As galegas Sainz e Pan néganse a usar o galego no debut dos idiomas cooficiais.
Estaban tan expectantes algúns senadores que ata algún membro do Goberno apurou a súa intervención. “Voy a ser breve porque entiendo la inquietud ante el momento tan importante que vivimos”, asegurou a ministra de Ciencia, Cristina Garmendia, no Senado, que hoxe estreaba o uso das linguas cooficiais no pleno.
Foi o senador de Entesa, Ramón Aleu, o que deu inicio a esta posibilidade ao defender unha moción sobre a educación en catalán, polo que deu as “grazas” ao Senado. “É unha satisfacción poder usar linguas diferentes ao castelán”, asegurou. A resposta tocáballe á senadora galega do PP, María Jesús Sáinz, que empregou o español e dixo: “Desde luego amo a Galicia y a mi lengua gallega, de la que me siento muy orgullosa; por ello fue para mí un honor dar las primeras clases de gallego sin remuneración, pero voy a utilizar el castellano porque hablaré de un tema que afecta a todos los españoles”.
Entre os aplausos dos escanos do PP e o ruxe-ruxe do resto, os senadores seguiron intervindo. Os mallorquíns e cataláns empregaron o catalán e o galego por fin se escoitou, pero non da man de ningún senador galego –non intervira aínda ningún socialista nin nacionalista do país– senón da man de Miren Leanizbarrutia, do PNV, que falou en éuscaro pero aproveitou para criticar a actitude da representante popular. “É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos”, dixo así, en galego, no medio do seu discurso en vasco.
Así, a primeira intervención en galego da historia no pleno do Senado cooficial chegou da man dunha representante guipuscoana de Aretxabaleta. A senadora Sáinz, que tivo a oportunidade, rexeitou a posibilidade que lle ofrecía o novo regulamento da Cámara Alta. Só un pouco despois, tocoulle a María Dolores Pan, outra representante galega do PP, que empregou os mesmos argumentos para usar o castelán: “Soy gallega y amo a Galicia, a mi tierra y a mis costumbres, pero voy a hablar en la lengua en la que he hablado estos últimos tres años”.
Só un día antes, o senador lucense do PP, Xosé Manuel Barreiro, recoñecía a Xornal que “se cadra” empregaba o galego porque “estar contra a lei” non significaba que non fose usar a súa “lingua materna”. “Tereino que consultar cos meus compañeiros”, aclaraba o exconselleiro. Posiblemente o consultou, xa que Rajoy, horas antes, amosou a súa negativa ao uso das linguas cooficiais “porque os idiomas son para entenderse e non para crear problemas”.
Cando lle tocou a Pérez Bouza, senador do BNG, usou o galego “nun día importante para Galiza e para a súa lingua”. “Igual que as senadoras Sainz e Pan son galego. Existo en galego e exerzo de galego, pero hai outros que teñen unha estraña maneira de exercer como representantes dos galegos. É
unha falta de respecto que non o usen, polo menos o primeiro día que poden, facendo normal o que debería ser normal... E non se rompeu nada”. Só rachou un pouco máis a lingua.
Con tan vos representantes coma eses senadores do PP non me extrañ que nos dean tanto polo cu. Con perdón da expresión. É unha lástima que a maioría dos galegos non aprecien coma min e outros moitos compañeiros o que estas persoas lle fan á nosa cultura. Pisan nela unha e outra vez e Galiza sen inmutarse. Pois digo eu, se a estas persoas k só só se recordan de que son galegos á hora de vir comer o cocido á casa de seus pais ou seus avós, que marchen para castela e que nos deixen un pouco en paz, e nos deixen vivir como orgullosos galegos dende o ventre á terra!!!
ResponderBorrarCándido Taboada Areán