Benquerid@s Amig@s
O Partido Popular ten un obxectivo político básico: inhabilitar o Bloque Nacionalista Galego como forza política de oposición. O PP sabe que o nacionalismo é a oposición real ao seu proxecto reaccionario e desgaleguizador. O PP non ten nada que ofrecer aos sectores sociais máis castigados pola crise económica e carece de alternativas para que os sectores produtivos estratéxicos do país -a comezar polo lácteo- podan saír da dramática situación na que se atopan. Como non ten nada positivo que ofrecer, o PP ten deseñado unha estratexia para que as alternativas programáticas que si ten o nacionalismo galego non saian á superficie e fiquen solapadas por unha nova campaña de intoxicación, mentira e difamación contra a nosa organización política.É máis: o propio conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, nun xesto inaudito en calquera democracia avanzada, perpetrou unha chantaxe ao Bloque Nacionalista Galego. Se a oposición, afirma, continúa a denunciar ao Goberno “tiraremos á luz os escándalos do bipartito”. Pouco importa que os tales escándalos sexan unha cortina de fume pura e dura orquestrada polos servizos do propaganda gubernamentais. Pouco importa que o propio Partido Popular non poña en cuestión a legalidade de todas as actuacións feitas polo BNG desde o Goberno. Pouco importa que o propio BNG teña convidado ao PP a ir ao xulgado de considerar que houbese calquer irregularidade. Iso é o de menos. Do que se trata é de sementar a dúbida e de socavar un dos principais capitais do nacionalismo galego perante a sociedade: a ética e a honestidade que sempre caracterizou o exercicio da función pública por parte das nacionalistas e dos nacionalistas galegos.Debemos ter moi en conta cal é a estratexia do Partido Popular e a que intereses serve, aos intereses de perpetuar o dominio de grupos sociais minoritarios que consideran que o País é da súa propiedade e que non están dispostos a seren controlados democraticamente. Nesa mesma estratexia de intento de anulación do labor do BNG na oposición cabe inserirmos a aplicación enormemente restritiva que o PP fai do regulamento do Parlamento galego, dirixida a minguar até o límite a nosa capacidade de intervención na Cámara.O PP quer, por tanto, amordazar o nacionalismo galego porque sabe que é o BNG a única forza política que realmente cuestiona o seu proxecto reaccionario e anti-galego. Nun momento en que o País está atravesado por conflitos sociais e económicos que teñen a súa orixe na aplicación do recetario neoliberal, nun momento en que a sociedade galega asiste estupefacta a unha campaña de ataques sen precedentes contra a lingua galega, o PP quer neutralizar a única forza política que representa a outra Galiza posíbel, a Galiza das maiorías sociais, a Galiza orgullosa da súa lingua nacional.Estamos pois ante unha batalla política, a do Partido Popular contra o Bloque Nacionalista Galego. Todos e todas debemos ser conscientes de que esa é a verdadeira lóxica que subxace como trasfondo das denuncias falsas e fraudulentas do PP contra o BNG. Todos e todas debemos, pois, combater a mentira e a intoxicación e defendermos con máis enerxía se cabe as alternativas que representa o nacionalismo galego para este País.O Partido Popular de Feijóo non nos vai calar. Fracasará onde xa fracasaron outros. O BNG non vai demitir das súas responsabilidades perante a sociedade galega. O BNG vai apresentar unha oposición dura, contundente e exixente. O PP ten que deixarse de escusas e ten que se pór a gobernar xa, ten que explicitar que iniciativas políticas ten para enfrentar a gravísima crise económica que sofremos e ten que deixar dunha vez de agredir o idioma galego.Ese é o campo de xogo no que vai xogar o Bloque Nacionalista Galego. O BNG non vai xogar no campo de xogo que nos marquen aqueles que non moven un dedo mentres a nosa economía sofre a peor crise das últimas décadas e mentres o galego continúa retrocedendo. O BNG existe para defender este País e para que a democracia en Galiza sexa merecente de tal nome. E non nos dobregarán!Atentamente.
Guillerme Vázquez.Portavoz Nacional do BNG
Guillerme Vázquez.Portavoz Nacional do BNG