26 de julio de 2010

O BNG proclama en Santiago que "Galiza é unha nación sen apelidos"

Guillerme Vázquez culpa a Feijóo de "opoñerse a avanzar no autogoberno".

Miles de persoas participaron hoxe na manifestación convocada polo BNG para celebrar o Día da Patria Galega e que saíu, pasado o mediodía deste domingo, da Alamenda compostelana coa reclamación de "máis autogoberno" e a reivindicación de que Galicia sexa recoñecida como "unha nación".

En declaracións aos medios pouco antes de iniciar a marcha, o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, defendeu o "orgullo" de Galicia como "nación" por ter unha lingua e cultura propias e advertiu de que o recoñecemento nacional supón máis "benestar". Así mesmo, o líder nacionalista tivo palabras para o recurso que presentará a Real Academia Galega contra o decreto do plurilingüísmo da Xunta e valorou a acción da institución académica, posto que a súa misión é "defender o galego". "É un día especial para os nacionalistas para defender a nación, a lingua e o orgullo de ser galegos", proclamou Guillerme Vázquez, quen avisou de que existe "unha dobre crise: a económica e a política". Neste sentido, culpou ao Feijóo de ser "o problema do país" e de "opoñerse a avanzar no autogoberno".

Na cabeceira da manifestación marcharon polas rúas compostelanas a Executiva Nacional liderada polo voceiro nacional, a coordinadora executiva, Teresa Táboas; o tamén voceiro parlamentario, Carlos Aymerich; e os demais membros como Francisco Rodríguez, Xoán Bascuas, Francisco García, Manuel Antelo, Ana Pontón, Ana Luísa Bouza.

Non obstante, non se deixaron ver ao inicio da marcha entre os postos da cabeceira nin o histórico nacionalista e líder do Encontro Irmandiño Xosé Manuel Beiras nin o ex vicepresidente da Xunta e ex voceiro nacional, Anxo Quintana, os cales non obstante si se manifestan unhas filas máis atrás.

Da comitiva tamén formou parte unha delegación internacional formada por máis de 20 partidos nacionalistas do Estado e diversos países, entre os que se atopa o senador do PNV Iñaki Anasagasti, o coordinador xeral de Aralar, Patxi Zabaleta; o secretario de Política Internacional de Eusko Alkartasuna, Sebastián Colio; ou a presidenta da Chunta Aragonesista, Nieves Ibeas.

http://www.xornal.com/artigo/2010/07/25/politica/bng-recorre-ruas-satiago-lembrando-galicia-nacion/2010072513314400484.html

Fraga, a prol de "mellorar" o Estatuto sen que Galicia sexa "nación, porque nunca o foi"

O ex presidente da Xunta censura a actitude "lamentable" dos políticos cataláns tras a sentenza do 'Estatut' e rexeita que os descendentes dos emigrantes teñan dereito "indefinido" ao voto.

O ex presidente da Xunta e actual senador por designación do Parlamento de Galicia, Manuel Fraga, mostrouse hoxe en Santiago partidario de "mellorar" o vixente Estatuto de Autonomía, se ben dende un punto de vista no que Galicia "non é unha nación" e "non o foi nunca", xa que forma "parte gloriosa de España".

Nun almorzo informativo no marco da Tribuna Galicia do Fórum Europa, o presidente de honor do PP lembrou que non ten "simpatía ningunha polos nacionalistas" galegos, se ben subliña a súa aposta por "desenvolver" as autonomías, sen que isto signifique, advirte, que o Estado adopte un corte "federal", dado que, dende o seu punto de vista, o sistema autonómico é un "termo medio" axeitado.

Nunha intervención realizada en castelán por indicación do moderador -"hai medios nacionais", advertiu, despois de que Fraga iniciase o seu discurso en galego- entrou tamén, a preguntas dos presentes, a valorar o escenario posterior á sentenza do Constitucional sobre o Estatut de Cataluña, no que os políticos cataláns, acusa, están a manter unha actitude "vergoñenta" e "lamentable"

Voto emigrante e política estatal

Durante o coloquio celebrado no Hostal dos Reis Católicos, Fraga foi tamén cuestionado sobre a idoneidade de que os emigrantes galegos continúen a votar. Despois de reivindicarse como "fillo de emigrantes", o ex titular da Xunta considerou que "a emigración debe ser cultivada", se ben matiza que "habería que ver, ata que xeración, persoas que nunca viñeron por Galicia e non teñen nin idea de onde está teñen que ter os mesmos dereitos cós seus pais ou os seus avós".

En clave estatal, Fraga cargou contra a política de Zapatero, en aspectos como a súa "inexistente" acción exterior, di. Non obstante, o histórico político conservador desbotou a posibilidade de que Mariano Rajoy impulse unha moción de censura, dado que o seu resultado é "previsible".

Tamén aos socialistas se dirixiu para valorar o papel do Ministro de Fomento e vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, de quen considerou que as súas "opinións poden ser as dun bo ministro para Galicia", pero non "dun político coas ideas o suficientemente claras como para dar leccións aos demais", en referencia a Rajoy.

http://www.xornal.com/artigo/2010/07/26/politica/fraga-prol-mellorar-estatuto-galicia-sexa-nacion/2010072610524300856.html

No hay comentarios.:

Publicar un comentario