Páginas

15 de enero de 2012

Causa Galiza intensificará a campaña permanente para socializar a necesidade da autodeterminación

 

Este sábado reuniuse no centro social O Pichel, en Compostela, o Plenario Nacional de Causa Galiza. O encontro trimestral da rede de soberanistas e independentistas aprobou a potenciación da campaña permanente para socializar, neste contexto de crise económica, política e social, a necesidade que ten a maioría social galega de exercer o dereito de autodeterminación, así como o reforzo das estruturas nacionais e comarcais da iniciativa para estar á altura dos retos acordados.
O fortalecemento dos órganos nacionais, a ampliación do proxecto financeiro de base que nos sustenta, a expansión da rede territorial de asembleas e a fixación do novo calendario de traballo trimestral foron os principais eixos que centraron uns debates desenvolvidos nun clima de fraternidade e camaradaxe. Conclusión fulcral do plenario foi a idea de que a socialización efectiva da necesidade do dereito de autodeterminación esixe hoxe, máis que nunca, o achegamento ás problemáticas inmediatas da sociedade galega, a intensificación do noso traballo e a profundización da actual acumulación de forzas.
Este novo Plenario Nacional abre pois unha fase de relanzamento de Causa Galiza e potenciación da presenza nas rúas da iniciativa popular. Ao longo das próximas semanas iremos desgranando as distintas propostas e liñas de traballo aprobadas no encontro, así como expandindo unha rede territorial que hoxe xa implica, directa e indirectamente, con diferentes niveis de compromiso, centos de persoas en todo o noso País.

Causa Galiza
www.causagaliza.org

No hay comentarios.:

Publicar un comentario