O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avisa de que pactar un novo Estatuto sen os nacionalistas "prexudicaría claramente" a Galiza e, aínda que constata a posibilidade de que PPdeG e PSdeG poidan deixar á marxe á súa formación, considera que un texto pechado entre estes partidos quedaría nunha "reformiña de catro aspectos", cuxas "consecuencias pagarían os galegos os próximos anos".
"O problema non é que o Bloque quede marxinado, o que sufriría as consecuencias sería o pobo galego no futuro, que quedaría consolidado en segunda división", asegurou nunha entrevista concedida a Europa Press Guillerme Vázquez, quen advertiu de que ante esa posibilidade, os nacionalistas "non van calar".
O líder da formación frontista insistiu en que a cuestión estatutaria non é un asunto "para que os políticos se divirtan" e subliñou que un marco legal que ampare as competencias ten como consecuencia "mellores prestacións sociais" para a cidadanía.
Acerca da apelación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para acordar os orzamentos, Guillerme interpretou que carece de "vontade real" e reduciu este chamamento a unha "saída de declaracións que quedan bárbaras".
"Se en semellante cousa fose posíbel que a orientación do PP fose semellante á do BNG, pois...(tampouco teriamos problemas de votar conxuntamente)", recoñeceu, tras evidenciar que as políticas do PPdeG "non son as adecuadas" a xuízo dos nacionalistas e constatar que as contas o que expresan é a "política dun Goberno".
En conxunto, Vázquez observou a "falta de iniciativa" do Executivo, non só na cuestión estatutaria, senón noutros aspectos como a reforma das caixas ou a negociación do financiamento autonómico, algo que atribúe ao "inmobilismo e revisionismo" do novo Goberno nos seus primeiros catro meses.
"Patética política de apisoadora"
Como exemplo do "revisionismo", o líder dos nacionalistas galegos referiuse ao cambio de nome das galescolas'pola denominación de escolas infantís da rede 'A galiña azul'. "É un exemplo da patética política de pasar como apisoadora sobre calquera rastro do goberno anterior", describiu tras defender que a nomenclatura anterior era "un termo estupendo" que -agregou- "politizou o PP".
Neste sentido, recomendoulle ao Goberno dirixido por Núñez Feijóo, do que dixo "non estar á altura das circunstancias", que substitúa a "inacción e revisionismo" pola adopción de medidas e, no caso concreto das escolas infantís, avisou de que "o importante é seguir facendo escolas e non paralizalas". "Co que non se resolve o problema (de prazas) é con galiñas, que serven para moitas cousas pero non para isto", resolveu.
Ao fío das políticas sociais, Guillerme Vázquez censurou por "inxustificado, nin sequera por un presunto aforro", o novo sistema de subvención de libros de texto co que "pais e profesores permanecen confundidos" ao comezo do curso e a supresión do modelo de préstamo. "O sistema anterior era máis xusto porque se enmarca nun modo de ver o ensino de forma gratuíta", recalcou.
"Defensiva non ofensiva"
Paralelamente, convidou o Executivo de Feijóo a "reflexionar" sobre a cuestión de lingua fronte ao "ataque desapiadado nunca visto" do seu Goberno. Así, achacou este comportamento do Executivo á súa intención de darlles resposta aos "sectores máis extremistas" e concluíu que a "presunta igualdade" que propugnan "é falsa".
Tras asegurar que o BNG defende a lingua non por cuestións electorais, sen ou porque "é nacionalista, galego, porque lle quere ao país e porque cre que a un país quéreselle actuando", Vázquez puxo de manifesto que a formación frontista non quedará "calada" aínda que se lle culpe de "despropósitos".
"Cando defendemos a lingua, acúsasenos de impor a non se sabe quen, de querer monolingüismo e dísenos todo tipo de barbaridades", explicou, e sentenciou: "nós só temos unha posición defensiva e nada ofensiva, quen están á ofensiva son os que queren defender sen concesións o castelán como idioma único".
Axenda política
Coa vista posta xa nas municipais, e traballando desde "xa pero sen prazos concretos", os nacionalistas iniciaron o curso político co propósito firme de "articularse como alternativa real ao PP", en palabras do seu portavoz nacional, quen afirmou non ter "ningún temor" de que o presidente do PP en Ourense, Xosé Luís Baltar, tente atraer ás súas filas edís do ámbito nacionalista.
"Non teño ningún temor e non teño coñecemento disto", afirmou en relación a que edís como o de Rairiz de Veiga (que accedeu ao cargo de man do BNG) poidan concorrer nas filas 'populares' nos próximas locais, e engadiu que o que ten que facer o BNG é "buscar un bo perfil".
O portavoz nacionalista avanzou que o Bloque orgnizará o vindeiro sábado día 12 o seu primeiro Consello Nacional do curso político, no que rexeitou que estivese en axenda abrir o debate sobre a próxima asemblea da formación frontista. "Iso non se está discutindo, non está na axenda, outra cousa son os 'dimes e diretes'", liquidou.
Vázquez resolveu que será a militancia do BNG a que determine se a asemblea ordinaria debe ser antes ou despois das municipais. Mostrouse así despois de concatenar as respostas "farase no seu momento, o seu momento será cando toque e tocará cando a militancia decida que toque".
O portavoz nacional recoñeceu que a "interlocución é permanente" con todos os afiliados e no caso concreto de Xosé Manuel Beiras". "O BNG ten unha nova dirección, unha nova liña política e pódolle dicir que a interlocución cos afiliados, e con algún en concreto (por Beiras) é sempre", indicou e resolveu: "todos somos necesarios e ninguén imprescindible".
Preguntado por se considera que o ex-portavoz nacional Anxo Quintana regresará á primeira liña política, Vázquez asegurou que "iso non está entre as preocupacións do BNG". "Nós habemos un esforzo de proceso asembleario e agora temos que facer política para transformármonos en alternativa real ao Partido Popular", resolveu.