1 de junio de 2009

ANA MIRANDA SUBLIÑA QUE “A ÚNICA CANDIDATURA PLENAMENTE GALEGA PARA O 7 DE XUÑO É A DO BNG”


“Nas papeletas en Galiza na lista do BNG todos son galegos e galegas comprometidos co País, nas do PP só figura un candidato que votará en Galiza”

Santiago de Compostela, 1 Xuño 09.- A cabeza de lista da candidatura do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, subliña que “a única candidatura íntegramente galega que se poderá votar o 7 de xuño é a do BNG”.

“Non fai falta máis que comparar as papeletas que se depositarán en Galiza o 7 de xuño nas urnas. Nas do PP só hai un que votará no colexio eleitoral en Galiza, nas papeletas do BNG todos son galegos e galegas que exercerán como tales e que votarán en Galiza”, subliña Ana Miranda.

A candidata nacionalista asegura que a plataforma Europa dos Pobos-Os Verdes na que concorre o BNG ás eleccións europeas no resto do Estado “é a mellor opción para garantir a representación do BNG no Parlamento Europeu o 7 de xuño, e polo tanto para que a voz e os intereses de Galiza sexan escoitados e defendidos en Bruxelas”.

Ana Miranda salienta que “as forzas que concorremos en Europa dos Pobos-Os Verdes compartidos unha idea de Europa máis social, que defenda os dereitos dos traballadores e o dereito das nacións sen estado a defender directamente os seus intereses na Unión Europea, aínda que cada partido ten o seu propio programa ”

Canto máis votos obteña o BNG máis tempo ocupará o escano

Por último, Ana Miranda explica que a plataforma Europa dos Pobos-Os Verdes (a papeleta que aparece no resto do Estado), na que o BNG ocupa o segundo posto na lista, “establece que cada forza política ocupará o escano proporcionalmente ao número de votos que acade”.

“Cun deputado que consiga a plataforma, o BNG ocuparía o escano un mínimo de dous anos, con dous deputados que consiga a plataforma o BNG ocuparía un dos escanos un mínimo de 4 anos”, explica.

Por iso, Ana Miranda insiste na necesidade de que “o BNG acade o mellor resultado o 7 de xuño, pois canto máis votos consiga o BNG máis tempo poderemos defender directamente os intereses galegos, máis tempo Galiza terá voz propia en Europa”.