3 de junio de 2009

"Os eurodeputados galegos do PP e PSOE xogan sempre co equipo de fóra"




O portavoz nacional do BNG lembra que para loitar polos problemas do país, como dicía Castelao, "abondaba con que se sentisen galegos"


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá na Faculdade de Económicas da Universidade de Santiago nun encontro con mozos e mozas no que tamén tomaron parte o candidato Xavier Vence, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, e a cabeza de lista nacionalista aos comicios do domingo, Ana Miranda.
O portavoz nacionalista criticou que tanto PP como PSOE e os seus eurodeputados "xogan sempre co equipo de fóra", polo que, parafraseando a Castelao, apuntou que, para loitar de verdade polos problemas de Galiza e acadar resultados, "bastaba con que se sentisen galegos".
O número un do nacionalismo expuxo algúns dos principais problemas que castigan o pobo galego e indicou que "non é explicábel como Galiza perde poboación, mentres o resto do Estado crece", polo que aludiu os milleiros de mozos e mozas galegos que aínda se ven obrigados a emigrar.
Para combater esta situación, Vázquez avogou por un modelo de Europa "distinto", fronte á proposta única de PP e PSOE que non é outra que "o modelo de Sarkozy, Berlusconi ou Merkel, porque todos eles pediron o si á Constitución Europea".
O líder do Bloque reivindicou unha Europa "social, que respeite os dereitos dos traballadores e traballadoras, que apoie os servizos públicos, que garanta a libre interrupción do embarazo e cun modelo económico baseado na economía produtiva e no que Europa ten que xogar outro papel".
Ante un público formado por máis de cincuenta estudantes, o portavoz nacional cargou contra o "europapanatismo acrítico" e asegurou estar "cansado de oír á xente que di que temos unha tara xenética que nos fai incapaces de competir" e criticou tamén "aos que queren que nos suicidemos como pobo".
Ante isto, Vázquez recalcou o labor do BNG en eidos como a defensa do noso sector lácteo, a pesca ou o naval. "Nós levamos adiante estas reivindicacións e obrigamos os outros a dicir 'eu tamén'".
Ferrocarril transiberiano
O líder do Bloque criticou a situación das infraestruturas ferroviarias galegas e aludiu á "excusa" comunmente utilizada para xustificar os continuos retrasos da chegada da alta velocidade ao noso país como é a "orografía", "pero se até os romanos facían calzadas de Braga a Lugo!", exclamou.
O portavoz nacional referiuse aos 16 anos de gobernos de PP e PSOE que transcorreron sen que o AVE chegue ao noso país, mentres xa está rematado ou en obras en Andalucía, Valencia, Valladolid ou Cataluña e equiparou o Eixo Atlántico co "transiberiano" pola lentitude na súa execución.
Ana Miranda
Pola súa banda, o cartel nacionalista nestes comicios europeos, Ana Miranda, reivindicou que a mocidade galega "debe ter un representante directo en Bruxelas, non con intermediarios, e ése representante será o BNG, que falará en nome da mocidade para que coñezan a realidade do país".
A número un da lista lembrou que os mozos e mozas galegos representan o 15% da poboación e criticou a situación económica que ten levado a emigrar a tanta xente nos últimos anos pola ausencia de posibilidades de traballar na nosa terra.
Para combater esta situación, a candidata advogou pola necesidade de que Galiza xestione directamente os fondos europeos destinados á investigación "para conseguir que a xente nova poida traballar aquí porque nestes últimos cinco anos, en Europa non se falou nada da mocidade galega, nin do noso sistema universitario".