8 de septiembre de 2009

Falece Antonio Pérez Prado, faro de galegos en Bos Aires




Médico de profesión, foi un dos maiores coñecedores da emigración porteña e o guía dos que querían adentrarse na súa realidade.

Antonio Pérez Prado con Isaac Díaz Pardo. ANT

Antonio Pérez Prado naceu en Bos Aires, antes dos tempos da República, pero sempre se considerou galego, ao igual que os seus pais. Foi un prestixioso hematólogo, colaborador do hospital do Centro Galego e o cicerone de todos os galegos que querían coñecer o verdadeiro rostro da emigración arxentina. Gañou o Pedrón de Ouro e loitou contra a percepción negativa da palabra “gallego” en Suramérica. Faleceu o pasado día 6 de setembro na capital federal, e onte foi enterrado no cemiterio de Chacarita, onde tamén xacen Carlos Gardel e Juan Domingo Perón, e onde estiveron os restos de Castelao antes de regresar a Galicia.

A súa proximidade co escritor de Rianxo non é só funeraria, pois coñeceuno en vida e foi guionista do documental Castelao (Biografía de un ilustre gallego), realizado polo cineasta Jorge Prelorán en 1980. A cinta, fiel reflexo do pensamento nacionalista e anti monárquico do autor de Cousas, tivo problemas coa ditadura arxentina, e tampouco foi moi ben recibida nunha España que viña de volver situar un Borbón no trono do Estado.

Xan Carballa, subdirector d’A Nosa Terra, lembra que Domingo García Sabell tiña medo de que aquela película “puidese metelo nunha lea por criticar a monarquía”. O filme chegou a ser emitido pola TVG nos anos 90, nunha versión censurada, e non foi ata hai poucos anos que se puido ver na súa integridade.

Carballa coñeceu a Pérez Prado cando fixo unha visita a Bos Aires tras a pista de Tacholas, un actor porteño de orixe galega, e como fixera para tantos outros, o médico foi o seu guía pola quinta provincia.

“Era con quen había que falar se querías chegar a coñecer a emigración sen pasar polo filtro do Centro Galego”, di o xornalista, que tamén entrevistou a Pérez Prado na que foi a súa última visita a Galicia, en 2003. Contaba como foi “cristianizado” polos seus pais con diversas viaxes a Galicia durante a nenez, un costume que mantivo durante toda a súa vida, ata que llo impediu a vellez. Foi tamén amigo íntimo de Isaac Díaz Pardo, a quen coñeceu en Arxentina e con quen sempre se reunía nas súas visitas a Europa.

‘LOS GALLEGOS Y BUENOS AIRES’

Pérez Prado fíxose tamén coñecido como escritor cando publicou Los gallegos y Buenos Aires, un retrato honesto e en primeira persoa da comunidade emigrante en Arxentina, que axudou a comprender a situación en ultramar durante a ditadura franquista. Foi un dos textos que os Patiño pasaban baixo man en Librouro, en Vigo, ao igual que o Sempre en Galiza de Castelao.

A súa carreira de profesional da medicina desenvolveuna no Hospital Municipal de Bos Aires, pero todas as tardes prestaba a súa experiencia no Hospital do Centro Galego. Tamén foi á súa vez emigrante, pasou a xuventude nos Estados Unidos, traballando como soldador e residindo na Pacific Street de Nova York, nunha comunidade de peruanos e portorriqueños. “Pasei varios meses na fronteira da vida delitiva, marxinal, pero sería moi longo de contar”, dicía na entrevista que publicou A Nosa Terra no 2003. Para seguir adiante, apuntouse á instrucción militar para a Guerra de Corea, “catorce semanas de boa comida”, antes de declararse obxector.