25 de mayo de 2009

O sondeo do CIS sobre as europeas deixa a Europa dos Pobos rozando os dous deputados

A coalición na que se integra o BNG obtería un 3,6% dos votos e un deputado, aínda que roza o segundo, que correspondería nun principio a Ana Miranda. Logo, os escanos serían rotatorios.


O sondeo elaborado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre as eleccións europeas do 7 de xuño dálle un escano á coalición Europa dos Pobos-Verdes, na que se integra o BNG xunto a ERC, Aralar, EA e Chunta Aragonesista.
A enquisa sinala que a fronte obtería un 3,6% dos votos, co que se quedaría a unha soa décima de conquerir o segundo deputado, que correspondería nun principio a Ana Miranda (BNG). Logo, os escanos serían rotatorios, en virtude dos acordos acadados entre as formacións da coalición.
O sondeo tamén amosa un resultado de empate técnico entre PP e PSOE, que obterían 23 escanos cada un. Ademais, revela cuestións como a falta de información dos cidadáns sobre os asuntos relacionados coa UE, xa que un 50,1% dos enquisados sostén que está pouco informado e un 18,1% que está nada informado.
Sobre a importancia de Europa, un 54,3% de cidadáns cre que a entrada na a UE beneficiou a España, aínda que o espírito europeo non calla e só un 7,3% de enquisados defínese como cidadán europeo. Ademais, o 76,3% dos cidadáns recoñece que segue con pouco ou ningún interese as noticias relacionadas coas eleccións do 7-X. http://www.gznacion.com/web/noticia.php?id_noticia=14514&id_cat=5