiscal non é posíbel a autonomía política”, afirmou Guillerme Vázquez, “asi o afirmou Bóveda e asi sigue sendo.”
“Neste momento en que estamos aínda falando do financiamento autonómico e atopamos posicionamentos do goberno do PP que rozan o ridículo e cando as forzas políticas se siguen empeñando en manter a Galiza en segunda división, o pensamento de Bóveda é ben actual”, concluíu.

Bóveda ocultado

En resposta a perguntas dos xornalistas, Guillerme Vázquez, reivindicou o labor do BNG e outras forzas sociais para que se recoñeza oficialmente a figura de Bóveda e apuntou que “segue sendo ocultado porque era nacionalista e póñense sete chaves no seu pensamento e sete lousas na súa tumba”.
“Hai que proceder á revisión do xuizo de Bóveda porque os únicos culpábeis foron os que o codenaron e asasinaron”, continuou, “debe quedar na historia como o que foi: un demócrata, un patriota galego asasinado inxustamente”.

Estatuto de Nación
Tamén en resposta ás perguntas dos medios, Guillerme Vázquez afirmou que ésta é unha data “moi oportuna para falar de Estatuto de Nación” e dixo que “no BNG somos dos que cremos que o rango non é indiferente. A reforma do Estatuto Catalán condicionou a reforma do financiamento autonómico e podemos ver como outras autonomías si se preocuparon de que denominación tiñan”.
“Ter un Estatuto de Nación significa manter un estatus institucional, maiores competencias, mellor financiamento, e maior benestar”, afirmou Vázquez.