23 de marzo de 2010

O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO ESPAÑOL QUE NON PECHE O CONSULADO DE HANNOVER POLOS PROBLEMAS QUE LLE OCASIONARÍA Á IMPORTANTE COMUNIDADE GALEGA


Olaia Fernández Davila pídelle ao Goberno que rectifique e que explique cales son os seus plans para os consulados españois en Alemaña e Suíza

Madrid, 18 de marzo 2010 .-

A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno español que non peche o consulado español en Hannover (Alemania).


Davila lembra que o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación decidiu pechar estas oficinas consulares, segundo o aviso enviado a principios de mes ao persoal consular.

A deputada do BNG advirte de que “a nova suscitou unha grande preocupación entre os numerosos emigrantes galegos –uns 3.500- e españois que residen nesta cidade alemá, unha incerteza acrecentada pola falta de información oficial”.

A este respecto, Olaia Fernández Davila subliña que “o rexeitamento a un posíbel peche do consulado é unánime xa que, ademais do grande número de actos culturais, as oficinas permitían arranxar numerosos trámites administrativos, como pasaportes, asistencia social, seguridade, declaracións da renda...etc..”.

Ademais, advirte de que “no caso de pecharse, obrigaría á importante comunidade de emigrantes a desprazarse 160 quilómetros até o consulado español máis próximo”.

Neste sentido, a deputada do BNG pregúntalle ao Goberno se confirma que vai pechar este consulado. Se é así, demándalle ao Goberno se é consciente dos importantes prexuízos que lle ocasionaría á importante comunidade galega e española residente en Hannover.

Por iso, e dada a súa importancia, Olaia Fernández Davila demándalle ao Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación que rectifique e manteña abertas as oficinas consulares.

Por último, solicítalle ao Goberno que informe de cales son os seus plans para os consulados españois en Alemaña e Suíza.


Saúdos: Gabinete de Prensa do BNG