26 de mayo de 2011

Nova ruta ou escisión

Destacados militantes e cargos da comarca da Coruña lanzan un manifesto e advirten de que ou hai unha "refundación inmediata" do BNG ou será hora de "artellar un instrumento" á marxe

Como asegurou o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o luns pasado, "salvo terremoto nuclear", a formación frontista celebrará, este ano, a súa pendente Asemblea Nacional Ordinaria. Un conclave ó que, no entanto, podería chegar un Bloque algo diferente ó que hoxe coñecemos. Os resultados das eleccións municipais do domingo pasado, que implican que os nacionalistas obtiveron en toda Galicia 55.000 votos menos, perderon 71 edís con respecto ós comicios do 2007 e no 25% de concellos non terán representación ningunha na corporación, fixo estalar o que levaba tempo en "estado latente". Despois dos problemas carrexados o ano pasado durante a confección das listas electorais do BNG, onde a UPG logrou impoñerse de xeito maioritario, nalgúns casos incluso poñendo couto a persoas cuxa traxectoria probaba que a aplicación do seu modelo a nivel municipal funcionaba e era apreciado, agora algúns militantes independentes, irmandiños e tamén de +Galiza piden contas e lanzan unha advertencia: Ou o BNG se refunda xa, ou será hora de abandonar o barco.
Isto é, precisamente, o que reivindican destacados militantes e incluso cargos orgánicos e institucionais do BNG da comarca da Coruña. Trátase da xente próxima a Henrique Tello, entre a que tamén está, por exemplo, o presidente do Consello Local, Afonso Sánchez Regueiro, ou o aínda edil en funcións en María Pita e membro do Encontro Irmandiño Mario López Rico, Paco Gallego, Xavier Iglesias, de Cambre, e un longo etcétera. A través dun "contramedio" bautizado co nome de "mardoorzán", publicaron o manifesto Fagamos algo novo. Nel aseguran que "o forte e simultáneo retroceso electoral demostra a incapacidade do BNG para liderar as esquerdas e frear o avance dun PP controlado pola extrema dereita". "O 22-M veu confirmar que a perda do goberno da Xunta non foi diagnosticada nin tratada como cumpría polo nacionalismo, a pesar dos avisos e voces que reclamamos unha reflexión fonda e obrar en consecuencia". Lembrar que "desde 1995 o BNG da Coruña aumentou a súa presenza social e institucional, até o punto de propiciar a derrota electoral do vazquismo (...) mais en vez de apostar pola continuidade do equipo de persoas que puxeron ao nacionalismo no mapa e que lograron o seu teito electoral, quen mandan hoxe no BNG quixeron derramar ese capital político a prol dunha política de control xerárquico da organización cuxo resultado está á vista". Poñendo como exemplo A Coruña, aseguran sen embargo, que a cidade "non é un caso illado". Críticos con que a Dirección Nacional do BNG avalíe os resultados do domingo como, en palabras de Guillerme Vázquez, "modestamente satisfactorios", "aceptables" e "dignos", aseguran que "se o BNG non analiza correctamente as causas da súa crise, se non corrixe a súa deriva e traza unha nova ruta, se non é quen de abrirse á sociedade propoñendo un programa político actualizado e unhas canles de participación horizontal e en rede, se non acomete unha refundación inmediata, será chegado o tempo de encetar un novo camiño, de artellar un instrumento novo acaído ao servizo da xente e do país".

Polo momento, o manifesto é apoiado a título individual, nin- gunha das correntes que integran o BNG se suman a el a nivel colectivo, se ben hai membros de todas as familias alleas á UPG. Fontes consultadas aseguran que isto só é o comezo e que nos próximos días poderían aparecer movementos similares noutras comarcas da comunidade.

+G prepara estratexia entre diverxencias internas

Á marxe, os diferentes Consellos Locais do BNG, así como o EI e Máis Galiza como organizacións que integran o Bloque, celebran esta semana reunións de avaliación dos resultados electorais do 22-M para fixar posicións ó respecto do debate que se dará no Consello Nacional deste sábado en Teo. As diferenzas danse tamén no propio seo de cada familia. Na agrupación liderada por Carlos Aymerich e Teresa Táboas cren que é o momento de "reflexionar" para lograr que o BNG sexa "útil" e teña "vocación maioritaria e de goberno", pero admiten diverxencias internas respecto á postura a adoptar, que decidirán hoxe. No conclave nacional desta fin de semana irá a debate, ademais, a proposta do EI para que a Asemblea Nacional sexa "aberta e sen ningún tipo de trabas" a toda a xente do BNG e que se leve a cabo "unha especie de reformulación" do Bloque xa que "cada vez está máis distante da sociedade". Para iso, segundo fontes consultadas do EI, sería necesario abrir un proceso de "reafiliación", algo que, consideran, non será posible se determinados dirixentes non abandonan a cabeza da fronte e advirten que malia os intentos de "diálogo" e de "pactos" que aseguran que está a realizar estes días o portavoz nacional, por parte do EI "non hai nada que dialogar".

Desde a UPG, pola contra, albiscan un "clima tranquilo. Hai suficientes condicións obxectivas para que os debates poidan cristalizar nunha asamblea nacional de unidade", aseguraban onte, para dicir que as discrepancias entre "os tres grupos básicos" da organización "se poden acercar e sintetizar nun único proxecto. Xosé Manuel Beiras e Paco Rodríguez teñen un alto sentido da responsabilidade e primarán o futuro do Bloque por enriba de todo", rematan.

Pérez Lema: "Non se lle pode botar a culpa ó momento"

O avogado Xosé Antón Pérez Lema foi secretario de Pablo González Mariñas no tripartito dos oitenta e de Anxo Quintana no bipartito na Xunta. Membro fundador do IGEA e de Máis Galiza.

A baixada na Coruña víase vir...

Hai un ano dei a coñecer o meu posicionamento sobre a necesidade dunha candidatura de unidade das familias a nivel orgánico, pero sobre todo como proxección social.

A marcha de Henrique Tello deu paso á renovación da lista...

Penso que o proceso foi desenfocado porque se traballou en clave orgánica e as organizacións políticas non poden falar en marciano e teñen que estar encardinadas na sociedade. Todo eso creou unha de-safección na Coruña e nos provocou una irrelevancia social.

¿Pide responsabilidades?

Os resultados foron moi malos, chegar a perder o 40% de votos, ¿que hai que facer?, home, Santi Domínguez, por unha perda moi semellante, puxo o cargo a disposición, o que comparo á tradición que inaugurou Quintana no 2009. Non se lle pode botar a culpa o momento político porque todos son sempre complexos.

Volven tempos duros ó BNG...

En outono hai unha asamblea ordinaria, é esta debe ser a da refundación do BNG, teñen que mudar os alicerces organizativos para adaptarse o s.XXI. Debe ser unha organización máis horizontal, simplificada e participativa, menos burocratizada e que os alicerces se achegen os cambios da sociedade e da realidade da Galicia urbana.

¿Xiro de formas ou ideolóxico?

A política debe ser máis institucional, non se pode basear en ir de pancarteiro e no seguidismo dun sindicato. Non temos que convertir a ninguén, temos que convencer co noso traballo político e institucional, dando solucións os problemas da xente nos parámetros do nacionalismo, a cohesión social e inclusividade; non podemos explicar Galiza en termos de loita de clases. Velaí o éxito dos escoceses que pasaron do dogmatismo ó practicismo.
fonte

1 comentario:

  1. Sen querer entrar a avaliar nada do que aquí se pon ou deixa de poñer (para iso eu prefiro as canles internas da organización), simplemente deixo un pequeno dato que algunha xente se cadra descoñece: fálase de reputados dirixentes do BNG na comarca da Coruña. Algún dos que se nomea, no entanto, xa nin sequera agardou por refundación ningunha, pois deuse de baixa e xa non é militante da Frente Patriótica. É o caso de Xabier Iglesias Oviedo, ex portavoz en Cambre. O que el opine, considere, secunde ou asine -con todo o dereito -farao en todo o caso desde a súa condición de cidadán, mais non como militante do BNG, porque xa non o é. Saúde, Terra e Mar!

    ResponderBorrar