O presidente da Xunta apoia a lista dos directivos que avalaron a xestión privada que fracasou no hospital da diáspora, que celebra eleccións logo de 22 anos tras racharse un pacto que rotaba as agrupacións no poder.
“É a anarquía total”. Así resumen fontes do Centro Gallego de Bos Aires a situación na que quedou a meirande sociedade da emigración galega en Arxentina logo da privatización frustrada da súa xestión por parte da Xunta. Tras o abandono da empresa privada 3A Recoletas do hospital, e logo de oito meses de conflitos, o saldo é desolador: unha grande crise económica, a oposición frontal dos profesionais médicos ao novo e fracasado proxecto, axudas públicas que non chegan, duras críticas ao Goberno galego e unha división política que desembocou nunhas eleccións que levaban 22 anos sen celebrarse.
A fractura política creada no hospital da emigración en Bos Aires pola súa privatización provocou que se rachase cun acordo que permitía ás cinco asociacións do Centro rotarse no poder desde 1988. Por primeira vez en máis de vinte anos, convocáronse comicios para o vindeiro 29 de agosto. Nelas enfrotaranse as asociacións que sempre se posicionaron en contra da chegada de 3A Recoletas – elixida a dedo e cunha subvención pública da Fundación Galicia Saúde de 37,2 millóns en 12 anos– e as que aceptaron a chegada do grupo privado tras as presións da Xunta. Unión Gallega e Galicia contra A Terra, Breogán e Celta.
Malia que as eleccións se celebran na mutual, institución arxentina e privada, a Xunta tomou partido e fíxoo a favor da lista formada por aqueles dirixentes que asinaron a privatización do hospital. Non só o Executivo, senón tamén o presidente Feijóo, que aparece nun dos folletos de propaganda repartidos pola lista oficialista xunto ao seu candidato, José Luis Seoane, e cunha mensaxe clara: “Contamos en nuestro accionar con el respaldo moral y económico del Gobierno de la Xunta de Galicia”.
“Feijóo está tomando partido e interferindo no proceso electoral dunha institución autónoma”, quéixanse desde a oposición, que reúne unha agrupación progresista e outra, Galicia, achegada ao PP pero descontenta coa viraxe que están dando os populres.
A foto do devandito folleto ten historia. Segundo denuncian desde o Centro Gallego, foi o PP arxentino quen pagou esta publicidade a cambio de que o candidato Seoane saíse na fotografía xunto a Feijóo para deixar claro o seu apoio institucional. Mentres, en plena campaña, Seoane advirte de que se el non é elixido, a Xunta retirarase da Fundación Galicia Saúde, entidade pública que comparte a xestión do hospital e que achega cartos ao sanatorio.
“Ademais, Núñez Feijóo nin tan sequera recibiu o candidato da outra lista, mentres saca fotografías co rival”, denuncian en Bos Aires. Todo, co apoio de Santiago Camba, secretario xeral de Emigración, e que na diáspora sinalan como principal causante da ruptura política do Centro Gallego.
Para complicar máis a cousa, a lista da candidatura que defende Feijóo atópase agora mesmo impugnada, tras presentarse fóra de tempo e sen as sinaturas necesarias.
Ás votacións, que se celebrarán o vindeiro 29 de agosto, están convocadas 13.000 persoas que decidirán o futuro dun Centro Gallego que se atopa nunha grave situación económica. Segundo fontes consultadas, a débeda da Fundación Galicia Saúde alcanza máis dos 14 millóns de euros.
No entanto, máis difícil é para os profesionais do hospital “o desgoberno” no que se atopa o sanatorio desde a marcha de 3A Recoletas, empresa privada elixida polo Goberno para xestionar o Centro e que abandonou Arxentina tras denunciar que o Executivo non cumprira co seu compromiso de financiar o déficit da institución. “Non cremos nos que foron artífices ou partícipes dun proxecto que só trouxo consecuencias de quebranto económico e moral a expensas do noso esforzo”, expresaron nunha carta os médicos, decepcionados coa Xunta.
http://www.xornal.com/artigo/2010/08/03/politica/feijoo-fai-campana-no-centro-gallego-prol-do-grupo-asinou-privatizacion/2010080321453300314.html
No hay comentarios.:
Publicar un comentario