22 de junio de 2009

O BNG acusa ao Goberno do PP de "ser mero espectador ante a posíbel absorción das caixas galegas por entidades de fóra"


Santiago de Compostela, 19 Xuño 09.- O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e o voceiro do BNG na Comisión de Economía e Facenda no Parlamento Galego, Fernando Blanco, compareceron este mediodía en rolda de prensa para criticar “a falla de iniciativa e de posicionamento” do Goberno galego ante a posíbel absorción das caixas de aforro galegos por entidades financeiras doutras Comunidades Autónomas.


“Risco de deslocalización financeira” Carlos Aymerich expresou “a preocupación do BNG porque así como o PP ten demostrado dende o Goberno o seu apoio á deslocalización industrial moito nos tememos que estea a favorecer a deslocalización financeira, co que os centros de decisión financeira quedarían fóra de Galiza”. “O Goberno galego está a ser mero espectador dun proceso moi importante para Galiza” Pola súa parte, Fernando Blanco criticou a postura de “mero espectador do Goberno do PP, co que da a entender que quere chegar a unha situación onde as caixas galegas se vexan absorvidas polas caixas foráneas”. O deputado do BNG advertiu de que “están en xogo non só miles de postos de traballo senón tamén que os centros de decisión financeira, e polo tanto de apoio ao tecido produtivo galego, sigan ou non en Galiza”. Neste sentido, Fernando Blanco esixe ao Goberno galego que “clarifique a súa posición” e, neste sentido, presentou unha interpelación no Cámara galega. Duplo raseiro coas caixas e cos bancos Por último, o parlamentario do BNG criticou “o duplo raseiro” que utiliza o Goberno para inxectar recursos públicos no sistema financeiro, xa que “cando concedeu axudas aos bancos non puxo ningún tipo de cortapisas e agora, para concederllas ás caixas de aforros, quere condicionalo a que as Comunidades Autónomas non teñan veto e a que haxa fusións interterritoriais”.