29 de octubre de 2009

Ana Miranda acusa o Goberno galego de "estar ausente do debate sobre a reforma da política pesqueira común"

Santiago, 28 Outubro 09. A portavoz do BNG no Parlamento europeu, Ana Miranda, compareceu esta mañá na Sede Nacional para oferecer unha conferencia de imprensa a respecto da reforma da política pesqueira común (PPC).

A futura eurodeputada cualificou de “abandonista” a política pesqueira da Xunta. “O Goberno galego non só está ausente do debate sobre a reforma da política pesqueira común, senón que ademais entrega na Cámara uns orzamentos galegos que contemplan un recurte intolerábel dos fundos da Consellaría do Mar”, denunciou Miranda.

A portavoz nacionalista criticou o presidente da Xunta por facer “unha viaxe propagandística” a Bruxelas para “facerse unha foto con Durao Barroso” e non abrir nen un “oquiño” na súa axenda “para entrevistarse co comisario de Pesca, co que nós, e en compañía de representantes do sector pesqueiro, si nos vimos hai agora un ano”.

Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, non está a facer o que debería: “Debería liderar a posición galega ante a reforma da PPC. No canto de facelo ela, estámolo a intentar facer nós. Ela debería recorrer os portos, reunirse con confrarías, coas asociacións de artes menores, coas mariscadoras. Nada diso está a facer”.

O BNG, en estreita coordenación co propio sector, está a elaborar unha “posición galega, de País, ante a reforma da PPC”.

Esa postura nacional sintetizouna así Ana Miranda: “Queremos que Galiza sexa considerada Zona Altamente Dependente da Pesca, que se conceda un tratamento específico á frota de baixura e ao marisqueo, que as axudas que se outorguen non vaian ao desguace, senón á modernización da frota e que se controle con moito rigor a orixe dos produtos de importación que entran nos nosos mercados, de maneira que non sexa posíbel que mexillón procedente de Chile se comercialice baixo o rótulo de Rías Gallegas”.

A mellora das condicións social-laborais e retributivas de mariñeiros e mariscadoras e a denuncia do principio de estabilidade relativa (en virtude do cal os barcos galegos non poden acceder en igualdade de condicións aos caladoiros comunitarios) son outros dos principios que, a xuízo do BNG, deben conformar a posición galega no debate en curso para a reforma da PPC, concluiu Ana Miranda.