Comprométese a "pular pola rexeneración" do Bloque coa "condición" de que se acepte a horizontalidade interna e se abra a fronte á sociedade ·· Esixe "reintegrar os milleiros" de persoas que foron expulsados do BNG por "sectarismo" ou marcharon cansos de "aturar unhas relacións internas insoportables"
"O nacionalismo é un fenómeno sociopolítico que soborda os límites das organizacións, e a unidade un obxectivo irrenunciable ó que o Encontro Irmandiño contribuirá para crear un referente político". Así o di a Tese Política que será sometida a debate este próximo sábado, durante a celebración da III Asemblea Nacional da corrente que lidera o ex portavoz nacional do BNG Xosé Manuel Beiras. A cita será no compostelán Hotel Puerta del Camino e o conclave prolongarase durante toda a xornada para reflexionar e tomar decisións ó respecto das posicións políticas que adoptará o EI no futuro inmediato e ó respecto de cómo definir a súa constitución legal como formación política plena e cómo será a súa relación co Bloque.
A xuntanza nacional "irmandiña" chega cando está a piques de cumprirse un ano da chamada Rolda de Rebeldía, que tivo lugar a finais de xaneiro do ano pasado tamén en Compostela, que foi impulsada polo EI, e que supuxo un primeiro paso para a "reosixenación" das relacións entre a esquerda política e a social neste país. Chega tamén esta III Asemblea do Encontro cun pouco de atraso -estaba previsto que se celebrase xa no verán pasado-, pero precedida dun longo proceso comarcal "aberto" no que o EI intentou darse a coñecer en toda Galicia para captar novas incorporacións de xente e suscitar o debate entre todos aqueles interesados.
Lonxe dos eternos ruxe-ruxe sobre unha posible escisión no Bloque que suporía que o EI decidise camiñar en solitario e á marxe da fronte, na súa Tese Política da III Asemblea os "beiristas" comprométense a "pular" por "reconstruír a unidade dun referente político para o que todos somos necesario e ó que queremos incorporar a longa traxectoria do nacionalismo nas súas distintas etapas históricas". "Queremos recuperar os valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos da participación, horizontalidade e democracia participativa", aseguran, para advertir que "a urxencia de lle facer fronte á ditadura do capital financeiro e á brigada de demolición de San Caetano esixe xa un movemento político en sintonía coa sociedade, coa forza da cidadanía organizada e non pode agardar máis".
Así, o Encontro Irmandiño asegura que pulará "pola rexeneración da fronte coa condición de que se acepte abrir o BNG á sociedade, reintegrando os milleiros de persoas nacionalistas de dentro e ós excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportables", e de que "se desarme o aparato burocrático ó servizo da dirixencia".
Neste sentido, e unha vez máis, o EI fai crítica dura á formación frontista. Afirma que "moito ten desandado" o BNG "nos últimos anos da man das componendas co poder, da obsesión pola homologación coas forzas políticas clásicas, de virar as costas á base social e á militancia e da burocratización" ata, segundo eles, "quedar inerme para combater os neofascistas do PP na Xunta cando máis fácil debída de ser pola evidencia da súa política antigalega e antisocial e ante a crueza da crise financeira, económica, social e de representación democrática". Non obstante, os irmandiños, tenden a man dentro da fronte a través deste documento para intentar solucionar a situación e dar lugar ó referente política que agarda parte deste país.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario