28 de septiembre de 2009

Ana Pontón considera "de extrema gravidade que o Partido Popular continúe a lexitimar o franquismo"



Santiago de Compostela, 25 setembro 09.-


A portavoz do BNG na Comisión de Cultura do Parlamento Galego, Ana Pontón, considera “de extrema gravidade que o Partido Popular siga lexitimando o réxime franquista e poñendo no mesmo plano as vítimas e aos verdugos”.


Ana Pontón valoraba deste xeito o rexeitamento do Partido Popular a unha moción que se debateu este mediodía na Comisión de Cultura do Parlamento Galego pola que se instaba á Xunta de Galiza a que continuase coas medidas de recuperación da Memoria Histórica iniciadas polo Goberno Bipartito, unhas actuacións de xustiza e dignificación das vítimas da represión fascista en Galiza que “o Goberno do Partido Popular está a parar e a silenciar”.


A deputada do BNG lemantou o rexeitamento desta iniciativa “que demostra que o PP nunca creu na recuperación da memoria histórica, e que seguen lexitimando o réxime franquista, negando que houbese un golpe de Estado contra un réxime democrático como era a Segunda República e situando no mesmo plano a vítimas e verdugos”.


Neste sentido, Ana Pontón subliñou que “en Galiza os dados son elocuentes e estarrecedores: unhas 6.000 persoas asasinadas entre 1936 e 1939 polo único delicto de defenderen as súas ideas, e todas foron asasinadas polos golpistas de Franco”.



“É intolerábel que o portavoz local do PP da Coruña que asegurou que `Millán Astray foi un coruñés de pro´ non rectifice”



Ademais, Ana Pontón cualificou de “intolerábeis” as declaracións do portavoz local do PP da Coruña quen asegurou que “Millán Astray foi un coruñés de pro”.


“Que un dirixente do Partido Popular diga esto dun persoaxe que foi responsábel de miles de asasinatos e que vociferaba Muera la Inteligencia! Viva la Muerte! Pon en dúbida as súas conviccións democráticas, e o que é aínda máis grave é que o Partido Popular non o obrigue a rectificar”, conclúe a deputada do BNG.