16 de julio de 2009

Guillerme Vázquez chama a converter o Día da Patria "nun acto masivo de resposta ás políticas antigalegas do PP"



Lugo, 13 Xullo 2009. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, fixo un chamamento á participación o vindeiro 25 de xullo e animou a converter o Día da Patria “nunha resposta masiva ás políticas antisociais e contrarias ao galego do PP”.
O portavoz nacional do BNG fixo estas afirmacións nun acto público sobre o Día da Patria que se celebrou no Palco da Música en Lugo, e no que tamén falaron Antón Bao e Lucía López.
Vázquez fixo alusión ao lema do BNG para o 25 de xullo: “Movámonos polo noso idioma, polo emprego!” para pór de manifesto que “os mesmos que atacan a lingua galega son os que non presentan ningunha proposta concreta para facer fronte á crise económica, e sobre todo, para evitar que as consecuencias da crise a paguen os sectores sociais máis desfavorecidos”.

A defensa da lingua é a defensa dos interese de Galiza

Dirixiu as súas críticas ao PP porque “cando ataca a lingua galega, vai en contra da mesma ideia de Galiza como pobo diferenciado e con dereitos”, e ligou estreitamente o idioma coa defensa do pais e dos seus intereses entre os que se atopa a economía, por iso, recalcou, “este ano a lingua e o emprego están xuntos no noso lema”.

Lembrou asemade os 25 anos da traída dos restos de Castelao a Galiza para mencionar unha frase de Castelao que resume o pensamento do BNG na cuestión lingüística e identitaria: “Se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma”, dixo Guillerme Vázquez quen resaltou o paradoxo de que “os mesmos que conceden as medallas que levan o seu nome son os que están a facer o indecíbel para rematar coa lingua galega”.

O PP é o culpábel pois vetou o Estatuto

Animou a contrarrestar as políticas do PP participando na manifestación do 25 de xullo para que “non logren o seu obxectivo” e rememorou a ”histórica manifestación do 17 de maio pasado”. “O 25 de xullo é para que o pasemos ben pero tamén é un día de reivindicación nacional, é unha xornada para demandar máis poder político para Galiza, para reivindicar outro estatus político”, sinalou.

Neste sentido, aludiu á negociación sobre o novo modelo de financiamento autonómico onde “estamos a ver que a nosa nación non ten o suficiente peso político no Estado para facer valer os seus intereses”. Desta falla de influencia responsabilizou ao feito de “non contarmos aínda cun novo Estatuto do que carecemos porque foi vetado polo Señor Feijóo e o PP”.
Para o portavoz nacional do BNG o “PP é o responsábel de que Galiza vaia á negociación do financiamento autonómico en inferioridade de condicións por non ter un Estatuto que marque por lei os mínimos de financiamento para o noso país”.
Guillerme Vázquez salientou a importanza de que Galiza “teña unha forza política propia do pais como é o BNG, que só se move en función dos intereses do pais, que defende a lingua galega e a economía produtiva, así como un novo Estatuto que nos sitúe na primeira liña das decisións”.