O portavoz nacional advirte de que un texto pechado entre PP e PSOE “prexudicaría claramente” a Galicia
Máis dado a prodigarse nos medios de comunicación –ultimamente case sae a entrevista radiofónica ao día– e a zarrapicar a axenda de actos, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte en RNE que a Xunta presentará a “proposta de reforma do Estatuto as poucas semanas de coñecerse a sentenza do Tribunal Constitucional” sobre o texto catalán, “como faría calquera político sensato”, segundo a súa opinión, ao ser “clave para o diseño do mapa autonómico do Estado”. “Nós non temos ningún inconveniente, ao contrario, de facer a reforma, incluso temos a obriga de presentar o texto dende o Goberno e esperar a que non se pare por cuestións políticas ou da oposición que esta gobernando xunta nos municipios”, afirmou Núñez Feijóo.
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avisa de que pactar un novo Estatuto sen os nacionalistas “prexudicaría claramente” a Galicia e, aínda que constata a posibilidade de que PPdeG e PSdeG poidan deixar á marxe á súa formación, considera que un texto pechado entre estes partidos quedaría “nunha reformita de catro aspectos, cuxas consecuencias pagarían os galegos os próximos anos”. “O problema non é que o Bloque quede marxinado, o que sufriría as consecuencias sería o pobo galego no futuro, que quedaría consolidado en segunda división” e, ante esa posibilidade, os nacionalistas “non van calar”.
O nacionalista insistiu en que a cuestión estatutaria non é un asunto para que os políticos se “divirtan” e subliñou que un marco legal que ampare as competencias ten como consecuencia “mellores prestacións sociais” para a cidadanía. Acerca da apelación de Feijóo para consensuar os presupostos, Vázquez interpretou que non ten “vontade real” e reduciu este chamamento a unha “saída de declaracións que quedan bárbaras”. En conxunto, Vázquez observa a “falta de iniciativa” do Executivo, non só na cuestión estatutaria, senón noutros aspectos como a reforma das caixas ou a negociación do financiamento autonómico, algo que atribúe ao “inmobilismo e revisionismo” do novo Goberno.