18 de mayo de 2009

Acadar representación no Parlamento Europeo nos permitirá frear recortes sociais na diáspora

Lunes, 18 de Mayo de 2009 16:34:17

Os galegos son a súa principal inquedanza, vivan donde vivan, por iso Ana Miranda –cabeza de cartel do BNG as eleccións europeas e número dous da coalición ‘Europa dos Pobos-Os Verdes’, coa que concorren a estes comicios–, espera acadar o respaldo necesario da diáspora para poder defender en Europa medidas sociais que os beneficien, sobre todo aos residentes en América Latina. Consciente de que a coalición vai defender unha Europa democrática, social e cultural, cunha visión integradora das políticas migratorias, o seu reto basease en acadar un escano en Bruxelas.

Pregunta. É posible que o BNG acade un representante en Europa? Que poderían aportar os nacionalistas galegos aos votantes no territorio e na emigración?
Resposta. Imos loitar para ter representación, porque iso suporía a volta do BNG ao Parlamento Europeo para defender os intereses productivos nun momento de crise tan vital como este. Hai que ter en conta a importancia do Parlamento Europeo nas nosas vidas e cunha deputada galega no Parlamento Europeo, actuaríamos sen intermediarios en Bruxelas, sen necesidade de pasar por Madrid. Eu sentiríame deputada galega e tamén deputada latinoamericana, tendo en conta a nosa colectividade alí, porque son moitos os apoios recibidos da emigración durante todos estos anos e creo importante levar a Europa esa relación que temos coa nosa diáspora, resaltando os ideais europeos, porque os galegos que están en Suiza, en Andorra (países que non pertencen a Unión), en Latinoamérica e en Norteamérica tamén son europeos; ao ter a cidadanía española, tamén pertencen a Unión Europea, e se algún día retornan, van ter os mesmos dereitos que calquera europeo de Francia. Por iso, a idea quero retomala, e incluso facer unha audición con europeos galegos de todo o mundo.
P. En que consistiría esa audición?
R. Sería algo como o que fixemos cando Camilo Nogueira estivo no Parlamento, que levamos a representantes galegos de América a falar da presencia europea en América Latina. Esa presencia europea en América Latina non é só galega, tamén é italiana. Facerlle saber a Europa que os acordos comerciais que acaden con América Latina van ter incidencia nos europeos residentes neses países, que non vai ser só un acordo comercial, é algo no que temos que incidir os progresistas; temos que incidir nesas negociacións para que se teñan en conta os dereitos, as culturas, as linguas de todos os habitantes. En América Latina non só se fala o español e o brasileiro, fálase o guaraní, o galego, o italiano, porque esas culturas inmigrantes están muy arraigadas nese continente. Hai que facerlles ver que na medida que se fagan acordos comerciales con América Latina nun sentido máis progresista, haberá menos inmigración, porque aqueles países terán máis asentamento de poboación. Eu creo que se fixo unha ‘burgulla’ de chamada inmigratoria, de ‘cantos de serea’, para que a xente viñera a Europa sen ir realmente ao fondo do problema que é a creación de emprego alá nun momento de crise moi duro.
P. Que diferenzas hai entre os problemas que están a padecer as colectividades galegas en Latinoamérica con respecto as de outros países europeos?
R. Hai unha diferencia moi grande. No momento da chegada dos nosos emigrantes a América Latina, fundamentalmente, as situacións eran tan duras como as que están a sufrir os emigrantes subsaharianos ou latinoamericanos que chegan a España. Eran igual de duras; tiñan que buscar alguén que os acollera, buscar traballo. Póñome a pensar que non difiren tanto as situacións daqueles nosos emigrantes con respecto ao que está a ocorrer na actualidade. A día de hoxe, a nosa poboación emigrada está consolidada, ten unha vida e unha presencia neses países de acollida –porque a última remesa da emigración foi nos anos 70–, pero para os que emigran hoxe é diferente. Si que é certo que hai unha bolsa de pobreza moi grande entre a poboación galega no exterior, fundamentalmente no Cono Sur. Hai unha bolsa de pobreza enorme nas aforas de Bos Aires, Montevideo, Caracas, São Paulo e Salvador de Bahía, e non podemos ser alleos a ela. Galiza ten que ter uns fondos estatais por esa poboación que proporcionen unha axuda compensatoria aos emigrantes nesa parte do mundo. Non estamos a falar de descendentes nin de persoas de terceira xeración, son galegos nacidos en Galiza, e por tanto, temos que atendelos; están no final das súas vidas e hai que ter unhas medidas compensatorias para esas persoas, ou chegar a convenios bilaterais cos países de acollida para colaborar. Esa sempre foi a defensa do BNG: a equiparación dos dereitos dos residentes no exterior. Aínda que teñamos posturas discrepantes respecto do voto, sempre defendemos que os dereitos sociales hai que mantelos.
P. Con esta situación de crise parece difícil.
R. O que nos tememos e que coa crise na Unión Europea se recorten dereitos, e se se reducen os dereitos sociais iso vai afectar aos estados e vai ter consecuencia nas relacións cos seus emigrantes, porque os seus emigrantes son dependentes das axudas sociais que poda dar a comunidade autónoma ou o Estado español. Se España rebaixa a aportación en gasto social tamén vai ter unha repercusión. Entón, as políticas que faga o PP en Galiza ou en España –se algún día volta ao poder–, van ser regresivas para a diáspora, porque van ser regresivas en dereitos sociais. No BNG queremos unha Europa máis de esquerdas, máis progresista, máis social, pero tamén unha Galiza máis social e, dende logo, o camiño que leva o PP non é ese. Por iso precisamos dunha eurodiputada galega que defenda en Europa unha visión social dos dereitos. Se se rebaixan os gastos sociais, o primeiro que vai ocorrer é que se van deixar de facer políticas culturais e vaise romper esa relación coa diáspora, porque as prioridades son outras. Se se reduce o gasto social europeo –como non se está negociando ben por parte do Estado nin da comunidade autónoma–, tamén vai ter unha consecuencia na diáspora. E iso preocúpame moitísimo, porque, qué vai pasar coas prestacións sociais, coas pensións dos nosos emigrantes?, porque hai persoas que están recibindo 90 ou 100 euros e están vivindo con iso, e están viviendo moi mal. Son persoas de 80 ou 90 anos que están no final das súas vidas e que teñen que optar por comer ou por comprar mediciñas. Por iso temos que ter presencia no Parlamento Europeo, para parar iso. E, qué pode facer unha deputada galega do BNG?, pois falar directamente; falar sen entermediarios, pero o importante é que teña alí unha rede, como o grupo parlamentar –formado polos grupos ecologistas e rexionalistas e nacionalistas–, para falar directamente dos nosos pobos. Se vemos unha situación contradictoria na nosa nación vamos a defendelo directamente a Bruxelas e vamos denunciar que o estado español está rebaixando gasto social que, ademais, está afectando aos europeos que viven en Latinoamérica. E é moi interesante esta idea porque nunca se traballou. Touriño, cando era presidente, falou de crear delegacións da Unión Europea nos centros galegos, pero non é só iso o que interesa, porque iso pode permitir a Unión Europea beneficiarse de instalacións que temos os galegos en todo o mundo. Pero eu digo, os centros galegos de axuda mútua déronlle prestacións a toda a colectivididade española. Cántos vascos ou aragoneses non naceron no centro galego de Bos Aires. En cambio, Galiza non tivo nunca unha compensación por esa contribución que fixeron os galegos; non tivo unha maior compensación en fondos, nin unha aportación aos concellos por esa política tan gravosa.
P. Nese sentido, que se pode facer?
R. Nós pedimos que a competencia en emigración sexa unha competencia galega, porque dese xeito poderiamos dar un bo uso a relación que temos cos emigrantes, pero polo de agora non recibimos unha compensación de financiamento. Nós, polo peso que ten a poboación galega no exterior, quereriamos ter un financiamento axeitado para poder revertir en políticas sociais para alá. A intención é que a política social sexa unha prioridade, porque estamos moi preocupados que a baixada en gasto social vaia ter repercusión na diáspora. Porque xa se veu como se rebaixaron as pensións co goberno de Zapatero na emigración e como se suben cando hai eleccións, porque o xaneiro pasado se subiron de súpeto. Agora que vai pasar?, banse baixar? Tamén pode haber recorte en gasto sanitario e farmacéutico. Nós queremos ter ese financiamento autonómico, e o imos tratar con Manuel Chaves. Falarémoslle do peso da diáspora galega en Galiza, que ten que ter unha consideración diferente, porque o 30% da diáspora española é galega. E hai que ter en conta o que iso representa para Galiza a nivel identitario e cultural.
P. A concesión da tarxeta sanitaria a todos los galegos na diáspora, como prometeu Núñez Feijóo, parecelle un recorte en prestacións sociais?
R. A primeira vez que nós pedimos a tarxeta sanitaria no Parlamento galego foi no ano 1994 e estabamos na oposición, e cando se puido levar a cabo esa competencia porque estabamos no poder, non era o BNG, senon do PSdeG o que tiña as competencias. Nós o que pedimos non é só a tarxeta sanitaria, senón que non se cobre pola tarxeta sanitaria, porque aos retornados de Suiza creo que se lles cobra 90 euros por ela; iso é unha aberración, iso non é un verdadeiro dereito; temos presentados non sei cantas denuncias e preguntas sobre ese asunto no Parlamento galego. Para nós, máis que unha relación electoralista, como pretende ser a de Núñez Feijóo, ha de ter unha concepción social, unha concepción de igual a igual. Para min, a de Núñez Feijóo foi unha medida electoralista, pero estamos abertos e deixar a marxe dos cen días para ver que vai facer polo ben da diáspora.
P. El comprometeuse a non volver a Bos Aires e Montevideo sen ter solucionado antes o problema da tarxeta sanitaria.
R. Dende logo que non vai ter obstáculos pola nosa parte.
P. Pero nun momento de crise como o actual, parecelle viable este compromiso?
R. Por iso digo que é unha medida electoralista. O que hai é que ter un plan integrador de asistencia social que vincule todas as prestacións, que se delimite aos necesitados con un censo socioeconómico da emigración galega, que non o fixo nin o PP nin o PSdeG, e esta é unha reivindicación clásica do BNG. Ésta foi unha petición do BNG de Montevideo, a fixo o doutor Manuel Saa e a el débolle esta idea. El, con 72 anos, segue traballando polos dereitos dos galegos. Ese censo permitiría coñecer a quen se lles debe dar as prestacións. A día de hoxe hai xente sen prestacións porque non teñen nin información. Por iso, a política en emigración ten que ser, primeiro, informativa dos dereitos, porque hai persoas que non teñen nin diñeiro para coller o bus para ir a Consellería Laboral a pedir unha solicitude. Hai persoas que están vivindo con 90 euros. Hai que delimitar ese censo para saber quen son as persoas nacidas en Galiza que están fóra e que están en situación precaria. Tamén hai que facer un plan sanitario realista a través de mutuas, dos convenios cos gobernos, nun plan integrador.
P. Son moitas as persoas necesitadas que están fóra deses circuitos nos que se manexa a información?
R. Só o 20 por cento están nestes circuitos, o 80% están fóra.
P. As demais colonias europeas asentadas en Latinoamérica teñen os mesmos poblemas?
R. Na zona do Río da Plata, a crise afectou a todo o mundo por igual, tamén os italianos sufriron as consecuencias, pero no caso do Estado italiano hai prestacións máis centradas.
R. En que aspectos se ven eles máis favorecidos?
P. Por ejemplo, eles teñen un censo socioeconómico. As prestacións veñen sendo semellantes as que concede España, pero no seu caso son máis intensas.
P. No suposto de acadar o escano, que lle gustaría facer en favor da emigración galega?
R. A emigración galega o que quere é que Galiza vaia ben, que os sectores productivos estean defendidos, porque eles seguen toda a actualidad desde a diáspora; seguen as noticias do que pasa en Galicia. Pero eu vou traballar pola defensa das políticas sociales europeas e a política social adquirida que teña o Estado español para que revirta neles; e logo terei en conta as reivindicacións deles como galego-europeos. O meu obxectivo será trasladar a Bruxelas a idea da nosa cultura, de que é unha cultura universal que está espallada polo mundo.
P. E que ideas teñen para os retornados?
R. Para os retornados, como hai moitas complexidades jurídicas, traballarei para que teñamos un sistema unificado, de xeito que ese retorno se dea por igual se viva onde se viva. Que exista un mecanismo sinxelo para que o retorno sexa máis áxil; que se homologue o procedemento de retorno. Tamén habería que facer un plan de retorno integrador, que teña exencións fiscais para a creación de pequenas e medianas empresas, a tarxeta sanitaria gratuita, etc. Quero chamar a atención sobre a nova oleada de emigrantes que se está a desencadear e que se está a acelerar no último ano. Trátase da emigración de xóvenes cara ao Reino Unido e, de novo, a Suiza, a onde acoden fillos de retornados. A crise tamén está a afectar aos nosos emigrantes en Canarias, que están traballando no sector servizos e na construcción, que ocupan a maioría de traballadores emigrantes. Tamén se está a detectar unha fuga de cerebros, como enxeñeiros, etc., e máis de 3.000 persoas abandonaron Galiza nos últimos tempos cara a Unión Europea e Estados Unidos, Noruega, Finlandia, Suiza, Reino Unido, etc., porque aí hai ofertas laborais. P. Ser elixida número un para representar ao nacionalismo galego en Europa, é unha grande responsabilidade? R. Non só me sinto candidata do BNG, me sinto candidata da diáspora, e como candidata da diáspora, síntome orgullosa de que unha organización como é o BNG me escollera cun apoio do 92,5%. Ese é o apoio a unha persoa do exterior, porque eu vivo no exterior, teño a miña filla en Bruxelas... despois din que o BNG non aposta pola emigración, pero si está a apostar como número un por unha persoa na diáspora e con relación constante cos centros galegos. Ningún outro partido lle deu un posto tan alto a ninguén da emigración. É un paso importante. Eu levarei na albarda o compromiso coa diáspora galega. Quero que esa aposta pola diáspora se vexa en accións.