21 de septiembre de 2010

Beiras e Táboas buscan “novos camiños” ao nacionalismo

O Encontro Irmandiño, o próximo sábado 18, tentará reflexionar sobre o actual estado do nacionalismo e o seu futuro.

A coordinadora da Executiva do BNG, Teresa Táboas, e o ex líder da formación e actual voceiro do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, tomarán parte, o vindeiro sábado 18, do acto organizado en Santiago baixo o lema “Novos camiños para a esquerda galega” co obxectivo de reflexionar sobre o actual estado do nacionalismo e o seu futuro.

Segundo o programa de actos xa confirmado polos organizadores, a xornada estruturarase en torno a varias mesas redondas nas que, baixo títulos coma “identidade, cultura e comunicación”, “cidadanía e modelos de participación política” ou “política xeral”, entre outras, se darán cita históricos do nacionalismo, coma Camilo Nogueira ou Manuel Mera, intelectuais coma Manuel Barreiro, Fermín Bouza ou Antón Baamonde, ou profesores coma Carlos Amoedo.

Tamén o sábado 18, Máis Galiza, corrente interna do BNG liderada polo voceiro nacionalista no Parlamento, Carlos Aymerich, desenvolverá nunha área natural do Concello de Teo –próximo a Santiago– unha “xornada lúdico-política”, na que se combinarán as charlas e mesas redondas con actividades de lecer.

O programa de actos comezará, neste caso, cunha intervención do alcalde teense, Martiño Noriega para, a continuación, celebrar unha mesa de debate sobre a cultura galega con participantes coma o decano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, o xornalista Alfonso Eiré, ou filólogo e membro do Consello da Cultura Galega Henrique Monteagudo.

Despois deste acto, Táboas e Aymerich protagonizarán as intervencións políticas, para a continuación celebrar un xantar e realizar actividades en diferentes enclaves naturais do concello, tanto para os adultos coma para os nenos que acudan.

http://www.xornal.com/artigo/2010/09/12/politica/beiras-taboas-nun-acto-buscar-novos-caminos-ao-nacionalismo/2010091200073003753.html