As históricas eleccións que celebrou a pasada fin de semana o Centro Gallego de Bos Aires –as primeiras en vinte anos– s upuxeron un duro golpe para a actual Xunta do PP, posto que o seu candidato foi claramente derrotado pola lista progresista que encabezaba Carlos Vello. A importante participación rexistrada con 2.390 sufraxios emitidos acabou co triunfo da asociación Unión Gallega e Galicia, que obtivo 1.356 apoios polos 1.032 dos seus rivais, a coalición das agrupacións Breogán, A Terra e Celta, con José Luis Seoane como candidato.
O resultado pode entenderse como unha auténtica moción de censura por parte da diáspora arxentina contra a xestión da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo e tamén contra o seu secretario de Emigración, Santiago Camba. O titular do Goberno galego apoiou de forma explícita a lista de Seoane, ata o punto de que, tal e como adiantou Xornal, a súa imaxe xunto ao candidato presidía a propaganda desta proposta. Por iso, segundo diversas fontes bonaerenses, o propio Camba apresurouse onte a solicitar unha xuntanza cos vencedores, aos que lles pediu desculpas polo favoritismo institucional cara á outra lista. A reunión terá lugar hoxe.
Unha vez coñecido o resultado, o cabeza de lista derrotado ofreceu todo o seu apoio ao vencedor, que pola súa parte agradeceu este xesto e anunciou a súa intención de “traballar para solucionar os grandes problemas da institución”. Nese sentido, o presidente saínte, Julio Martínez, afirmou que o Centro Gallego ten que “dar unha volta de 180 graos, non pode soster a situación actual”, en referencia ás importantes débedas. “Xogámonos o futuro”, engadiu.
O principal conflito no que estivo implicado o Centro Gallego dende o regreso do PP a San Caetano tivo como eixo a decisión da Xunta de privatizar a xestión do hospital do Centro, unha institución que atende a unhas 25.000 persoas, unha gran parte delas de orixe galega. Malia a posición en contra de moitos socios, do Goberno arxentino e tamén da candidatura de Vello,
Sanidade cedeu o control do sanatorio á empresa 3A Recoletas durante doce anos e con abondosas subvencións públicas. Non obstante, hai dous meses entrou en crise a nova xerencia do hospital, que agora se atopa en certa indefinición á que terá que facer fronte a nova directiva do Centro Gallego, xunto co Goberno de Feijóo. Fontes da lista vencedora nas urnas sinalaron onte a Xornal que están “abertos ao diálogo coa Xunta pero para favorecer o servizo, non para facer negocios raros”.
En principio, sempre e cando a secretaria xeral de Emigración non poña paus nas rodas, a xestión do hospital galego podería volver a mans dos emigrantes. Nunha recente entrevista concedida a este periódico, o futuro presidente do Centro, Carlos Vello, pedía explicacións á Xunta: “Algunha terán que dar porque isto produciu unha caída na institución tremenda e unha acumulación de débedas por unha xestión nada positiva. O pasivo deste último exercicio anda sobre os 20 millóns de pesos. Nalgún momento a Xunta terá que saír a decir que pasou e as razóns para que isto pasara. O hospital é moi importante para nós. Alí salváronme a vida”.
http://www.xornal.com/artigo/2010/08/30/politica/progresistas-derrotan-nas-urnas-xunta-no-centro-gallego-bos-aires/2010083022024500723.html