3 de enero de 2011

O BNG achega relacións co novo Goberno de Rousseff

Ana Miranda reúnese cos ministros de Exteriores saínte e entrante, así como con diversos dirixentes do PT, tras asistir á investidura de Dilma
 
A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, reuníuse onte cos ministros de Exteriores saínte e entrante do novo Goberno de Dilma Rousseff, Celso Amorim eAntonio Patriota, respectivamente, co fin de estreitar relacións co novo Executivo brasileiro. Miranda salientou o éxito da política social emprendida polo xa expresidente Luiz Inazio Lula da Silva encamiñada a unha maior proteción social e incentivo á educación como exemplo a seguir en Galicia, salvando, eso sí, as diferenzas entre a realidade dun país e outro.
A voceira nacionalista tamén se reuniu con diversos representantes do PT, así coma co líder do PCdB, partido que apoia ao Goberno. Asimesmo trasladoulle á Lula a invitación da formación nacionalista para que viaxe a Galicia, visita que se podería producir no próximo mes e xuño.
O BNG foi a única organización política galega que participou no acto de investidura da nova presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, primeira muller que preside o país despois de 33 presidentes. Ana Miranda participou no acto de transmisión da faixa presidencial celebrado no Palacio do Planalto onde estaban as delegacións internacionais convidadas e, posteriormente, na recepción ofrecida no Palacio de Itamaraty,sede do Ministerio de Exteriores-. Alí saudou á presidenta traslando os parabéns do BNG polo seu nomeamento, así como “das mulleres galegas, porque alí onde esté representada unha muller na defensa do seu pobo, estamos representadas todas nós, tamén as mulleres de Galiza”. As súas verbas arrincaron un sorriso de Dilma Rousseff. Miranda salientou a importancia de estreitar relacións tanto económicas como culturais con Brasil, un país que “fala a mesma língua”.
A voceira do BNG gabou o discurso de investidura da nova presidenta, que calificou de “intenso e emotivo”, e destacou que o “orgullo de nación de Brasil” é a forza “para sacar adiante as políticas sociais” que converteron o país na quinta economía mundial en oito anos.
Miranda salientou tamén o compromiso de Dilma Rousseff e o seu novo Goberno para erradicar a pobreza extrema “ e rescatar a millóns de persoas da historia da miseria, para que Brasil sexa unha das nacións máis desenvolvidas do mundo e menos desiguais”. Asimesmo puxo como exemplo os cambios nos sistemas públicos de saúde, educación, medio ambiente, transporte e vivenda dos últimos anos. “Lembremos que a política do Goberno brasileiro axudou a 27,9 millóns de persoas a sair da pobreza e a 35,7 millóns de brasileiros a mellorar súa calidade de vida e que o presidente Lula marcha co apoio do 87% popular despois de oito anos de Goberno”, aseverou.
Nun discurso profundamente nacionalista, identitario coa identidade brasileira feminista e comprometido coa igualdade Dilma salientou que “alén da súa persoa a valorización da muller foi a escolla do pobo brasileiro ao colocar a unha delas na cabeza do Estado”.



No hay comentarios.:

Publicar un comentario