O BNG comezará o seu traballo na Eurocámara cunha iniciativa de mellora para a regulación do sector lácteo e participará en 9 comisións parlamentarias, entre elas agricultura e pesca.
O BNG volve ter presenza no Parlamento Europeo esta lexislatura tras cinco anos de ausencia, e o seu traballo na Eurocámara comezará de xeito oficial cunha iniciativa a favor do sector lácteo. Así o comunicou hoxe a representante nacionalista en Bruxelas e futura eurodeputada, Ana Miranda, que explicou que a semana que vén a coalición Europa dos Pobos-Verdes, na que se integra o BNG, presentará ante a comisión de agricultura unha iniciativa reclamando á Comisión Europea - o órgano executivo da UE - que poña en marcha unha estratexia a nivel comunitario que aborde a fixación de prezos de referencia para o leite e recomendando a redistribución de cotas.
Miranda defendeu que "calquera negociación sobre o tema do leite ten que ser a nivel europeo" porque de nada servirán negociacións para fixar os prezos no Estado español se non ocorre o mesmo noutros países e se estabiliza un prezo de referencia en orixe, parándose as "importacións desordenadas que están afundindo o mercado". Ademais afirmou que o BNG se oporá á eliminación de cotas lácteas suscitada para 2015. "Teñen que manterse porque se fixo un esforzo moi grande e de eliminalas entrariamos nunha situación de dumping económico moito peor que a de agora" argumentou a nacionalista, que reclamou de novo a "redistribución" desas cotas, reducíndoas aos países excedentarios e a aumentándoas aos deficitarios como España.
Nove comisións
Ana Miranda amosouse ilusionada trala constitución da nova Eurocámara, na que a coalición Europa dos Pobos/Verdes ocupará o escano 250 dos 736 existentes. O primeiro en ocupar o escano, segundo os acordos alcanzados polos partidos que integran o grupo, será o representante de ERC, que a finais de 2011 dará a substitución á nacionalista, que será eurodeputada durante 16 meses, antes de dar paso a Aralar e Os Verdes.
A coalición participará en nove comisións parlamentarias en moitas das cales se dirimen asuntos que afectan moi directamente a Galiza, como a de Agricultura e Pesca ou a de Política Rexional. Tamén estará presente na comisión de Transportes, a de Industria, Tecnoloxía e Investigación, a de Cultura - onde Miranda quere levar a "difícil situación do galego" -, a de Asuntos Económicos, a de temas de Muller, a de Medio Ambiente e na comisión de Peticións, que recolle reclamacións cidadás e onde a próxima semana farán chegar unha primeira reclamación sobre a posible vulneración dun espazo Rede Natura coa implantación dunha planta acuícola en Cabo Touriñán.