29 de octubre de 2010

Artigo de Manuel Suárez: "Forza Cristina!"


Dona Diáspora estivo en dous funerais no Río da Prata. Tiña todo preparado para achegarse ata Montevideo para despedir ao “Sabalero” cando recibe a nova do falecemento do ex presidente arxentino Kirchner. Así foi que lle pediu a Graciela Pereira que a acompañase ata a praza de Maio. A nosa neta ía repetindo que o golpe recibido ten que servir para fortalecer a unidade por enriba de calquera liña política. No medio das bandeiras azuis e brancas sentíase a dor de milleiros de cidadáns que despedían ao ex mandatario cun sinxelo: Graciñas, Néstor. A praza era un fervideiro de xente e sobre todo dunha irmandade que trasmitía apoio e esperanza á viúva.

Máis aló das ideoloxías os galegos queren que axiña se recupere a noutrora puxante República Arxentina. A todos nós dóenos no noso lombo calquera problema deles porque se a Arxentina vai ben, tamén así lles irá aos nosos familiares alí residentes. Se fóra de Galicia é o lugar con máis corazóns galegos haberá que concluír que logo do presidente da Xunta é mandataria arxentina a persoa que más inflúe na vida diaria dos nosos emigrantes. As estatísticas din que máis de medio millón de arxentinos teñen orixe galega. Cada unha destas persoas vota en liberdade por un ou outro partido político pero hai que ser respectuoso con quen gana xa que é o lexítimo representante da maioritaria vontade popular.

A señora presidenta está sendo moi criticada nos medios europeos que amosan un indisimulado machismo facendo coma se só se preocupase da cor dos zapatos que lle van mellor con aquel “tapado” marrón escuro. Non é así. Os que a coñecen afirman que foi ela a que tomou as decisións máis trascendentes desque se namorou de Néstor nos tempos do ensino secundario. Se miramos para as nosas lareiras galegas coincidiremos en que a muller foi a que sostivo a economía familiar do mesmo xeito que Cristina empurrou polo seu home. A señora presidenta necesita da solidariedade da comunidade galega para evitar a toda costa que haxa inestabilidade e interinidade no país. Logo, no vindeiro ano volverán as urnas han decidir quen gaña e quen perde.

Fonte

No hay comentarios.:

Publicar un comentario